OS ADOQUÍNS BAIXO O ASFALTO
Durante o maio francés de 1968, a primavera de París, houbo quen escribiu nunha parede aquilo que dicía: Baixo os adoquíns está a praia. A frase fíxose famosa, traspasando fronteiras espaciais e temporais, e representando unha sorte de certeza en que o paraíso perdido, aquel que procuramos incesantemente, existe. Primeira mentira. Da outra, a de que se podía cambiar o mundo con flores e poesía, renunciando a facer política -burguesa e corrupta por defecto e definición-, aínda agora estamos pagando as consecuencias. As decisións, non-políticas pero si economicistas, tomadas polos aquelas e aqueles que pertenceron a esa xeración conforman e deforman a sociedade actual. A realidade, aquilo que é real, fora perfeitamente retratado por Danny Boyle no denostado filme "A praia" (The Beach), protagonizado por Leonardo DiCaprio. O paraíso perdido non existe porque xa non quedan paraísos. Alí onde hai impresionante beleza natural hai alguén disposto a apropiarse dela. Os nosos soños yupis son pesadelos para moitos seres humanos. De crearmos un paraíso para nós sós, e os nosos amigos, este sería fascista, sectario, exclusivo e, en definitiva, infernal. O cárcere que nós mesmos creamos para nós mesmos. E mesmas.
Vimos de pasar uns días no Alentejo portugués. Percorrendo as súas estradas máis litorais non é difícil percibir o antigo empedrado que existe, e persiste, baixo o moderno asfalto, e que aínda resiste nas beiras dos arcéns, perfeitamente á vista. Tal como era a Avenida de Fisterra, sendo eu neno, e que aínda aparece por veces, en canto levanta un anaco de rúa. Ten tons sepias, marróns e beiges. As ccidades europeas, as italianas, francesas, alemanas, británicas e portuguesas, conservan o gosto polo empedrado dos seus centros históricos. Empedrado peonil, para os peóns, e adoquinado grisote para o tránsito de vehículos. Non sei qué pasaría no noso país, e mesmo no conxunto do Estado katangueiro todo, que abandonamos ese costume humanizador. Seguramente serían ideas de novos ricos, fachendosos da súa propia transformación e progreso económicos, analfabetos vitais. Auténticos gañáns.
E haberá quen pense que o empedrado é pobre, que non é cómodo, que non se poden levar tacóns -e menos de agulla- ou que esgota as pernas e agarrota as suspensións dos tremendos de carros que pilotamos, pero eu admiro que en Portugal persistan no empedrado, como as grandes civilizacións, e conducir, pilotar, o meu vinículo sabendo que debaixo do asfalto está o empedrado. Isto si que é unha frase certeiramente real: Baixo o asfalto está o adoquín, e baixo o adoquín a praia. Polo menos en Portugal.
Recomendamos unha visita polo Alentejo. Especialmente pola súa costa imponentemente dunar. Diríamos que se Portugal quedase deshabitado, en pouco máis de cinco anos a area cubriría unha parte moi importante da súa costa atlántica. Vilas enteiras quedarían, de seguro, ocultas baixo as dunas. Algo así como se apareceron as vellas pirámides ás tropas de Napoleón, quen xogaron a disparar os seus canóns contra a esfixie de Gizeh para ver de facer branco nela. Outros gañáns.
De certo que alí o océano, tan coñecido para nós, é imponente. Máis aínda pola súa abertura ao mar. As correntes que chegan do sur traen millóns e millóns de grans de area por día desde os desertos occidentais africanos. O vento do nordés conforma as dunas ao longo de toda a costa portuguesa. Isto é máis evidente na costa sur do País, entre o río Sado e o cabo San Vicente. E detrás das dunas, os piñeiros, os campos de arroz e as vides de viño. E detrás dos campos as casas. Bonitas elas. E o ceo sempre tan azul.....
Non é tampouco este Alentejo o paraíso perdido que buscaban tanto Sartre -ese caradurilla- como DiCaprio, pero comparándoo coas atrocidades cometidas por nós, sós ou en compañía doutros, en nome do turismo sobre a pel máis íntima do noso territorio, ata facelo en ocasións irrecoñecible, non podo evitar certa envexa. Este lugar esta cheo de persoas procedentes de Alemaña, Francia, Reino Unido, Holanda que van gozar daquilo que, sen selo, é o máis parecido ao paraíso....e nós por aquí suspirando polos turistas madrileños!!!!! Outros bos gañáns que preferimos destruír o noso máis bonito a cambio do seu máis feo. Cando escoito alguén que di: "¡Sarria, qué bonita!" ou "Malpica es un típico pueblo marinero gallego" resulta difícil non esvaecer. Abandonarse e abandonalo todo.
Outras veces, menos káustico e certeiramente máis práctico e materialista, penso na deformación da nosa paisaxe como un fracaso colectivo que nin tan siquera nos dá cartos. Se tivese sido un éxito esta clase de progreso á galega, os centros de lugares como Caión, Malpica, Miño, Muxía ou Fisterra estarían tan ateigados de todo tipo de restaurantes e tascas, e as súas rúas tan revoltas de xentes do máis diverso pasando algo máis que un día por alí que sería imposible circular a determinadas horas, ou non sentirse atraídos polo balbordo dos propios e dos estraños. Aquí flipamos con Baiona, Sanjenjo, Portonovo ou Villagarcía. Anda xa, por favor. Viaxemos un pouco todos. Paremos en Aveiro, Lagos, Porto Covo ou Vilareal de Santo António!!!!! Lugares que destacan polo máximo cariño e respecto que amosan polo seu patrimonio. Máis bonitos, máis turistas, máis cartos.....
Pero xa vos dixen que penso estas cousas nos meus días máis materialistas...
Este relato continuará na seguinte entrega titulada: BAIXO A PRAIA ESTÁ O FORMIGÓN.