Páginas

A Unión Europea de Consumo by Sarkozy

by Katangueiro, desde o borde mesmo...

O pasado domingo, en plena escalada mesiánico-apocalíptica do mestre, do profeta, do guía, do caudillo, do mesías, e de tantas e tantas cousas inútiles que pode ser o chungo Sarkozy, recibimos con ledicia extrema -iso si, contida- a súa clarividente aseveración mitineira-parisina (ou lá lá) que finiquita, por se alguén o dubidaba, aquilo que se dera en chamar pomposamente Estado do Benestar e que co tempo foi devindo en Estado de Estar, primeiro, e Estado de Malestar, agora.

Efectiviuonder, o pedorro apóstata da sensatez clamou desde o seu atril ante milleiros e milleiros de antropomórficos cidadáns/ás, agora transmutados/as en consumidores/as. Clamou ante millóns de familias francesas e, por extensións, europeas, poñendo fin a tal invento, ese do Benestar, pensado para enganar á pobre clase traballadora de occidente naqueles anos tolos en que tampouco se tiña moi claro se era preferible vivir aquí ou na URSS. Pobre ela, onde queira que repouse. Cantos crimes se cometeron no seu bendito nome!!!!!

O mamarracho hungárico amigo da Vanity Fair clamou como só el sabe, alentando ese espanto, ese medo irracional que nos está a levar a todos e todas, sen distinción xenérica algunha, ao mesmo borde do precipicio abisal. Ese borde tan profundo e demoníaco que pide, que suplica, por un pequeno paso adiante. Pequeno para ti. Xigante para os mercados. "Compra e morre, afórranos a túa xubilación". Clamou no oasis e no deserto. Na estepa e na tundra. Na selva e na planicie. Clamou. Sarkozy clamou e deixou todo claro. Todo iso que o implúmbeo Rajoy -e antes o chamado socialista- nin quixeron nin queren aclararnos.

 E clamou e dixo: "A construción dunha Europa do consumo é un erro se xunto a ela non hai unha Europa da produción". Bravo. Eu preferiría deixalo en "a construción dunha Europa do consumo é un erro", pero algo é algo. Non hai máis Europa que preocupe e ocupe nestes momentos aos nosos/seus gobernantes. Se non vendiches bonos a futuros de España, por poñer un exemplo, agardando o seu total desplome para sacarlles a túa boa comisión é que non estás no mundo. Coleguita. Non estás.

Dá ese paso ao abismo e afórranos máis sufrimento. O teu sufrimento. Polo ben do teu País. Por salvar o euro. Por tranquilizar os mercados. Compra e morre. Que máis queres?

Rosalía pop

by Katangueiro et Pacotrón ad libitum




Hoxe é o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e ferven os medios galegos e a rede con cuestións relativas á súa obra e figura. Nós, pobres katanguistas, non queríamos nin podíamos ser menos. Pero ocorre a terrible desgraza de que un non che vos está capacitado para cousas destas. Máis por falta de ansiedade que de calidade. Cousas. Así que, unha vez máis, tiven de recorrer ao insoportablemente infame Pacotrón para que, con recurso de amparo, me/nos escribise algunha cousa del, ultimamente tan e tan enredado nas cousas que lle son propias ao Pacotrón.

Digamos que o tiparraco cumpriu e temos esta revisión pop da Rosalía feita, creo eu, con ganas de provocar. Isto é o que nos envía o paxarolo:

"Estimadas e inestimados katangueir@s:

