A última vez que vin ao Naranjito -aquela mascota cítrica que protagonizara o mundial de fútbol de España 82- foi en Miño, no últimos estertores do verán de 1989. Uns amigos quedáramos a pasar a fin de semana nunha casa familiar desa localidade costeira, equidistante entre A Coruña e Ferrol. Compráramos algunhas botellas de licores brancos e varios refrescos e subimos a un monte próximo desde o que divisábamos a vila de Sada. No primeiro envite que lle larguei ao cubata sentín unhas nauseas terribles e repentinas que me levaron ao desaloxo inmediato estomacal, aínda antes de ter rematado medio vaso de tubo. Os meus amigos quedaran tan abraiados ante a miña reacción que deseguido procuraron unha linterna que dese luz e taquígrafos a todo aquel desmadre alimentario, así de espabilados que eran. Entre arcadas e bilis apenas atinei a divisar entre a herba o bote de Fanta de laranxa que acababa de servirme xunto co Vodka. Naquela noite fuxidía, naquel espazo atlántico que mira sempre ao oeste, brillou como nunca antes o fixera unha oxidada imaxe redonda e alaranxada como laranxa era o sabor do refresco. A tal lata caducara había seis anos. A derradeira putada da mascota. O fin, tamén, de toda unha época para min.
Tres anos antes, en 1986, a televisión estaba ben chea de homes enchaquetados, acenos afectados e garabatas imposibles. Tanto tiña que fosen os Carrillo, González, Suárez, Fraga –cando espertou o líder da dereita, aínda estaba alí- ou Cabanillas, Don Pío, pero a rúa, a nosa rúa, estaba ateigada de ledicia e insumisión estética. Os meus colegas rockers, os meus colegas jevirulos, os meus colegas punkarras ou os meus colegas mods e/ou neomods coincidíamos ben na Cidade Vella, ben nos cais do Porto, especialmente aqueles días que atracaba algún buque soviético cargado de rapazolos ansiosos por cambiar o seu alucinante tabaco de longo filtro acartonado en troco de calquera cousa occidental que levásemos enriba. O Porto era un bo lugar para min. Alí quedaba, as máis das veces, para compartir cos amigos aquel viño COES tan barato e estimulante, e outras, desgrazadamente as menos, para esconderme con M.J.D.F. por entre os almacéns que atopabas á altura da Palloza, lonxe de toda mirada que non fose a nosa. Iso cando non había cartos para o cine. Lembro ter comprado entradas para ver as peores obras cinematográficas do mundo e lembro ter acariciado cunha mistura de ansia e temor os grandes peitos mozos de M.J. pero o que non lembro son as propias películas que supostamente fomos ver.
Chegado aquel mesmo agosto, acudín xunto coa miña irmá á primeira edición do Noroeste Pop-Rock da Coruña, celebrada no Palacio dos Deportes de Riazor. Fomos xuntos pero non revoltos, que non era o caso dar a imaxe de sermos parella. Encantounos Viuda Gómez e flipamos cuns tipos que sacaron a bandeira de Suecia, pano co que aseguraron sentirse absolutamente identificados (?). O nome: Método Sueco. Claro. Logo pasaron os Glutamato, con esa estética tan nazi, Resentidos, Siniestro, Burning, Objetivo Birmania (puagh)...un mogollón da hostia para dous menores sen cartos. Xa de madugada, contra as tres ou catro da mañá, subiu ao escenario un tipo algo espigado de tez branquecina. Chamábanlle o Pereiro e cantaba en Radio Océano. “Son tan atlantico que teño gripe en agosto”, dixo, e comezaron a tocar. As cancións que máis me gustaban eran "Sexo Soviético" –sexo soviético, polvo quinquénico- e "Narcisismo", esta última con letra de Lois Pereiro:
Sigo os pasos do meu sangue no meu corpo
e coa unlla do meu dedo mais firme
abro un sulco vermello en media lua
na vea que me acolle tan azul
Narcisismo, narcisismo, narcisismo, narcisismo.....
A transición era miña e Lois Pereiro estaba alí. Feliz Día das nosas letras, señor Lois...señores Pereiro.
CLAREXANDO IDEAS NO DIA DAS LETRAS
ResponderEliminarUn servidor, redactor xefe do blog, xa sabía que o video de Greve Geral ía axiña a causar comentarios dos radicais neonazonalistas, pero precisamente aproveito esta editorial para clarearlles algún conceptos. Gracias aos que se paren a lela.
DO NOSO IDIOMA
O galego non precisa de ser defendido e menos por interesados políticos, só precisa de ser falado, lido e escrito, esa é a mellor forma de amalo e conservalo. Xa é mágoa que certos persoeiros teñan que esperar aos dezasete de Maio para lembralo. O galego hai que cultivalo todolos días. Lonxe de fronteiras ideolóxicas o galego ten un claro dono, é de quen o queira. Inda así moitos intentan apropiarse del, facelo seu e facer de sí unha identidade. Ése precisamente e o gran dano que o neonazonalismo galego capitaneado polo partido político BNG e os seus agoreiros está a facerlle á nosa lingua. As súas políticas de implantación idiomática e desprecio do castelán fan que o galego se engaiole nun espazo limitado ás mentes dos máis intolerantes. Unha lingua sempre medra se é libre porque unha lingua é cultura e cultura é liberdade, para iso compre a convivencia, pluralidade e o respecto.
DO NAZONALISMO
O nacionalismo é unha forma de política que xurde da oposición a un estado moderno, son formas de facer avanza-los intereses das élites, os grupos sociais e os gobernos extranxeiros en contra do Estado. Existe unha idea equivocada segundo a cal o nacionalismo emerxe dun senso cultural da identidade nacional dun povo, poren moitos estudos sociolóxicos teñen demostrado que o nacionalismo é un xeito de crear un senso de identidade para mobiliza-lo apoio popular. Exemplos históricos de ncionalismo son:
A oposición nacional de Inglaterra e Francia durante os primeiros tempos modernos.
O separatismo dos imperios de Habsburgo e Otomano.
O fascismo en Alemania, Italia e Romania.
O nacionalismo reformista na China, Xapón e Turquía.
Os nacionalismos separatistas escocés, vasco, canadiense, etc...
DA NOSA IDEOLOXÍA
Nos non apoiamos a ningún partido político, e menos en Teo tal e como está o panorama. Simplemente defendemos a idea de liberdade, participación cidadán e dirixentes públicos ao servizo da cidadanía. Dentro destes límites compartimo-la existencia de calquera ideoloxía. Este perfil democrático non foi amosado polos últimos alcaldes de Teo, nin Armando Blanco nin moito menos Martiño Noriega. É por iso que na situación actual pedímolo voto para que o Bloque Nacionalista de Teo non goberne os vindeiros catro anos. E cadaquen que baixe as escaleiras como queira, inda que postos a escoller preferimos un goberno de esquerda para Teo.
Gracias a todos i en especial a Lois Pereiro pola túa herdanza inmaterial pero eterna...
"Poesía. Patria. Paixón. Perigo de extinción, perdidos en nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos. Paisaxes dispersas, aliñados entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade. Paixón e Poses "punk", reflexos Postmodernos e altas horas nos diques urbáns da noite.".
LOIS PEREIRO. Do libro POEMAS 1981/1991 (Edicións Positivas. Santiago de Compostela, 1992).