by Katangueiro
A nosa sociedade actual non está baseada nun sistema, como adoitan confirmar e reafirmar os diferentes medios transmisores de ideoloxía cos que contamos. Efectivamente, vivimos e padecemos un diasistema, isto é, unha serie de sistemas que entran en relación entre sí, formando un conxunto que non constitúe unha sociedade unitaria (é dicir, un sistema coherente), senon variable (nos aspectos social, político, económico, cultural e xeográfico) e en cambio constante. A crise actual non é unha crise dun sistema, senon a crise global do diasistema, do conxunto do suposto modelo que nos conduciu ata aquí. Tentarei explicalo dun modo sinxelo.
Se estivésemos vivindo unha única crise económico-financeira, tal e como se nos vende, non sería complicado ir recuperando o emprego destruído ao ritmo, canto menos, da recuperación de beneficios por parte de banca, multinacionais e empresas estratéxicas (enerxía, telecomunicacións, ...). Isto non só non está a ocorrer. A actitude fanática de Telefónica pretendendo deixar sen emprego a 8.000 traballadores e traballadoras tras un ano de beneficios récord e primas a directivos que supoñen XA o 25% do gasto total de persoal non se pode explicar apelando simplemente á usura e/ou falta da máis mínima sensibilidade social ou compromiso empresarial destes directivos. Non ten sentido, é absolutamente absurdo, desfacerse dun número tan importante de persoas quen, co seu esforzo, traballo ou dedicación, son ás que se lles deben eses beneficios. Non ten sentido presentarse ante o conxunto de cidadáns tan abertamente enriquecidos e por enriquecer e cunha mensaxe ben clara: a recuperación dos beneficios non vai supoñer máis emprego -de feito pode supoñer menos aínda- polo que toda resistencia, toda esperanza ou toda confianza no "sistema" é fútil. O ludópata precisa xogar máis cando vai perdendo, movido pola ansia de recuperarse, pero ao tempo máis xoga cando máis gaña. Non é un sistema con resultados obxectivos. É unha permanente fuxida cara adiante ata acadar a destrución e o absurdo.
Se estivésemos vivindo unha única crise económico-financeira non se explicaría que o Estado aplicase recortes sociais de toda índole, argumentando falta de liquidez ou insostinibilidade do sistema social, se non fose para adicar TODOS ESTES RECURSOS á creación de emprego. Como tod@s sabedes, os cartos estánse a destinar a axudar indefinidamente ás entidades financeiras, ben sexa a fusionarse, reconvertirse en bancos ou a cubrir as súas operacións especulativas agora en risco, polo que nos son comúns. A maior abundamento da nosa argumentación, os cartos insuflados nas entidades están a servir para liquidar oficinas e destruír máis emprego. Contraditorio, non? Ou absurdo.
Se estivésemos vivindo unha única crise económico-financeira onde a única opción recomendada desde as diferentes institucións públicas e privadas europeas sexa a salvación do euro a toda costa, como entendemos entón as terribles condicións de rescate impostas a estados que, como é xa de facto o caso de Grecia, non serán quen de facerlles fronte provocando que a única opción posible sexa definitivamente a súa saída do euro ou empeñarse ata tal punto que sexan preciso varias xeracións de "empeñados" que, á súa vez, lastrarán as propias posibilidades de recuperación do conxunto da súa economía? Preténdese a mesma estratexia para os casos de Irlanda, Portugal e, nun futuro próximo, España? É por isto que xa hai "informes" que advirten dun posible rescate de España en caso de que Grecia decidise saírse do euro ou deixar de pagar a débeda contraída no seu rescate xa que, de producirense calquera destas situacións, España tería auténticas dificultades para "colocar" os seus bonos? É absurdo.
Se estivésemos vivindo unha crise económico-financeira, como é posible que as grandes decisións macroeconómiocas continúen nas mesmas mans que, coa súa conduta insensata, provocaron este derrube antolóxico das bases sobre as que se viña sustentando o modelo económico capitalista dominante? Se hai dous-tres anos falábase de atar en corto os mercados, como é posible que sexan estes os que nos teñen a todos atados en corto?
Non, queridas amigas e amigos. O diasistema enteiro está en descomposición. As protestas do Magreb, as acampadas en España e, agora, o efecto contaxio en Europa proban que, máis aló de diferenzas importantísimas entre uns lugares e outros, entre unhas sociedades e outras, estase espallando a idea de que isto, efectivamente, non funciona e que as transformacións non poderán chegar da man dun sistema político, o de aquí ou o de alá, que é visto como lastre, como corpo morto que nos arrastra nunha espiral de egoísmo e ambición que nos conduce a todos ao abismo. Así é como é visto pero non como debería ser. O propio sistema cultural no que nos criamos está agora desfasado ante as novas realidades que trae a globalización. Os traballadores de telefónica vítimas do anunciado ERE teñen máis en común con aqueles universitarios e universitarias musulmáns que se prepararon para unha vida mellor, para pilotar o progreso nas súas sociedades e que teñen, a cambio, dificultades para traballar no que menos se paga cando non a imposibilidade absoluta de acceder ao mercado laboral que cos propios directivos de Telefónica aos que fixeron gañar tantos e tantos cartos. Así están as cousas, non é que o diga eu...por desgraza, pero é absurdo.