É relativamente frecuente escoitar, á hora de abordar personalidades como a de Rosalía de Castro, que a estas alturas pouco ou nada queda por dicir dela e da súa obra. A min paréceme que si, que queda abondo. Ninguén discute, por exemplo, a súa universalidade, mais tamén é certo que as diferentes literaturas que a contemplan entenden de forma ben diferente a súa mesma obra. Explícome, no eido da literatura española é moi frecuente valorar "En las orillas del Sar" como a súa obra culmen, en tanto nos nosos lares, na casa, teimamos -e eu entre moit@s- en preferir "Follas Novas", e non só pola lingua na que está escrita. A capacidade que Rosalía exhibe para pasar do máis íntimo ao máis colectivo é absolutamente marabillosa. De tanta universalidade que alí se atopa poderíamos dicir que é toda unha artista pop, no mellor e máis amplo sentido da palabra que escollades. Pese a esta opinión que teño e manteño, decidinme hoxe por uns versos da súa poética en español, convenientemente traducidos ao galego, para unilos en comuñón quizais indecente, quizais provocativa, a unha serie de versos tamén escollidos e traducidos por min da autoría de Robert Smith. Que atrevida é a ignorancia, diredes. Pois si. Son un maldito e bastardo ignorante. O que si que vos garanto é novidade ao respecto. Unha novidade sobre Rosalía. Esa mesma que hoxe me atopei nunha selección de "poemas góticos" que fixo algunha web. Que atrevidos son os góticos.

Quédavos isto de min para vós. Que gostedes. Seguro -pero seguro- que ides dubidar.

ROSALÍA POP

...Non está  a miña casa deserta...
non está deserta a miña estancia...
que aínda que non estás ao meu lado
e aínda que a túa voz non me chama,
a túa sombra si, si...a túa sombra;
a túa sombra sempre me agarda.

Unha tumba pouco profunda,
un monumento á idade arruinada.
Xelo nos meus ollos
e os ollos ao igual que o xelo non se moven
berrando á lúa
outro tempo pasado.

Tal imaxino a sombra triste
da miña man, soa vagando
nas esferas onde existe
que ir á gloria se resiste
polos que quixo agardando.

Pero o mundo non é nin xusto nin inxusto,
é só nós, tentando sentir que hai algún sentido niso.
Non, o mundo non é nin xusto nin inxusto,
e aínda que é mozo,
tanto sen facer.
É unha traxedia para todos.

Cando lembro do ancho bosque
o mar dourado
de follas murchas que no outono
axita o vento con sopro brando,
tan fonda angustia nubra a miña alma,
turba o meu peito,
que me pregunto:
Por que tan perto
tan fiel memoria deume o ceo?

Non había un plan o calquera cousa segreda,
non hai rastro invisible ou a verdade contada en nada...
se non vivir nos demais, nos recordos e nos soños.

Ámote...por que me odias?
Ódiote...por que me amas?
Segredo é este o máis triste
e misterioso da alma.
Máis isto é verdade...verdade!
dura e atormentadora!
Ódiasme, porque te amo;
ámote, porque me odias.

O teu nome
como xelo no meu corazón.
Todo tan frío como a vida.
Ninguén pode salvarte?
Todo
tan frío como o silencio,
e nunca dirás unha palabra.
O teu nome
como xelo no meu corazón.

Coa eterna primavera da vida que se apaga
e a perenne frescura dos campos e das almas,
aínda que os uns se agostan e aínda que as outras se abrasan.
Astros e fontes e flores, non murmuredes dos meus soños,
sen eles, como admirarvos nin como vivir sen eles?

Non mires, non mires, suspiran as sombras,
murmurándome lonxe de ti.
Non espertes na noite para vela durmir.
Ti sabes que sempre vas durmir.

Debuxo no teu rostro os sorrisos das sombras
deslizándose lonxe de ti.
Non me importa como te escondas,
atoparémonos se iso desexamos.
E aínda a parte máis difícil para ti,
para poñer a túa confianza en min.
Ámote máis do que podo dicir.
Por que non o acabas de crer?

En todo estás e ti es todo,
para min e en min mesmo moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.








Dirti uiquen...

by Pacotrón

Non sei cantas palabras conforman o idioma inglés. Tampouco podo acertar a confirmar se son moitas, poucas, as xustas, as necesarias ou demasiadas. Dígovos que non sei cantas palabras conforman o idioma inglés.

 Non sei cantas palabras existen en idioma galego. Non sei se son moitas, poucas, suficientes, as xustas, as menos, as oportunas ou demasiadas. Insístovos que non sei, nin quero saber, cantas palabras existen en idoma galego.

