Páginas

Os traballos de Sísifo

Compartir


by Katangueiro




Non é a primeira vez que un, na súa sinxeleza no ánimo e no espírito, síntese pouco menos que Sísifo, condenado pola eternidade a subir un pedazo de carolo monte arriba para ver como éste caía rodando antes de chegar ao cumio. Día si e día tamén. Putada hoxe e putada mañá. Un pesadelo para toda a eternidade, coa diferenza -importante, que conste- de que un non é inmortal, que se saiba a tal hora, e chegará con certeza o día en que tales sentimentos sexan cousa do pasado. Dun pasado decrépito ou dun pasado idealizado, que de todo haberá.


Non é a primeira vez, digo, nin será a última, en que un sinte que se ese pelourazo que hai que subir representase acaso a nós mesmos, ou aos nosos ideais e soños respecto do futuro -un algo así como unha meta-. Tal e como sube representa os nosos avanzos, tal e como baixa os nosos fracasos. Por isto digo que me sinto Sísifo, pois os meus traballos da mañá bótanse con facilidade a perder coas caídas da tarde e do pedrolo.


Pero agora estamos na Semana Santa, din.


Sendo eu pequeno, cando mandaba o ferrolán nos nosos corpos e os curillas nos nosos costumes, chegaba esta época e xa non se podía ser feliz. Non se podía celebrar nada que non fose a resurrección de Xesús Cristo. O sábado, iso si. A maior abundamento, na incipiente televisión franquista podían, con terrible facilidade, martirizarte con misas, procesións e estados de ánimo apocalípticos que daban comezo o xoves santo e non remataban con absoluta certeza ata o mércores de cinza.


Este ano de Deus de 2010, século XXI, mal cambiou certos hábitos. Desde o Colisseum de Roma, berce dunha civilización, un Papa alemán de escuro pasado condena a todos aqueles que promovan o maior crime contra a humanidade que se poida perpetrar: o aborto. A condena vai dirixida, principalmente, contra as mulleres, que son as que abortan, e contra aqueles políticos que aproben as normas correspondentes -normais legais dun Estado de Dereito- ou médicos que as apliquen. A muller frívola e pecadora deberá cargar coas consecuencias da súa libertinaxe. Non ter fornicado, non ter saído con homes, non terse posto unha minisaia ou, simplemente, non ter saído de casa máis que para acudir presta á misa de turno...acompañada.


Algunhas vítimas e familiares de vítimas dos numerosísimos abusos sexuais que o clero de numerosísimos Estados de Europa, América ou África cometeu impunemente -amparados polos seus dirixentes máximos, Obispos e Arzobispos delincuentes, que ocultaron denuncias, falsearon probas, negaron as evidencias de centenares e centenares de casos, algúns deles ocorridos nunha soa das súas Dióceses -algunhas destas vítimas, digo, agardaban esperanzadas que se entoase un mea culpa nun día tan especial como o xoves santo e pronunciado pola máxima figura da Igrexa, católica como é o Papa. Craso erro propio do mesmo Sísifo, convencidos de que os pelouros non sempre han caer e chegará o día en que o castigo dará remate. Mais a Igrexa é a que máis sabe de pedras e castigos e de castigar o adulterio a base de apedrear ás mulleres que o cometeran, que non aos homes.


Igual diso é do que se trata, dun asuntillo de discriminación sexual, xa clásica e definitoria da Santa, Católica e Apostólica. Os abusos sexuais a menores que cometeron membros da Igrexa e que ésta coñecía e ocultaba son abusos de orixe masculina. Son os curas, homes piadosos arrepentidos do seu "efebismo", palabra empregada polo Vaticano para explicar estas indecentes prácticas. Pobres santiños!!!!!!


O caso do aborto entra no terreo do feminino e, polo tanto, do que para éstes paxaros é a fonte do pecado. Pecado mortal!!!!!!!


Pois resulta, señoras e señores, que esas mulleres que abortan fano coa Lei da súa parte, de cara, tomando unha dura decisión e asumindo as súas responsabilidades, pero estes señores que abusan fano na escuridade, con enganos, aproveitándose miserablemente das persoas máis indefensas: os nenos e nenas. Aproveitándose tamén da orixe social das súas familias, pois a boas horas "lle rompes o cú" a un fillo dun avogado, dunha médico ou dun Maxistrado do Tribunal Constitucional. Mesmo para iso hai clases.


Que non se me malinterprete. Non pido para estes membros da Igrexa nada máis do que me farían a min de cometer os mesmos delictos ou de amparar a quen os comete. Nin máis nin menos. Agardaremos a ver en qué queda todo isto. Eu, como Sísifo, probarei de novo a subir o pelouro ese, a ver......e que conste que Sísifo tampouco era un Santo......


EPÍLOGO


Como fose que Hermes quedara durmido e Sísifo así o advertira, decidiu éste aproximarse a unha poza cercana con ánimo de consolar a súa seca gorxa. Debía ser a primeira hora da tarde no Inframundo, que a inmensa pedra viña de caer novamente e establecerse con pesado movemento en lugar moi próximo a onde Hermes adoitaba botarse a durmir logo da comida. Éste non o percibira, polo que Sísifo estaba xa a rentes da auga calma e cristalina, tumbado boca abaixo na herba húmida e coa cabeza sumerxida na pochanca, boca totalmente aberta e esforzos en beizos e lingua de cara a obter deles a súa máxima capacidade de absorción. Tal era a sede.


Unha vez quedou satisfeito, mirou pensativo as ondiñas que el mesmo provocara. A escasa luz que penetraba naquel terrible lugar foi nese momento suficiente para que Sísifo advertise a súa imaxe reflectida no cristalino elemento. Sísifo chorou.


