by Katangueiro

Se ben hai ocasións en que un se sinte coma Sísifo, condenado ao xogo infinito de subir o pelouro ata o cumio inalcanzable para ver, sempre e en todo lugar, como esa rocha maldita cae ata o máis profundo do val unha e outra vez, hai outras moitas en que me recoñezo a min mesmo máis coma unha sorte de Terry Malloy, ex-boxeador algo sonado pero guapote que currelaba para o mafioso Johnny Friendly no enorme filme "A lei do silencio" de Elia Kazan.
O pobre de Terry, farto dos criminais procederes do seu taimado coronel suburbial, decide converterse nun delator, por obra e gracia do amor e do bo curilla que interpreta Karl Malden. Hai quen di que este filme foi a resposta que o grande director de orixe grega deu a todas as persoas que pasaran do sentimento de admiración ao de noxo polo seu testemuño contra compañeiros e compañeiras do Hollywood máis liberal durante a "caza de bruxas" emprendida polo corrupto e alcoólico senador Joseph McCarthy. Os mafiosos portuarios serían, nesta metáfora política, as súas antigas amizades comunistas e o propio Terry Malloy un trasunto, e vaia trasunto, do mesmísimo Elia Kazan. Deleznable.
O por qué destes sentimentos que asoballan o meu espírito animoso ata caer rendido, ben xa for polo peso da consciencia que roda monte abaixo, ou ben polas hostias ben recibidas no careto, que é o lugar onde os malos gostan de deixar marcas de castigo indelebles, non acaba de aparecérsem nin acaba de iluminarme ante o camiño que deba percorrer ante o derrubamento da casa onde habito, que é o meu propio corpo. Eu mesmo.
Unha idea non se me marcha dos miolos nestes últimos e sardiñeiros días. Cando rapaz, discutía moito cun meu amigo de corte trostkista e posado revolucionario. Segundo el, as crises do capital canto peores, mellor.
E nesas están moitos líderes sindicais actuais. Os galegos tamén, inocentes eles. Do que se trata agora, e seica hai quen se quere dar por enterado e hai quen non, é de que as crises do capital non inciden directamente sobre quen as causa. Nin siquera sobre o capital in sensu strictu. Inciden sobre as capas máis humildes da sociedade, capas que se reviravoltan ideoloxicamente cara á dereita, cando non ultradereita, procurando no discurso insolidario todas aquelas respostas que os informativos de radio, televisión ou prensa escrita, non semellan atopar ou expresar. Respostas que a esquerda, cainita ela, tampouco é quen de condicionar desde unha perspectiva puramente social.
No político, por outra banda, e coa importancia que terán as próximas eleccións -e as seguintes, e as seguintes, e as seguintes das seguintes...- asistimos impasibles ao esfarelamento das diferentes alternativas que se poderían conformar desde unha análise crítica que parta da "masa" social inconforme para dar chegado -é a pedagoxía, estúpidos- á gran maioría social. Tanto ten ese nacionalismo de esquerdas que no noso País representa o BNG como a "neo-refundación novamente novidosa da nova esquerda" que se nos presenta estes días desde a quase extinta IU. O máis triste e penoso é que, para moitísimos cidadáns, a alternativa está no PP.
Isto é o que non entendía o meu colegui e é o que non entenden moitas persoas na actualidade.
A lei do silencio imponse. O silencio dos cemiterios.
Será que nos suben o IVE. Será que Portugal xa o fixo hai tres anos e as cousas foron a peor. Será que temos medo e non damos atinado na correcta diana. Será falta de confianza en nós mesmos. En nós propios, por dicilo máis apropiadamente.
Abur, yogur!!!