 Dise do inglés, en comparación coas diferentes linguas románicas, que gasta ben poucas palabras para a súa expresión. Unha cuestión de puro practicismo protestante que nos leva a aquela promoción interesantísima que nos oferta falar un idioma aprendendo tan só (¿?) mil palabras. Teima ridícula de se tratar da lingua galega, xa que ese número é xa preciso só para insultar ou desprezar. Non digamos se ademais queremos amar. O que vén ocorrendo é que a riqueza dun idioma non a marca exactamente a cantidade de vocabulario que debes de aprender. O inglés, por tanto, parco en palabras, resulta extremadamente rico en canto a expresións lingüísticas. Do meu intenso contacto con aquela cultura saquei dúas delas que considero de interese comentar. Especialmente despois desta fin de semana pasada tan pouco rica nas palabras e tan extremadamente intensa en sentimentos que fan que o meu corazón salte máis alto aínda que ese rapaz da foto que abre este texto.

 Pois debedes saber que os ingleses teñen un nome para definir ese espazo en forma de punta de lanza invertida que se forma entre as pernas dalgunhas mulleres, á altura da parte superior dos muslos, aínda cando os dous membros están ben xuntos. Este espazo é moi visible desde a parte de atrás e, din os pérfidos british, podes ver a luz do sol atravesándoo. A este efecto chámanlle dayline [deilain, en pronuncia caseira]. A luz do día. Incrible. Pero non o busquedes que non vén no dicionario. E debedes saber que teñen unha expresión para definir unha fin de semana que un mozo ou moza pasa acompañado/a da súa parella nun hostal, piso, tenda de campaña, etc. Chámanlle dirty weekend [dirti uiquen] a iso e, din os malévolos british, ten que ver con follar. O malo é que, aplicado ao noso caso, hai quen confunde follar con foder. Insistentemente. E non é o mesmo, joder, non. É unha cuestión de seleccionar entre todas as opcións e escoller, sempre que se poida, o lado amoroso do asunto. Falta moito follar e sobra moito foder. Foder a marrana. De aí o dirti uiquen. Unha porca porca porca fin de semana dunha escuridade tal que apenas divisas esa luz atravesando a alguén por entre as pernas. E perdoade se ofendo...ou non.

 Así e todo, e por sorte para min, unha fin de semana completa non é nada, unha semaniña enteira iso si que é muiñada. Teño recordos dabondo para durmir entre soños. Teño imaxes gravadas para forrar un libro que falase de todo o que pasou e de todo o que pasará. Teño amizades ás que non lles debo nada que non sexa afectivo, nin eles ou elas a min. Teño gana e teño folgos. Teño tempo e teño forzas. Teño algo novo entre os dedos e certas cousas que enchen cabeza e corazón. Teño o que outros non teñen nin por asomo nin por carencias éticas. O pasado domingo, o bloody sunday, un pequeno ser humano ascendeu de porco a marrán. Era de tarde pero o sol aínda non se ocultara. Dentro do grande espazo semellaba xa noite pecha, tal era o efecto de contraste que os focos halóxenos producían na nosa visión. A luz non se filtraba, polo que penetraba directamente no meu cerebro, tan só oculta, en contadas ocasións, polas sombras recortadas de persoas, animais ou cousas. Tocoulle subir ao escenario a este home pequecho que vos digo. Andar firme e decidido, satisfacción nos recunchos dos seus beizos. Suficiencia na mirada e certa xuventude na apariencia. Achegouse ao lugar reservado para as intervencións. Levantou a vista paseniñamente e respirou. Toumouse uns segundos de silencio, tal vez decidindo se ser persoa ou ser miserento. Escolleu isto último. Por convicción ideolóxica, eu creo. Arrancou, así de fácil, aplausos maioritarios no mercado de gando. Os únicos aplausos que hai no muindo para el. Fóra daquel matrix insensato este pequecho non existe. Non importa. Non interesa.

Rematou erguendo encantado o seu puño, formando así un inespertado dayline por entre a sú axila dereita. Nunca remata un día sen aprender cousas novas. Como cando te emocionas cos aplausos que un grupo de mozas e mozos adican a un vello a quen non lle deben nada máis que sentimentos e logo, como quen non quere a cousa, escoitas os aplausos debidos a quen preferiu pasar miserablemente á historia. Un xusto pago. Eis a diferenza entre follar e foder.

