Agora que están de moda os grupos surrealistas do feixbú referido ás señoras e señores que andan pola rúa, que se con bolsas no coco, que se protestando, que se comendo froita...eu qué sei facendo qué.....presentamos aquí un grupiño que dará moito que falar. Trátase dos matrimonios que acuden do ganchete a calquera espectáculo que se organice con entrada libre ata completar, e de qué forma se completa, o aforo...e o aforro!!!!! Cóntovos.
Unha das maiores diferencias culturais entre as xentes do noso tan querido País Galaico e as mesnadas poboacionais da Meseta é a actitude vital -e profundamente vitalista- que expresan uns e outros ante o fenómeno dos espectáculos gratuítos. Vexamos.
Comentaba un xornalista castizo de mediados do século pasado cómo unha compañía teatral do Madrid dos anos corenta, formada íntegramente por pipiolos e pipiolas novatos nas artes do espectáculo de masas, dera por sentado un cheo absoluto ante a súa inminente representación dunha obra clásica do Século de Ouro. Un Lope de Vega, poñamos. Máis ao contrario, chegado o día da infausta subida de telón, tan só unha entrada se vendera para tamaño espectáculo. A fin de asegurar o cheo no primeiro día, e garantir así as mellores críticas teatrais nos medios de incomunicación da época, decidiron adoptar unha medida extrema: declarar a estrea como día do espectador e non cobrar un peso pola súa asistencia. Que a obra era de balde, vamos. Cheo garantizado!!!
Chegado o momento da representación, o público, que abarrotaba a platea suorosa, irrompeu en berros, clamores, xesticulacións e protestas ante a falta, aparentemente evidente, de calidade desta representación. No medio do alboroto, cando xa ninguén no seu mínimo xuízo era quen de seguir a trama, ergueuse alporizado un homiño ubicado no medio medio do patio de butacas, e axitando os brazos con alteración, berrou aos presentes: "¡Por Dios, señores, que tampoco es una obra tan mala!".
Era o único que pagara por entrar.
Que a qué vén isto, pois a que na nosa tan querida terra, na nosa Marineda, na nosa Katanga extrema, ocorre máis ben todo o contrario, demostrándose así o feito diferencial máis indiscutible do noso País. Aquí o que paga, protesta, e o que entra de balde, aplaude a rabiar. Como debe ser.
Digo isto porque nos chega do Concello un convite para unha Gala-Homenaxe que se vai celebrar hoxe no Teatro Rosalía de Castro contra as 20:30 horas. A protagonista, xa falecida, é María Luz Morales Godoy, coruñesa que foi a primeira muller no Estado en dirixir un xornal. Neste caso, La Vanguardia de Barcelona. En plena guerra civil. Podedes consultar sobre esta gala AQUÍ. Pero o máis salientable é que a entrada é de balde, e haberá cine (documental) e música en directo. Qué máis queres, Baldomeiro???. Supoño que estará a rebentar. Moi coruñés e moi galego.
Só así se entende o falso rebumbio que se montou a conta dun vídeo que lle sacaron a Don Alberto, Presidente a la postre da Junta de Galicia y Aragón, unha noite de troula cos amigos e amigas de Boqueixón. E digo falso rebumbio porque non hai nada máis normal que un Presidente conservador lanzando unhas picaradas a algunha beleza adolescente en tanto os efluvios dos sucesivos mencías e alvariños inxeridos perpetran os seus efectos e defectos naturais. Tampouco hai nada anormal en que uns galegos aproveiten calquera convite para enguedellarse alí e sacar ebn limpo o que se poida: unhas gambas, unhas nécoras, unha papa descomunal e un vídeo para youtube. Qué más se puede pedir, qué más se puede pedir, que cantaría o castizo marinedo.
En fin, amiguiños, que aquí vai o vídeo, en tanto non o censuren, e o convite para vernos no seguinte espectáculo gratuíto.....que a vida é moi chuquela e hai que menearse con alegría!!!!!
Borrachito borrachito sí que estaba. Para la próxima, yo me apunto, que soy muy coqueta.
