Páginas

Urbanismo ou barbarie: en Katanga temos Plan

by Katangueiro
Partamos dunha premisa: vale que os modestos administradores deste marinedo blog non cursamos estudo algún de arquitectura, pero quen deseñou Katanga, e por extensión imperial o barrio todo da Agra, tampouco.

Cando se fala do urbanismo que non se debe promover, o noso barrio é un dos lugares máis emblemáticos á hora de contrapoñer calidade de vida versus desenvolvemento, sexa en forma de colmeas, sexa en forma directa de nichos.

Non é, por suposto, o único espazo coruñés vítima do que se deu en chamar "Desarrollismo", nome aplicado coma se dunha burla se tratase.

Efectiuiuonder, Os Mallos, Eirís, Monte Alto, Sagrada Familia, Os Castros, Castrillón....temos na nosa cidade abondosos exemplos de falta de gusto, falta de calidade, falta de espazos verdes, falta de plans de mobilidade -referímonos a aparcar os carros polo menos en paralegal, ou que poidan circular os troles, entre outras cousas- e mesmo falta absoluta de vergoña.

Nestes tempos que vivimos perigosamente, na Coruña discútese polo novo Plan, o PXOUM, que non quere dicir Partido Xosialista Obreiro Unificado Marxistaleninista, como algúns semellan entender, senon Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal.

O curioso deste debate é que non se discuten fórmulas para que o Plan inicialmente presentado por este goberno municipal sexa o mellor posible, xa que estará en vigor polo menos doce ou quince anos, atendendo á vixencia dos anteriores: 1985 e 1998. Non non non non.....o que está en discusión é cómo facelo o peor posible. Cómo garantir que todas e cada unha das aberrantes construcións permitidas ao abeiro da escasa e limitada lexislación franquista ou do supermegafashionista Plan de 1998, chamado "Construye como Puedas", poidan perpetuarse no tempo...e no espazo....máis aló do que un urbanismo de calidade mínima aconsella.

Quen pode ser tan inconsciente como para defender que non se limiten dunha vez as alturas en barrios como a Agra ou Monte Alto? Pois os mesmos mesmiños que consideran, como vos adiantamos mos AQUÍ, que a costa galega aínda admite máis urbanismo. Supoño que se referiran ao urbanismo "Sanjenjil", que tan bos resultados está dando no noso territorio galego. Así vos son os nosos gobernantes, e sen embargo amiguetes, do Partido Popular de Galicia.

Será esta unha especie de declaración apaixonada de amor para coa nosa terra pangalaica??? Será algo así como "Ai, meu amor, déixame que te cubra....de formigón!!!!".

Non volo teño moi claro, pero o que si que entendo é que esta xentiña non tende a habitar espazos urbanos como este de aquí abaixo......

.....por qué será????, que dicía La Bombi (1983-1993), icono sexual do tardofranquismo promovido por Chicho Ibáñez Serrador en plena democracia.

Para rematar -que xa parezo Pacotrón enguedellándoo todo e turrando cara o lado canino das historias- aclararvos que as principais falacias que defende ese protocoruñés chamado Carlitos Negreira en nome do Partido Popular da Coruña son as seguintes:

1. Ninguén debe quedar fóra de Ordenación. Gran demagoxia e mentira. Todos os Plans deixan vivendas fóra de Ordenación. O último aprobado, o de 1998, deixaba moitísimas vivendas fóra....e foi aprobado polo PSOE, como di Negreira, pero co voto entusiasta do PP e redactado -oh, surprise surprise- polo señor Porto, militante pepeiro e ex-alto cargo do Urbanismo madrileño, encausado na actualidade, por supostas prácticas...indecentes. Ofrecéronse daquela os populares a ir casa por casa a explicarlles aos propietarios en qué consistía exactamente esta medida??? Nasti de plasti.

2. As vivendas fóra de Ordenación non poden amañarse. Outra mentira grandísma!!!!. A Lei contempla os posibles arreglos que se poden facer, que chegan ao 50 por cento na norma proposta. Ou sexa, podes tirar a metade do edificio e volvela levantar tal cal. O que non se pode é tirar todo o edificio e volver repetir a barbarie urbanística para goce dos cidadáns dos próximos cincuenta anos!!!!!!