O Ex-Concello da Coruña: informe de (in)xestión

by Pacotrón


"Se nada tes, nada agardes" 
(dito katangueiro)

Se había algunhas dúbidas sobre a desaparición de facto, in pectore, ad hoc, tu quoque... daquilo que se deu en chamar durante décadas Concello da Coruña -unha sorte de administración local encargada da xestión, deseño e programación económica, política e social do término municipal da Coruña- seguro que a tal hora e a tal día, 9 de xaneiro do apocalíptico e sen embargo lustroso e modernete 2012 que nos acompaña, estas disipáronse, esvaecéronse, diluíronse ou, simplemente, marcharon embora. A nosa atlántica cidade quedou desde hai pouco máis de seis meses en mans dunha xestora que sustitúe con máximos de indignidade ao antano denominado Concello da Coruña e hoxe, sen xorna algunha, Ex-Concello da Coruña. Así, sen máis.

Probas desta tristísima situación tiñamos moitas. Había que estar cego para non velas. Para comezar, no Palacio de María Pita non se recibe. Podes pedir citas e citas e citas, dá igual se é coa Ex-Alcaldía ou con algunhas das Ex-Concellerías delegadas antes existentes. Simplemente non se recibe. Tampouco pensedes que se estea a montar algarada algunha por isto. En tempos, un retardo dunha ou dúas semanas en ser recibido/a provocaba airadísimas reaccións en prensa de asociacións e/ou afectados. Hoxe non hai nada disto porque non hai goberno municipal ao que reclamar. Acudir, por outra parte, á Xunta Xestora do Término Municipal da Coruña para que solucione algo é como esixirlle á Academia de Cine de Hollywood que premie cun Óscar a Chiquito de la Calzada por toda unha carreira.

Noutra orde de misterios, o botellón e a drogadicción, antes instalados alí onde había unha asociación "veciñal" da órbita elipticoidal do PP, despareceron das nosas prioridades, cinguíndose unicamente a apenas un centenar de mozos e mozas que campan polos Xardíns de Méndez Núñez. Outro exemplo exemplarizante, e permitídeme o xogo de palabros: desde outubro de 2011 non se convocan protestas da Plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa (e en contra do uso de preposicións). Desde as eleccións Xerais do 20 de novembro xa non hai motivo. Desapareceron o tráfico e o consumo de estupefacientes como por arte de birlibirloque...e non me refiro ao barrio. Tampouco se ve motivo para acudir co teatrillo habitual ás portas de María Pita nin por drogas, nin por comercios nin por problemiñas sindicais nin por falta de buses nin por nada de nada de nada. A trincheira mediática respira, e de que forma, máis tranquila que unha katanguista nonaxenaria con cinco tranquimazíns enriba. Todo vai de pinga grazas á Xunta Xestora do Término Municipal da Coruña presidida por Don Carlos o Benefactor.

O emprego, mellor dito, o desemprego. Outra mostra do bo non-facer do Ex-Concello da Coruña. Nos seis meses que leva esta Xestora en funcionamento conseguiuse o nunca visto na "cidade das marabillas": aumentou o paro un 11%, nin máis nin menos. E contra os malfadados progres, esquerdosos e sospeitosos de nacionalismo e desafección patriótica española, o Ex-Concelleiro para todo, señor Flores, aclara as medidas máis importantes de loita contra o desemprego postas en marcha por esta a súa Xestora:

"Flores ha destacado el «importante esfuerzo» que ha realizado el actual Gobierno municipal para congelar los impuestos en este año"(Voz Galaico-Regional).

Cambiouse aquilo de Coruña Emprega por Coruña Desemprega. A próxima visita do Ex-Alcalde e actualísimo Presidente da Xunta Xestora do Término Municipal da Coruña á Cociña Económica (ou Ex-Cociña Económica, que vaias ti a saber...) vaise atopar contigo, conmigo, con el, con ela...con tod@s!
Podemos estar contentos. Son de tal calibre e dramtismo as cifras do paro na Coruña que case case case logran facernos esquecer as terribles cifras do desemprego en Galicia toda.