"Por qué choras?", preguntou Hermes, xa esperto e, unha vez advertido da acción do seu condenado, aproximado con rapidez ata o lugar onde o antigo Rei de Éfira quedara tirado. "Acaso choras por fin vencido pola dureza do teu castigo?". "Choro porque nesa charca habita o home máis desgraciado que nunca vin", respondeu Sísifo sinceramente abatido.


Abur, yogur.

6 comentarios:

  1. Arre carallo co que lles costou pedir perdón aos pobretóns dos que abusaron (parroquias rurais en moitos casos) pero en canto alguén menta o antisemitismo no entremedio......vade retro. A paranoia continúa, e continuará, sen arrestos, distinguido katangueiro. Nin o soñes, tío. Estes sempre libran. Non leades o seguinte se tedes sensibilidade:

    http://www.elpais.com/articulo/sociedad/pederasta/Wisconsin/pudo/seguir/abusos/retiro/elpepusoc/20100404elpepisoc_7/Tes

    ResponderEliminar
  2. Parece que nalgúns navegadores non se reproducen ben as url como a que nos acaba de enviar Bradomiño. Isto non semella ocorrer con mozilla, pero si con outros. Probade a partila así:

    http://www.elpais.com/articulo/sociedad/
    pederasta/Wisconsin/pudo/seguir/
    abusos/retiro/elpepusoc/20100404elpepisoc_7/
    Tes

    ResponderEliminar
  3. Creo que tod@s na etapa adulta somos un pouco Sísifo e chegamos a preguntarnos se paga a pena tanto esforzo e tanto traballo. Talvez a única etapa das nosas vidas libre de tal sensación sexan a infancia ou adolescencia, cando somos exploradores, descubridores e estamos cheos de soños. Moit@s nen@s deixaron de soñar por resultar presa fácil e apetecible para algún adulto que é incapaz de relacionarse cos seus iguais. De todos os abusos posibles para min é o abuso sexual infantil un dos máis viles e perversos. Destrózase o futuro dun ser que aínda descoñece o erotismo ou as dimensións da súa propia sexualidade. O mecanismo de poder e sometemento é brutal: hai facetas como o reforzo da autoestima do abusador, a súa necesidade de poder e control ou a pobreza das súas relacións humanas. Este perverso xogo de dominación é a base dunha institución arcaica e disfuncional como a Igrexa Católica. O control da libido sempre lles resultou efectivo pero xenera a aparición de múltiples abusos (sobre todo, de nen@s indefens@s ou mulleres desfavorecidas) e xenerou a aparición de monstros como Marcial Maciel (fundador da secta Lexionarios de Cristo), paradigma do depredador sexual:
    http://www.milenio.com/node/394101
    Non podemos estrañarnos da renuencia vaticana a admitir a súa complicidade e o abandono das vítimas. Sería recoñecer que non teñen razón de ser nun mundo cada día máis secularizado.Non podemos estrañarnos de que enreden con absurdos xogos dialécticos (o abuso non ten disfraz posible). Non podemos estrañarnos de que (unha vez máis) se rebelen e carguen contra a figura feminina. Nesta ocasión a excusa é a mal chamada Lei do Aborto (Lei de Saúde Sexual e Reproductiva). Podería ter sido calquera outro motivo. Desde tempos pretéritos (Lilith e Pandora) a muller foi considerada culpable de calquera catástrofe. Sabemos que para moitos santos varóns cristiáns a muller é a orixe do pecado. Moito deben temer á muller, moito poder lle otorgan nas súas retorcidas mentes para odiala con tal intensidade. É curioso que nunca falen do papel que xoga o home na concepción ou das razóns de fondo para chegar a unha decisión tan dolorosa. Do que si falan con alegría é da frivolidade coa que as mulleres nos sometemos ós abortos, como se non houbese consecuencias para a psique ou para o corpo, coma se fose unha técnica anticonceptiva máis.
    Como ben dixeches, Katangueiro, para todo hai clases. As mulleres de certa posición social non abortan, senón que se someten a "legrados terapéuticos", mesmo sendo adolescentes (ai, esa sanidade privada). Juan Carlos de Borbón, que asinou a "lei do aborto", non será excomungado porque é Rei (os reis non pecan?). O arcebispo de Granada pode soster nunha homilía que "la mujer que aborta da a los varones la licencia absoluta, sin límites, de abusar de su cuerpo" e seguir exercendo o seu ministerio. Se fose clérigo musulmán (coma a besta de Fuengirola) caeríanlle 15 meses de prisión. Non sei se os alcanzará a xustiza divina pero si desexo e espero que a humana se lles aplique en toda regla. Se por min fose condenaríaos á vida eterna cumprindo castigos tan refinados (e tan propios de mentes pías) como o de Sísifo (ou Prometeo ou Tántalo, outros que quixeron emular a sabedoría dos deuses).
    Déixovos un enlace dun video que é peor que un tripi chungo e que me reafirma na miña convicción de non achegarme a certa clase de persoas que defenden "ideas" así:
    http://www.youtube.com/watch?v=xvx4sjQspnM
    Con Intereconomía hemos topado! Máis papistas que Joseph Ratzinger, o amnésico e afásico.
    Boa noite para tod@s.

    ResponderEliminar
  4. coño menos mal que fui al instituto del agra, y solo tenia un asignatura que tuviera que ver con los curas.

    salud y republica

    ResponderEliminar
  5. Saúde e saúdos de parte do Katangueiro e mais eu!!!

    ResponderEliminar