by Msarkadina...noutra excelente colaborasao....

Non hai moito tempo unha das mentes máis preclaras da nosa época , o ministro de Fomento Don José Blanco (si ,ese que non sabe pronunciar correctamente en castelán palabras como “concepto” ou “traducción”; o mesmo que non chegou a rematar a carreira de Dereito e, sen embargo, leva sen apearse dun coche oficial desde o ano 1989, ano en que foi elixido senador) pariu unha idea (isto non significa que a actividade neuronal do señor Blanco sexa nula escasa, senón que vai ó seu ritmo): había que rebaixarlle o soldo ó funcionariado. Toda unha epifanía que provocou un orgasmo múltiple á mafia mediática peninsular, que cortan o bacalao que dá gusto.
Si, si, si… Recortarlle os ingresos ós malévolos funcionarios, conxelalos, anular os privilexios deses parasitos que non merecen o que gañan, que están a xogar ó solitario no ordenador, que pasan o tempo tocándose as gónadas e saíndo a tomar cafelitos. Inútiles, incompetentes, langráns. Curiosamente, moitos destes epítetos tamén llos aplica con saña a cidadanía enteira á clase política (así, en xeneral) como ó funcionariado. Resulta máis fácil revolverse contra unha cabeza de turco que abrir os ollos, observar e reflexionar. Ata o acto de pensar por si mesmos resulta fatigoso para certas mentes.
Nin unha palabra, en cambio, para un goberno central que contraeu débedas para os vindeiros cincuenta anos, que gastou o que podía e o que non podía permitirse, o mesmo goberno que encabezou a bochornosa batalla para que Leire Pajín cobrase un terceiro soldo como Senadora por Valencia (20000 euros ó mes, tres soldos, ademais de senadora, Secretaria de Organización do PSOE e unha indemnización como ex Secretaria de Estado de Cooperación). Só un pequeno exemplo. Un exemplo infamante onde existe unha nova casta que, por desgraza para eles, ten tan mala fama como o colectivo funcionario: “a clase política”.
(ACOTACIÓN KATANGUEIRA: M. Martín Ferrand atopou pronto aos responsables da crise. Ler AQUÍ MESMIÑO e partirse...)
Pero no momento que reseteo o meu disco duro, no momento en que fago memoria, dánme ganas de vestir un chándal amarelo e coller unha katana, como a Noiva que encarnou Uma Thurman en Kill Bill e de saír a cortar unhas cantas cabezas ou de meterlle o medo no corpo a alguén. Por qué? Porque vivo nun lugar onde hai persoas que “fan política” e nunca cotizaron como traballadores por conta propia ou allea; porque tiven que escoitar “lindezas” tales como estas: Jordi Sevilla ó Presidente: “Tranquilo, en dos tardes te enseño lo que necesitas saber de economía”, ó ex ministro Mayor Oreja falando “dos plácidos tempos do franquismo”, a Esperanza Aguirre falando de “quitarle el puesto al hijoputa”, a José Blanco de novo : “Yo me callo porque sé de lo que hablo”, ou ó ínclito Manuel Fraga : “Yo pienso morirme sin ponerme un condón” ). Estou a falar do goberno central, pero por estas terras tamén abondan casos e cousas similares. Na anterior campaña electoral autonómica houbo exemplos de comportamentos rastreros e abominables. Daquela xa había crise, aínda que o presidente Zapatero seguira no País das Marabillas e negando máis do que Pedro negou a Xesús Cristo.
O desenlace, xa o sabemos e xa o describiron por aquí moi ben antes ca min. E xa o estamos a padecer (e de que xeito). Temos a un Mesías que nos saíu bastante ful, con vocación de Edward Scissorhands (o adorable personaxe creado por Tim Burton) e a un goberno que se está a mostrar bastante ineficaz para conter a recesión. U-lo Edén, Alberto?, clamamos os súbditos.
Pero non, Alberto está emperrenchado en meterlle man ó funcionariado tamén. Menos mal que el é funcionario en excedencia. Non creo que volva a ocupar tal posto se algún día deixa calquera cargo político. Acabará nun cento de consellos de administración e cobrando, ademais, unha pensión vitalicia, como a maioría deles. Podería e debería falar aquí tamén da abusiva cantidade de altos cargos, de cargos de confianza, de postos intermedios, da inoperancia do Senado e de organismos como algunhas deputacións provinciais (auténticas sés feudales e mafiosas), da improvisación, da pouca seriedade, da lixeireza pero eu non son quen. A miña é a opinión dunha cidadá calquera, non vale gran cousa. Síntome un pouco como Balbino, o Neno Labrego de Neira Vilas, pero estou certa de que razón non me falta.