3. As vivendas fóra de Ordenación perden unha parte importante do seu valor. A peor das mentiras. Para comezar, moitas das que quedan fóra desta nova Ordenación xa o estabn antes, polo que dificilmente cambia a súa situación catastral. A maior abundamento -ou abundancia- só no último ano as vivendas baixaron en torno a un 20 por cento do seu valor, grazas á crise económico-financeira que nos montaron os promotores e os seus coleguis banqueiros....que a crise non veu porque nós deixásemos de traballar, non, se non porque estes señores quixeron gañar moitísimo máis do razoable. PRECISAMENTE, é o urbanismo de calidade o que revaloriza os pisos. Iso explica que, por exemplo, sempre custe máis un piso de dez anos nos Rosales que un piso de cinco na Agra. Comprobádeo, comprobádeo, e veredes......A última falacia a respecto da devaluación dos pisos é ocultar aos cidadáns propietarios e propietarias que a metade do valor do seu piso é, en realidade, o valor do solo, que crece exponencial e escandalosamente facendo imposible a MOITÍSIMOS cidadáns acceder a unha vivenda, xa non en réxime de compra, se non mesmo en alugueiro.....

4. Por último, e non por iso menos importante, está o tema dos patios de mazá. Non contenta esta xente con asfaltar as rochas e construír oito alturas en ruelas, pretenden evitar unha norma que garantiza a existencia de contrafachada, isto é, calidade do aire e luminosidade, a través dun patio en condicións, pedindo que, efectivamente, se permita cosntruír ATA O FONDO DO SOLAR, deixando eses patios-cheminea onde os veciños dos diferentes inmobles podemos darnos a man, tocarnos libidinosamente ou mesmo andarnos coa cara.


NENÉ KATANGUEIRO: A ver, pedorro......vai rematando, que pareces Pacotrón cun subidón de chourizos, patacas e grelos!!!!

Pois nada, coleguis. Que aquí estamos así. Que, como diría Don Manuel, "aquí pasou o que pasou", e que se trata de probar un novo modelo de urbanismo que, despois do tempo que se estime deba estar en vigor, haberá que valorar e decidir se continuamos na liña de mellorar a habitabilidade e, por tanto, revalorizar os pisos grazas ao que se dá en chamar urbanismo sostible, ou apostamos pola Liña Negreira do tipo "ti vai facendo, e xa.....", que parece que é o que lles vai a esta xente...e aos que os apoian.


LA BOMBI: Pues yo vivo en un primero del Agra del Orzán y nunca nunca nunquita me da la luz del día....por qué será?????
RAÚL SENDER: Niña niña....no me tires de la lengua que me tiro....yo detrás!!!!!

Ah...antes de marchar, tampouco está de máis que vos informedes das apostas "pola esquerda", como gosta dicir Pacotrón, de cara á elaboración deste PXOUM, consultando Dereito a cidade. A estes non lles dan bóla nos medios, non!!!!!

Ou esta información de Viviendas Coruña.....a maldita e dura realidade sobre as auténticas preocupacións cidadás!!!!

Aburete, tribulete!!!!

12 comentarios:

  1. Ostia tío! Nótase que te irformaches e que tés claro onde está cada un nisto do urbanismo, ademais semella que es un cidadán consciente deses dos que tanto gusta ao Beiras. Digo isto porque comentaches onte que foras á Rolda da Rebeldía e, nela, cara ao final houbo unha intensa, e clarificadora, discusión sobre o concepto republicano de cidadanía.
    Parabens e saúdos fraternais e republicanos

    ResponderEliminar
  2. Non sei se xa vos comentara que Katangueiro é un Economista....si, un deses....pero non creades que se sinte en absoluto corresponsable da desfeita do sistema capitalista neoliberal e ultraespeculativo. Realmente, el é dos que pensan que ningún Banco ou Caixa lle puxo á xente unha pipa na cabeza para firmar créditos e/ou hipotecas imposibles. En canto ao urbanismo, non controla moito, non vos creades, pero si que le moito, de aquí e de acolá, e iso é bo exercicio!!!!!
    OLLO: unha cousa é ler e outra ben diferente paparse calquera cousa que che digan ou escriban!!!!!!

    Bo traballo, Katangueiro!!!!!!