Medidas de alcance, sen dúbida algunha, combinadas coa subida de billete de autobús. Esta última resulta unha medida extrema de xustiza redistributiva. Quita aos pobres mozos/as, empregados/as, desempregados /ase xubilados/as para conxelar as taxas das licencias urbanísticas, por exemplo. É unha idea-proposta. Tamén se pode pagar fraccionado o IBI (Imposto de Bens Inmobles). Se tes unha propiedade en pleno centro de, poñamos, douscentos metros cadrados con vistas á bahía, aparte de tres ou catro pisos postos a especular polos barrios periféricos da cidade PODES PAGAR FRACCIONADAMENTE os teus impostos. É outra idea-proposta, pero seguro que non é verídica. Ademais, sempre podes venderlle a unha pobre viúva propietaria dunha vivenda de corenta metros cadrados do Grupo Franco, por exemplo, que pode pagar fraccionado tamén o seu IBI. Tod@s iguais, tod@s libres.

A mobilidade, outro exemplo de liberdade. Din que nomearon a alguén para ser Ex-Concelleira de Mobilidade do Término Municipal da Coruña, pero nunca a vin. Xúroo. De feito, os anuncios vencellados a transporte público, por exemplo, corren a cargo do Ex-Concelleiro de Tráfico. Claro que si...para que enredar?. Un exemplo: a supresión do carril-bus, ou mellor dito, a súa sustitución por un novo sistema de paso preferente para buses urbanos. Unha tomadura de pelo anunciada e promocionada a bombo y platillo polo Ex-Concelleiro de Tráfico, quen se esqueceu de medir o ancho dos buses da Compañía e deseñou un carril máis estreito que provoca que os vehículos de transporte público coruño ocupen parte importante do carril antes destinado unicamente a vehículos particulares. Volve a circulación en "fila india" polas principais arterias comerciais da cidade. Albricias. Fálase tamén de suprimir bolardos para facilitar o aparcamento en "liña descendente", isto é, enriba das beirarrúas. Para axilizar as xestións dos cidadáns. Albricias again. Isto de suprimir o carril-bus xa vén de sempre na Coruña. É unha tradición arraigada entre a dereita arraigada da cidade. Antes Vázquez, agora Negreira. Que máis ten? Queda inaugurada a Ex-Concellería de Inmobilidade.

Educación -esa tontada- non aparece máis que para dar disgustos. Recórtanse programas emblemáticos da "casa" como o Luditarde inmisericordemente ou liquídanse actividades extraescolares ou páganse literalmente miserias aos educadores/as que as imparten. Contrasta isto co tradicional afán deste tipo de "xestores" por colocar a fillos, amigos, familia e afíns varios de inutilidade manifesta en postos de traballo inmerecidos e, por suposto, suprabenpagados:

Recorte de 183.000 euros para o programa Luditarde

A Cultura, un importante motor económico da cidade, xa non existe. Tampouco parece existir persoa xestora do asunto. Hai algo programado? Hai algún criterio lóxico, aínda que sexa desde a lóxica da dereita? Hai alguén aí? Pasou o outono, chegou o inverno, e non acabo eu de ver nada. O Rosalía segue anunciando os ciclos de 2011 e para o Ágora anúnciase cousa boa e moderna para toda a Agra do Orzán. 40.000 habitantes do noso Señor e seguimos sen unidade técnica de Servizos Sociais no barrio. Non fai falta. Para iso están os bares! Ponme outra!

Logo hai unha cousa que se chama inercia, palabra estraña e suxerente que deriva de inerte. As instalacións deportivas, os Centros Cívicos ou as bibliotecas continúan aí, como cando espertou o dinosaurio. Deporte faise, supoño, e algunha actividade se organiza, como sempre. Tamén os Canguros Municipais deben estar activos, aínda que non se fale xa da súa existencia. Os Locais de Ensaio sei que si. Non sei máis que non teña que ver coa inercia ou coa condensación. CONDENSACIÓN. Gran película. Calquera día nos poñen a xestores inmobiliarios a dirixir todas estas instalacións, como fixeron co recinto feiral Expocoruña, e santas pascuas.