ResponderEliminarNon sei eu se son tan surrealistas, Pacotrón. Eu acabei sendo unha rendida admiradora das señoras que compiten por ver quen está máis enferma ou das que din "marcho, que teño que marchar". Elas fanse notar pero eles non quedan atrás (tamén teñen unha extraordinaria habilidade para colarse na pescadería ou para ver quen entra antes na consulta do médico; eche unha cuestión de amor propio). Unid@s en santo matrimonio fan unha combinación letal, sobre todo en eventos que saen de balde. Dá igual de que se trate, non che son discriminatori@s: oen a palabra "gratis" e se lles agudizan os instintos máis primitivos de supervivencia. A miña experiencia máis alucinante foi nun concerto de blues "de gratis total". Despois da batalla campal con xente que me triplicaba en idade para conseguir entradas, houben de ver como abandoaban o teatro en plena actuación. Sen complexos. Eu creo que é un fenómeno digno de estudio epidemiolóxico ou psicolóxico ou sociolóxico... Porque vai máis aló de todo razoamento. Como os avós ou avoas que exercen de temibles defensores dos pequenos sátrapas nos parques ou os pais e nais que protestan porque os libros de texto xa non son gratuitos pero que votaron ó actual goberno da Xunta.
ResponderEliminarContradictorio, como o feito de ter sabido por primeira vez de María Luz Morales,hai uns dez anos, pola lectura dun ensaio inglés sobre a Guerra Civil (agora mesmo non lembro o título, teño que resetear o meu disco duro). Semella prometedor o documental de Oscar Losada.
En canto a estoutro docudrama do "encontro informal" no Boqueixón, non teño palabras. Non sei que é mellor: se os comensais (o futuro de Galicia, di D.Alberto)cos seus impagables comentarios ou o discurso do protagonista secundario (Don Alberto o Trilingüe, of course). Quizais foron os efluvios etílicos os que lle soltaron a lingua e lle sacaron a careta unha vez máis. Tan sobrao, tan sobrao que non só lle fai as beiras públicamente a María Mera (en todo un alarde de tolerancia "galeguízalle" o apelido, de Mera a Meira), senón que last but not least(o máis revelador para min) que volve a darnos leccións de moral e bos costumes (PSOE e BNG, malos, criticóns, enchufados, etc...). Impresionante e profunda argumentación. Sobre todo, despois de ler isto:
http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2010/03/25/0003_8378327.htm
Xa sabemos como marcha a "meritocracia popular". Non foi outro que Manuel Fraga o que dixo hai uns aniños que era natural que os postos máis altos nunha oposición os conseguira xente afín ó PP, xa que tiñan moi boa xenética e unha excelente educación. D. Alberto ou D. Alfonso Rueda son funcionarios de carreira, verdade? Qué retorcida e malpensada son!Outro curioso fenómeno, outro grupo para o Facebook: "Funcionari@s que logo de incorporarse a un partido conservador ven a luz divina e queren privatizalo todotodotodo". Onte houbo unha manifestación en Vigo contra a privatización sanitaria á que eu asistín. Pero xa se sabe, que os que traballan no "seguro" son unha panda de vagos-maleantes-chupatintas e como todos os funcionarios (mal que lles pese a esas voces ultracríticas o persoal "do seguro" -nin doutros eidos públicos- NON É FUNCIONARIO) son a verdadeira ruína de Galicia, de España e do mundo enteiro e os causantes da recesión mundial. Decidido: eu, como Charito, tamén quero ir a rumbear con D. Alberto e os seus alegres muchachos. Pero con moito ollo, non sexa eu quen teña que pagar todos os espirituosos licores.Eu tamén quero ser "o futuro de Galicia".
E agora marcho, que teño que marchar. Bicos para tod@s.
A min, tanta chorrada e tanta tontería que día si e día tamén concentra o groso das críticas aos nosos actuais gobernantes xunteiros xa comezan a cheirarme. Cos millóns de problemas que ten a nosa actual sanidade, cos aínda máis recortiños educativos -esta semana anunciaron outro- e coa nula capacidade de tomar unha decisión que alivie as cifras do paro, estes señotitingos conseguen que falemos de todo menos do que importa. Ah, e o Matas que pode acabar no caldeiro.....Pacotrón, concéntrate.
ResponderEliminarE que me dis dos enredos do bng local???? Salvará Tello a cabeza ou veremos a Hermitas Valencia de Gobernadora de Alaska??????
Outra que está a puntiño puntiño son as eleccións á Cámara de Comercio. Varios candidatos conservadores se disputarán a presidencia. Entre eles, Crespo, Cañete, Canabal, Couceiro, Agromayor.....Ao final, entre o regular, o malo e o máis malo, quedo co regular.
Son un optimista. Non deixo que a metade dun soño quede arruinado pola tozuda realidade.