    ResponderEliminar
  3. Gústame a entrada,xa desde o título.Eu aínda diría máis: URBANISMO VERSUS BARBARIE. Non pode ser doutro xeito o punto de saída. Que conste que tampouco estudei arquitectura, pero como cidadá sensata penso que o sentido común debería prevalecer e que, a estas alturas do milenio, ser unha persoa sensata equivale a ser subversiva. As dúas últimas semanas contemplei estupefacta como moita xente pasaba da absoluta indiferenza á ira e ós temores máis irracionais.Curiosamente son persoas libres de débebas,non especuladores. Persoas que dicían que a situación do mercado inmobiliario era irreal, que os prezos estaban inflados e que había demasiado avaro paifoco. Eu, que son propietaria hipotecada, intentei ler e procurar información (o medo ó descoñecido é o peor de todos os temores). En ningún momento pensei que me viñesen roubar.O meu espanto foi paralelo á miña indignación cando comprobei de onde viña a nova campaña de terror mediático.Por exemplo, ese grupo facebookiano: LOSADA, EN MI CASA MANDO YO. Non ten desperdicio: a demagoxia pura novamente. Qué curioso, o grupo popular da Coruña "dando a cara". Se a iniciativa viñese dun particular non provocaría a miña desconfianza. Nin a dalgún amigo meu, tan hipotecado coma min, que decidiu presentar as alegacións oportunas, sen darlles chance a tales oportunistas. Parece que as leis e os plans previos só existían para non respectalos.
    A información é poder, a información ilumina as conciencias e clarifica as ideas.Alomenos, que permitan que eu introduza os meus propios sesgos, non os que lle interesan á selecta minoría deses trapalleiros inmobiliarios que xogaron a ser reis do patacón por un día con cartos alleos. Eses señoritos de ben, con piso na cidade e casa do campo e praia, dous ou tres coches, a lexítima, a querida, fondos de investimento de alto risco (sobre todo, para mentes tan estultas)e pantalóns con pinzas. Os mesmos que non tiñan ningún empacho en dicir que ós mellores acordos se chegaba nun puticlub.Eses son os que protestan máis airadamente. E non sei porqué me dá por mirar ó lado dereito...
    Malicias aparte, lembrar que este urbanismo de corta e pega, trouxo nefastas consecuencias para a nosa cidade. Por exemplo, que pola rúa San Xosé (nas Atochas) non puidese entrar un camión de bombeiros, morrendo un pobre velliño nun incendio. Ou que unha ambulancia do 061 colapse o tránsito todo na rúa Cuba (Agra do Orzán), debido á súa estreitura. Xa sei que son exemplos moi de andar por casa, pero é algo que eu vexo cada día. Ou o estado da rúa Entrepeñas (gráfica foto). Ademais da caótica situación, está o incivismo que amarga a convivencia. Cegados polo brillo dos falsos oropeles, por unha falsa concepción do que é o progreso, destruimos gran parte do noso patrimonio e, hoxe en día, vivimos nunha urbe inhumana. Qué gran contradicción que teñamos que "facer habitable e humano" o espazo que nos toca ocupar. Agora, con moitas necesidades básicas cubertas, podemos facelo moito mellor, aínda que haxa persoas que sigan excitándose co son da máquina rexistradora ("that clinking clanking sound can make the world go round", cantaba Sally Bowles/Liza Minelli en Cabaret)ou co ruído das excavadoras ou do martelo neumático.
    Eu fun unha afortunada: non puiden comprar.Pero si puiden quedar a vivir na Agra do Orzán, nunha vivenda bonita e ben feita.Esta casa é o meu fogar e a Agra é xa o meu barrio e quero que vivamos mellor. E porque non creo que lles debamos consentir a eses que levan toda a vida amasando cartos á costa da desventura e a ignorancia allea, que xoguen cos nosos medos e a nosa precariedade. Non permitamos que a xente siga habitando nichos ou colmeas.Debemos VIVIR E NON SOBREVIVIR.
    Unha recomendación particular: "La Caja 507", película de Enrique Urbizu, do ano 2002.

    http://www.youtube.com/watch?v=IimIPJUGHQk

    Parabéns polas últimas entradas e polo voso esforzo informativo.

    ResponderEliminar
  4. Biquísimos, Msarkadina. Ti si que re esforzas!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

    ResponderEliminar
  5. Perdón.....é "ti si que TE esforzas", e non "ti si que re (do, mi, fa, solete...) esforzas". Malditas drogas!!!!!!

    ResponderEliminar
  6. Benvido Susete70. Non te nos asustes moito, eh????
    Katangueiro: xa che dixen que a túa polidependencia era, a partir das 22:00 horas, cuestión de impacto social.
    E vai currándote algo, que o luns cumprimos UN ANÍSIMO!!!!!!!!!!!

    ResponderEliminar
  7. Un año ya??? Espero que os portéis bien por un día. Os propongo que hagáis una recolección de lo mejor y de lo peor, en plan Televisión Española en fin de año.
    En lo del Plan (y qué Plan), totalmente de acuerdo con vuestros argumentos. Comprendo que pueda haber gente mayor asustadiza con todo lo que sea hablar de sus propiedades, pero al PP se le vio bien el plumero con esto de "¡dejad las alturas como están, que a Dios le gusta estar cerca de los suyos!". Palabra de especulador. Besos.