En fin, ata aquí o informe superficial que adicamos ao incansable labor realizado pola Xunta Xestora do Término Municipal da Coruña. Un labor nunca ben ponderado que implica sacrificios sen conto, acción a raudais, realismo a toda cor, escenas lúdicas en HD con 3D e a toda a hostia de sorround, escenarios de luxo, secundarios ben dramatizados e un descenso histórico de ventas en todo o comercio do centro coruñés, ese que repirou aliviado cando retiraron o carril bus, ese que suspirta polo fin dos bolardos e que tanto celebrou o acceso ao poder dos nosos actuais e eficacísimos xestores. Que lles sexa de proveito a tod@s. A outra cousa, volvoreta.

(Vivaaaa vivaaa  viiiivaaaa.....plas plas plas plas plas)

DON CARLOS: ¿Y me dice usté, querido vecino de Katanga, que yo vengo siendo Alcalde o algo de esta ciudad? A ver...déjeme pensar un poco....mmmmmmm....es que creo que me acordaría de algo así, ¿no?

O BNG, Tolkien e a Terra Media: xogo de comparanzas...

by Katangueiro, xogando...

É quizais "O Señor dos aneis" a obra literaria máis importante da segunda metade do século XX. Se empregásemos unha linguaxe deportivo-futboleira diríamos, como no caso do fóra de xogo, que aquí conflúen posición e influencia. Isto é, e volvendo ao literario, é unha obra impresionante na súe escrita, no texto, no pretexto e na intertextualidade, así como é importantísima na mesma medida a enorme influencia que tivo e que xerou toda unha serie de imitacións e analoxías máis ou menos acertadas. É unha das poucas obras que comecei a ler de novo unha vez cheguei ao seu final. Outra é "Fundación e Terra" de Asimov.

Se collemos a triloxía de Tolkien por riba veremos máis dunha concordancia coa historia-histeria que vive a máis importante organización política propiamente galega, o BNG, nestes últimos anos. A súa deriva, para os que nunca dubidamos á hora de sumar esforzos, capacidades e cariño ao proxecto de transformación social e nacional que conlevaba, lémbranos aquelas palabras de Theoden, Rei de Roham, cando se pregunta antes do ataque de Saruman ao abismo de Helm: "Como puidemos chegar a isto?". Quen é, no BNG, ese Theoden? Imos xogar, se queredes.

Din os críticos que en "O Señor dos aneis" o autor retrata, entre liñas interpretativas, a loita entre a vida "natural", case primixenia, en permanente contacto e comuñón coa natureza (hobbits) -unha especie de Inglaterra idealizada- contra o novo mundo da destrución tecnolóxica, do culto ao líder, da disciplina bañada en sangue e do capitalismo agresivo e rampante, representado na obra por Mordor e na realidade pola Alemaña de Hitler, o Señor Escuro. Os seres humanos, a medio camiño entre unha opción e outra, son os trunfantes da historia do anel. Os novos donos do mundo, que DEBEN estar ben dirixidos. Hai certo fascismo de baixa intensidade en todo isto. Algo así como Baroja, que defendía unha ditadura de intelectuais. Unha "boa" ditadura. Digamos que se os humanos somos dirixidos por xente como Aragorn todo irá ben. Se nos dirixe un Senescal como Denethor II, imos de cú. Quen son, no BNG, Aragorn e Denethor II??? Seguimos xogando, se queredes.

Dentro deste universo inclúense os Elfos, señores que teñen cabalgado moito, máis e mellor pola Terra Media (Unidade Galega e PNG, por exemplo?) e dos que poucos xa quedan, aínda que valerosos e fieis, ou os Ananos, os que viven nas covachas, afastados voluntariamente do que acontece o seu redor, e son un tanto particulares e pouquísimo socializados (@s afastad@s/excluíd@s pola aba esquerdo-soberanista?). Por último está Gandalf, primeiro "O Gris" e logo "O Branco". É tan impactante o paralelismo que estou seguro de que xa sabedes que é Gandalf no BNG, non si? Se sabedes quen é Gandalf, supoño que xa imaxinades quen é Aragorn. Frodo podería ser eu. Tamén ti, que conste.