O sistema social (educación, sanidade, asistencia, dependencia, conciliación...) está tan atacado que pronto deixará de ser un sistema. A privatización daquilo que nos é máis común e necesario é xa unha evidencia. As eleccións celebradas ao longo de Europa toda indican un grave xiro social cara á dereita, favorecendo precisamente a quen máis se sinalou na defensa das bondades do modelo neoliberal dos neocons. A economía diaria está sumida noutra espiral de despropósitos: non hai nin lei nin criterios no mercado. As multinacionais abren e pechan ao seu antollo, destruíndo emprego por capricho. A sociedade, que de estar formada por cidadáns está pasando a ser de consumidores, non achega máis criterio que o da exaltación da novidade. O consumo, ademais, continúa a ser irracional e só atopa freo en canto hai familias completas pasando graves dificultades económicas. O medioambiente non está entre as principais preocupacións nin tan siquera despois do máis grave accidente nuclear da historia. Para colmo, como en "Esperando a Godot", unha parte importante da sociedade suspira polos tempos da burbulla inmobiliaria esquecendo, non sei se propositadamente, que esa é precisamente unha das razóns de atoparnos onde estamos. É absurdo, claro, pero este absurdo resulta dramaticamente máis real que o que nos veñen contando a diario os medios de comunicación maioritarios.
Hai medo, e o medo imposibilita o cambio. Tomarás consciencia? Tomarás partido?
Ai....canta frustracción absurda e cruel!!!!!! (VER ARTIGO EN MARDOORZAN.COM)
Ai....canta frustracción absurda e cruel!!!!!! (VER ARTIGO EN MARDOORZAN.COM)
Deches no cravo, katangueiro
ResponderEliminarNavia
ResponderEliminarDeíxoche unha reflexión persoal sobre algo do que ti falas no teu exclente post.É un pouco longo, mais considero que a situación precisa de explicacións suficientes.
É posíbel outra política económica? Son posíbeis outras políticas? Hai saída?
É curioso que os poderes políticos non sexan quen de pararlle os pés, para establecer unhas normas, leis ou acordos, que poñan firmes aos especuladores e defraudadores que controlan as grandes bolsas mundiais. No fondo é que non queren pois as políticas que se defenden son as políticas da dereita maís ultraliberal, no fondo son os grandes investidores os que colocan aos gobernantes e estes seguen os seus ditados. Un exemplo paradigmático de todo isto son os resultados da última reunión do G-20, onde o único que se conseguiu foi un pacto de non agresión, de momento, entre China (non debemos esquecer que o país asiatíco ten a maior reserva de dólares do mundo) e EEUU e Europa non fixo máis que oficiar de monaguillo, mentres os especuladores se ceban e alimentan das debilidades e da febleza da política europea. Xa o dixo Warren Buffet, unha das persoas máis ricas do mundo, coñecedor do mundo financeiro empresarial, ao cal pertence, “hai clases e loita de clases, e a miña clase está gañando esta loita”. Evidente e os datos son contundentes: a nivel mundial os poderosos, non chegan ao 1% da poboación, posúen máis de ¼ da riqueza do planeta.
Semella, pois claro, que a saída da crise non pode vir polas receitas respaldadas pola sensibilidade neo-con, que pretende culpabilizar, entre outras, da crise fundamentalmente ao excesivo gasto público ( que provocaría o deficit a a débeda pública) e ás das rixideces do mercado laboral
Todo o que está acontecendo nestes tempos non é maís que a expresión da “loita de clases” na que a clase dominante está a impoñer os seus criterios e as súas rendibilidades a costa das clases traballadoras. Isto está a provocar movementos de descontento, desideoloxización, cansanzo, frustación... A cuestión que se plantexa é como se pode canalizar todo o descontento social, por esta situación, para o reverter cara posicións de mais xustiza social e que non sexa aproveitado pola dereita reacionaria como acontece nos EEUU e en España.
Hai que estimular a demanda dos estados a base dunha redistribución das rendas cun incremento da capacidade adquisitiva das clases populares, impedindo baixos salarios (que son a causa da baixa produtividade e da baixa capacidade de gasto) e unha enorme expansión do gasto público co obxectivo de crear emprego, precisamente as políticas opostas ás que se están realizando. É precisamente naqueles estados que procuran unha maior distribución da riqueza onde mellor se resiste ante do embate da especulación dos mercados. Agora o incremento do gasto público non é o mesmo nos EEUU ou China, que teñen a capacidade de devaluar as súas moedas e é o que están facendo, que en Europa cunha grande debilidade política, pola renuncia a facer unha EU de maior cohesión social e política, e baseada fundamentalmente na unión monetaria. No caso europeo, coas súas diferencias, é preciso facer unha política de maior distribución da riqueza gravando ás rendas maís altas, en definitiva aumentando os impostor a quen máis ten.
Con respecto á falta de crédito, este debe resolverse a base dunha intervención pública, non para axudar os banqueiros, como se fixo, senón para garantir o acceso ao crédito. Como era predicíbel, as medidas de austeridade esixidas ás clases populares van acompañadas con medidas moi xenerosas á banca. Se todas as “axudas” á banca se investiran en crear bancos públicos de crédito, a falta de crédito xa se tería resolto. Gastáronse billóns de € e dólares, para salvar a banca, cando con este diñeiro podería (e debería) estabelecerse unha banca ou bancas públicas que garantisen o acceso ao crédito por parte de empresas (sobre todo medianas e pequenas) e cidadanía.
Graciñas pola vosa atención e as vosas palabras. O post quedou longo...e iso que non me metín cos pepinos de Dona Angela!!!!!
ResponderEliminarSe me permitides unha frase einsteiniana: non sei como será o III Reich pero sei como será o IV: inminente!!!!!!