    ResponderEliminar
  8. Graciñas, Katangueiro e Pacotrón. Para min sempre é unha delicia achegarme por aquí. Esforzo, nulo.
    Parece mentira que xa pasase un ano...Esperamos con ansia e expectación a vosa "entrada triunfal" para celebrar o primeiro aniversario, queridos e superlativos amigos. Sodes o meu Dúo Dinámico favorito e as vosas batallas dialécticas son de antoloxía. O uso de sustancias estupefacientes non ten porqué ser un perigo público, pero non acaba de deixarme tranquila que un parruliño ande bebendo o Bisolvón en cantidades industriais.
    Moito ánimo, moitos bicos e apertas e moita saúde (e República, of course).

    ResponderEliminar
  9. Leviatán Brooklyn-Labañou7 de febrero de 2010, 16:27

    Antes de nada, un saúdo doutro galego errante que viviu parte da súa nenez en Labañou e adolescencia nos Castros. Pronto volverei ó meu lugar de traballo pero, mentres tanto, estou a desfrutar da Coruña e da miña xente todo o que me permite unha excedencia (non son funcionario,son traballador por conta allea no estranxeiro).Xa pasara antes polo blog debido a recomendacións moi especiais (alguén que anda moito por aquí), pero agora visitareivos máis, xa que gostei dos últimos posts. A min tanta polémica non me colle por sorpresa. Xa se viviran situacións similares pero non sei que pasaba que pareciamos tod@s narcotizad@s. Esa Coruña dos anos 80 e 90, a da miña nenez e adolescencia... O que se ten feito por aquí en materia urbanística e socio-cultural en aras dun suposto avance é unha aberración supina. Parafraseando a Alfonso Guerra: A esta cidade xa non a coñece nin a nai que a pariu. Ademais de ser vendida ós mellores postores semella que todo o mundo foi abducido cara ó capitalismo máis cutre. Aquí todo cristo é empresario de medio pelo, os viaxantes son executivos comerciais e os taberneiros, restauradores. Hai que ver como cambiou o conto: parece que ser traballador non mola. Xa sei que estas opinións (moi particulares)non teñen tanto que ver co asunto do urbanismo. Pero, por moi estraño que vos pareza, para min toda o quilombo sobre o PXOUM unha pequena foto fixa dos tempos que vivimos a tódolos niveis: medo, moito medo, pero esperando sempre a que nolo dean todo feito e masticado. Por qué esforzarnos en buscar información se xa hai por aí quen nos dí o que máis rápido nos chega ós oídos (os berros). Iso non significa que realmente escoitemos e prestemos atención. Iso pasa aquí e tamén no meu país de adopción. Será un mal universal?
    Hoxe, que estou moi lacazán, boteille unha boa ollada á prensa local e non puiden evitar sorrir con isto:
    http://www.lavozdegalicia.es/coruna/2010/02/07/0003_8279608.htm
    http://www.lavozdegalicia.es/coruna/2010/02/07/0003_8279605.htm
    Por qué non lle piden a opinión a calquera outro veciño ou veciña que vai presentar alegacións pero que procurou informarse?
    Nada máis por hoxe, que para ser a primeira vez, xa me excedín. Seguide tod@s así, administrador@s e colaborador@s. Aquí polo menos non che hai pensamento único pero non acabades a insultos nin a hostias. As frustracións, a outra parte.

    ResponderEliminar
  10. Moitas grazas, amigo Leviatán Brooklyn-Labañou. Claro que me partín as cachas co señor Chas e Carballido. Qué cidadáns máis exemplares e preocupados!!!!!

    O que si que ten que facer o goberno local, ao meu entender, é dirixirse xa a todos os que cremos na política urbanística regulada e con alturas de acordo coa REALIDADE da rúa ou mesmo do barrio onde se ubica a nova construción. Iso si que son REALIDADES, non as do señor Carballido.

    Por certo, xa me dirás qué pensas das obras do Carmen. Por aquí pensamos que son estupendas.

    ResponderEliminar
  11. Leviatán Brooklyn-Labañou12 de febrero de 2010, 14:38

    A rehabilitación das vivendas do Carmen gustoume moito. Creo que esa é unha boa orientación urbanística: conservar o que se fixo con xeito e sentido común. Eu vivo en Bedford-Stuyvesant (Brooklyn), nun edificio construido a comenzos do século XX. É a típica casa "brownstone", estructura moi característica. Polo que teño sabido, en case máis dun século de vida, pasou por múltiples reformas e rehabilitacións e segue en pé. Por qué aquí non? Non entendo nada. Saúde!

    ResponderEliminar
  12. Eu sempre digo que dos ianquis temos moito que aprender. Algunhas cousas malas, claro, porque son o Imperio (é que os estados europeos era "hermanitas de la caridad" cando foron imperios?), pero tamén algunhas boas, como o valor que lle dan á súa historia CIVIL. Saúdos.

    ResponderEliminar