Non se me escandalicen, por favor, pero quen detenta o poder, que tecnocratiza esta organización nacida "natural", quen somete, quen constrúe para destruír é, en boa medida, quen manda agora no BNG. Dáme o mesmo Sauron ou Saruman. Danme o mesmo orcos que Uruk-Hai. Non hai máis proxecto para a Terra Media que o seu control absoluto, quede despois esta no estado calamitoso que quede. Todos temos certa pena do pobre Gollum, en permanente camiño de autodestrución por obter unha bagatela, un anel. Pobre, si. Pero no caso de Mordor, conquistar para destruílo todo resulta abafantemente miserable. Négome, como Hobbit, a soportalo, a contempalo desde a barreira. Négome porque digo que non. Son, efectivamente, dos do NON. A moita honra, se dicimos non a certas cousas.

Para facerlle fronte a Mordor temos a uns humanos divididos. Por unha banda, un Rei de Roham que non é para nada mala persoa, en absoluto, queridísimo de sempre polos seus "súbditos", pero que vive desde hai tempo manipulado por Grima "Lingua de Serpe" (poder-Xunta?), que realmente está ao servizo de Saruman. Para cando consegue liberarse do embruxo, xa é tarde de máis para el. A súa morte en batalla estaba máis cantado que o patético final reservado a Gollum -este Gollum fora un Hobbit, en tempos, pero autodexenerouse el só obsesionado co seu "tesouro". Aparece ás veces para pedir cabezas e depuracións  eito. Uf. Saquen conclusións vostedes (Theoden-Quintana???). Curiosamente, para enredar máis esta analoxía, o seu mellor legado é unha muller moza -a súa filla, na obra-. O emparellamento que lle propón Tolkien a esta muller (Eadwyn-Táboas?) para salvar mundo e humanidade é con Aragorn. Manda truco, ou como diríamos por aquí, manda carallo na Habana.

 Por outra banda está o Senescal de Gondor (Aymerich?), obsesionado con ser recoñecido como o primeiro entre os humanos, o inicio dunha nova "xenealoxía" que os una, dirixa e leve ao trunfo. Un líder? Un iluminado? Non sei. No BNG hai quen se presenta así pero, como no caso do Senescal, non parece espertar demasiadas adhesións á visión do proxecto que representa. Para moitos humanos non está nada claro que caer nas mans de Denethor II sexa moito mellor que caer nas propias mans de Mordor. Uf outra vez. Xa me aturullan os inusitados paralelismos. E non mo riades, que o conto é triste.

O Hobbits (irmandiños?) son o cemento da "Comunidade do anel", desa comunidade de, por e para tod@s. Acreditan, e de que forma, nunha volta ao esencial, ao primixenio, ao primeiro dos sentimentos, o que nos fixo fortes, ecuánimes, grandes, temibles para os que procuran so a destrución, estean onde estean. Podes facer burla do seu tamaño, pequerrecho en comparanza cos seus pés e orellas, pero o tempo, inaelable, implacable, vailles dando se non toda a razón, si moita dela. Tiveron que enfrontarse a dúas "Torres" en 2009 e non sairon moi ben parados, pero saíron. A súa é a defensa do proxecto común, do respecto ás outras visións, o que inclúe necesariamente o respecto por un mesmo e pola Comunidade no seu conxunto. Está meridianamente claro. Quizais o seu mundo, a súa cosmovisión, está hoxe en retroceso aparente, pero loitarán ata o fin das súas forzas pola súa/nosa pervivencia, contra a tiranía e polo "Retorno do Rei", ou o que é o mesmo, o proxecto polo que dá a vida Gandalf, se é preciso. Por iso digo que Frodo podo ser eu, claro, pero podes ser ti. Pode ser calquera.

Por último, lembraredes que as forzas de Mordor contaban con humanos "traidores" ao seu servizo en forma de mercenarios e que eran chamados, pola súa orixe xeográfica, os Orientais. Mercenarios, Orientais ou Liberados...que máis ten...

Sabes xa agora que é Aragorn, que non é Hobbit pero é tido como un máis?
Sabes xa quen son Sauron e Saruman?
E Gollum?
E Gandalf?

