by Katangueiro
Temos tan interiorizado que vivimos tempos vertixinosos que damos quizais relativa importancia aos cambios que nos rodean. Somos tan relativistas coas nosas propias vidas que mesmo recoñecendo as enormes transformacións que estamos a vivir e notando o cercano alento da besta neocon azoutando Europa, dubidamos de todos os aires de cambio que prometan unha sociedade mellor. E iso que a nosa sociedade é manifestamente mellorable. Vaia se o é!!!!
O resultado das eleccións municipais do pasado 22 de maio, unido ao posterior resultado electoral no veciño Portugal, constatan que nesta crise hai unha Europa vencida e unha Europa vencedora. En canto a modelos, desde logo. En canto a Estados, vai por barrios. Adepende do amigo americano.
Pero do que non cabe dúbida é de que algo se está a mover entre unha parte farta da sociedade, formada basicamente por mozas e mozos sen espectativa, ou en espectativa de desesperanza, ben sexa nos depauperados países do Magreb, ben sexa na desenriquecida europa meridional. Habitan en nós eses aires de cambio dos que vos falaba e, pouco a pouco, semella medrar a idea dunha nova esquerda, máis social, máis adaptable ás transformacións, máis participativa e, polo tanto, horizontal. Máis modelo, tamén. Máis contrapeso e contrapoder. Unha esquerda que ofreza unha alternativa válida, viable e xusta. Caia quen caia. É disto do que se está a falar estes días.
O movemento d@s acampad@s cumpre un mes. Fóra da aparición de mensaxes contraditorias ou líderes de discutible coherencia, moito do que se nuclea arredor deste movemento que reivindica e practica o asemblearismo como fórmula diaria de entendemento é descontento social. Descreimento do modelo imposto. Esixencia de cambio profundo. Soberanismo individual, quizais. Un preludio do soberanismo colectivo. Este domingo teñen convocadas concentracións en todo o Estado. Aquí celebrarase en Santiago de Compostela. Haberá quen desconfíe. Eu fágoo. Pero o certo é que se hai quen demanda unha democracia real, haberá que ofertar tamén unha esquerda real, habida conta de que a dereita real xa habita entre nós. Será unha pedra de toque do que aínda queda do movemento inicial e servirá para calibrar, seguramente, o actual calado da protesta. As imaxes de acampad@s entorpecendo as investiduras dos novos gobernos son contraditorias. Por un lado, non. Por outro, sen embargo, si. Se acreditamos na vontade popular expresada, non. Se acreditamos que non se reúnen as mínimas garantías democráticas que a validen, si. En fin, que a Divina Pastora nos protexa...
Un día antes, o sábado 18 de xuño, celébrase na mesma cidade un Encontro Aberto para "escoitar, pulsar a opinión, debater, tomar nota, informar e informarse con todas aquelas persoas -militantes ou non do BNG e das súas correntes- cidadáns preocupados e preocupadas polo que está acontecendo", nas súas propias palabras. Este acto aberto vén impulsado desde o Encontro Irmandiño, a corrente do BNG liderada polo señor Beiras. Se ben semella inicialmente pensado para un consumo interno arredor da crise do proxecto nacionalista no noso País, está a dar cabida a persoas de todo tipo simplemente PREOCUPADAS, pero non rendidas. Sei que o Pacotrón andará por alí. Que a Divina Pastora nos ilumine....
Hai poucos días apareceu tamén un manifesto impulsado por unha vintena de persoas comprometidas coa esquerda política e descreídas da esquerda actual. Coñecido como Iniciativa BenComún, o manifesto aposta por "reactivar a participación cidadá na esquerda nacional". As adhesións a este texto inclúen militantes do PSOE e do BNG, así como exmilitantes e persoas de variada adscrición. Anuncian un acto aberto para o próximo 2 de xullo, tamén en Santiago de Compostela. Que a Divina Pastora nos ampare....
Estase a mover polas redes un documento chamado Declaraçao Galega de Soberanía, cun importante apoio recollido, especialmente do disgregado mundo independentista e de certa intelectualidade nacional. Para min que toda soberanía colectiva debe partir da soberanía individual, a que nos debe permitir vivir, e vivir ben, totalmente afastados dos modos de consumo e das ataduras económicas que se nos queren vender como modelo correcto ou, cando menos, o menos malo dos modelos. Galicia pode ser independente e Núñez Feijoo o seu Presidente. Os cambios que se queren son, quizais, máis profundos. Que a Divina Pastora nos colla confesados....
E todo isto aquí, ao lado da nosa casa. Hai un referente novísimo, de esquerdas, frontista e soberanista no caso de Bildu que non pasa desapercibido. Está por ver o que a Divina Pastora nos depara.....
NOTA: Divina Pastora: grupo de vivendas situado no barrio coruñés da Agra do Orzán. Estas vivendas "baratas" deron saída á crecentísima demanda proveniente da poboación rural trasladada ás cidades, especialmente a partir dos anos setenta. Podedes ver esta estupenda foto de aquí tomada desde a Ronda de Outeiro!!!
Algo se move?...algo se move...algo se move!
ResponderEliminarO carallo é hacia onde.
ResponderEliminarCamiña ou rebenta!!!!!!
ResponderEliminarSó se fai camiño ó andar. Moita sorte e moita forza para tod@s. Está claro que moitos modelos actuais están obsoletos e moitas cousas que coñecemos non son válidas nin aptas para o que estamos a vivir. A pesar de incerteza, hai ilusión e ganas de traballar.
ResponderEliminar