VALE, PERO NON ESQUEZADES QUE É UN XOGO E QUE NON DEIXAN DE SER PREGUNTAS


Sen novidade na fronte (noroeste)

by Katangueiro

Moito me quedou marcada a lume e ferro aquela historieta-imaxe absolutamente bizantina onde unhas persoas, supostamente sabias, resabias e respectabilísimas, andaban a discutir sobre o sexo dos anxos -que total, tanto ten que o teñan ou non, que eu non mos penso follar- mentres os turcos, os otomanos, os espabilados infieis, petaban nas portas e, posteriormente, daban liquidado a aventura do Imperio Romano de Oriente, mil anos despois - como se dun trunfal Reich se tratase- da caída do corrompido Imperio de Occidente.

 A bizantina esquerda progresista (ou o que sexa que for) desta cristalina Galicia -que habitamos pesadamente- discute a eito sobre o sexo dos anxos, en tanto a dereita cavernaria e iletrada cabalga tan rampante. Iletrada porque pensa só en números, porque coloca a raposos fracasados que quebraron bancos, confianzas e malgastaron os aforrrados esforzos dos demais, á fronte da economía total, porque coloca a meritorios sen capacidade coñecida máis que a de servir cafeses a ricos mandamais en postos de altura na administración do Estado. Porque coloca a un tipo do Círculo de Empresarios a dirixir o Instituto Nacional de Estatística, un dereito constitucional en mans privatizadoras. Os nosos datos en mans privadas. As nosas vidas e facendas en mans privadas. O noso futuro privatizado...e a peñita que nin se dá enteirado. Tanto ten. Tanto me ten.

 Din que todo se pega, e debe de ser certo. A imaxe lamentable que está a dar o PSdG-PSOE lembra sen esforzo á imaxe que vén dando a aba nacionalista do "pacto de progreso" que foi quen de derrotar a Fraga no seu día e poñer ao PP de Galicia contra as cordas municipais no 2007. Se pensan, tanto uns coma outros, que se trata de cambiar de cara, de rostro, de cartel eleitoral, van listos. Por poñer caretos, que poñan calquera, que as hostias van vir do mesmo lado. A dereita vai dar desmontado o Estado de Benestar, ou o que había, e precisamente quen máis sofre esa condea é quen máis os vai apoiar. Hahahahahahahaha. "A culpa é da xente, que non sabe nin o que vota", teño escoitado moitas veces. "tTemos o País que nos merecemos", escoitei outras veces. Triple hahahahahahahahahahahahahahaha. Claro, por iso todos os políticos seica son iguais pero sempre -ou case sempre- van e gañan os mesmos iguais. Se é que non nos enteiramos. Se é que andamos a argallar asembleas nacionais, uns, ou consellos federais, outr@s, ou eu que sei que parvadas inútiles en tanto se derruban as portas, se traspasan os límites marcados e nos rouban o que é noso. Non sei vós, pero eu teño ghana de gherra e penso dala. SÓ OU EN COMPAÑA DOUTR@S.

 Ao que haberá que adicar o tempo que nos quede é a construír -e non o digo eu, que o di o amigo Pacotrón (ese que nos observa desde ollos que semellan covas de desatinos)- un referente político transformador, que sexa útil para todas as persoas -moitas moitas moitas- que se resisten a vivir nun presente e futuro domeñado polos "mercados", polo De Guindos e todos os que naceron no Palco do Bernabeu co carné do Real Madrid na man e a gomina en forma de "cara al sol". Ese referente pode ser que xa exista, non digo que non, e haxa que reforzalo en todas as súas paredes e piares fulcrais. Tamén pode ser que non exista, que non exista como marca eleitoral e que haxa que presentalaa xa, haxa que dar cera a eito e a cotío. A todos e todas. Que xa está ben. Xa está ben de tanto careto, de tanta pompa e de tan poucaa sensibilidade política. Colle a historia polos fuciños, por non mentar partes máis xenéticamente importantes, e protagonízaa.

 Onte vin de novo "Veludo Azul". A Laura Dern, chorando pola infidelidade sexual do seu namorado, pregúntase "onde está o meu soño dourado?". Non está, nena. Hai que soñalo aínda.

Abur!!!