PULSE, PULSE E MOTÍVESE......

PULSE, PULSE E MOTÍVESE......
Neste momento teño que alentar fondo, moi fondo, para osixenar o meu cerebro e ralentizar o meu ritmo cardíaco. Porque son consciente de que estas persoas ocupan ou ocuparon uns postos que, en certo modo, teñen que ver co meu presente e co meu futuro e, sobre todo, cos impostos que pago e co que me descontan da nómina cada mes. Porque vexo como se enredan en disputas estériles e banais ; pasaron demasiado tempo nos biosbardos e cando a ensoñación dos novos ricos horteras (que era a anterior irrealidade económica) desaparece á velocidade da luz empezan as rebaixas: sector público, revalorización das pensións, xubilación, axudas á maternidade, reducción do gasto farmacéutico, axudas á dependencia, axudas oficiais ó desenvolvemento, investimento público, comunidades autónomas e concellos e (intento de, supoño) SUBIR OS IMPOSTOS ÁS RENDAS ALTAS (ay, que me meo toa…).
A piques de sermos expulsados da zona euro, medidas desesperadas, con mediación de Barack Obama incluída. En anos anteriores, cando era toda unha aventura atopar un albanel ou un fontaneiro para que nos fixeran un amaño na casa, cando calquera iletrado montaba unha constructora ou unha inmobiliaria, cando un rapaz de 19 anos que non acabara a ESO fardaba dun AUDI A3, ninguén lembraba ós funcionarios nin ós pensionistas. Eran uns pringaos que gañaban unha merda e aínda tiñan que ir pedir un crédito para comprar un coche novo. Cando se especulaba, cando se abusaba, cando se fomentou a economía submerxída, miraban para outro lado.
Agora que se fundiu o becerro de ouro toca descargar a furia. Fago referencia ó nivel no que me desenvolvo eu, o do vulgo vulgaris. Vou facer unha cousa que non é de moi bo gusto ni axeitada, como é falar da miña persoa. O meu é un caso bastante común: o dunha cidadá que contempla cada vez máis furiosa e atónita a deriva dunha sociedade da que desertaron valores como a solidariedade, a educación, a cortesía e moitos outros valores para min moi prezados.
Noutras ocasións falei das pretensións da privatización sanitaria do actual goberno autonómico así como do tristemente célebre Apartamento. E non contei todo o que sabía por prudencia e por ética, porque eu tamén son traballadora do eido público, pero a miña categoría laboral non é a de “funcionaria”, senón un estado intermedio entre “funcionaria” e “persoal laboral”. Levo traballando desde os vinte anos(quince en total, boten contas) e non teño praza fixa per secula seculorum. Levo presentándome a ofertas pública de emprego (concurso-oposición) desde tempos inmemoriais, aprobando e quedándome ás portas porque nunca tiña todo o tempo traballado. Traballei na sanidade privada, traballei no rural, na costa, en centros de saúde, un tercio de xornada, a media xornada, as gardas que ninguén quería, fins de semana, nun mesmo ano mesmo a Noiteboa e a Noitevella. Vin a xente nacer, acompañei a xente nunha morte o máis digna e apacible posible, vin como outras vidas se apagaban en lenta agonía e sufrimento e, afortunadamente, vin a unha gran maioría curarse ou aprender a convivir coas súas novas limitacións. Presenciei e escoitei historias que a metade das persoas que pretenden insultarme chamándome “funcionaria” ou dicíndome “vives de puta madre” ou “eu pago o teu soldo” farían que se cagaran e se mexaran encima e saíran correndo. Porque eles non aturarían nin un segundo o que eu teño que aturar no meu labor (todo o mundo sabe reclamar os seus dereitos, pero descoñece os seu deberes como usuario), non lles admito unha soa lección. Poucas cousas terei aprendido nesta vida pero si moi ben o valor do traballo ben feito e a dar un trato digno e respectuoso a calquera que se achegue a min. Así que non me veñan con historias, que o meu soldo estivo conxelado durante moito tempo (o agravio comparativo da sanidade galega con respecto a outras comunidades autónomas era escandaloso).
Que non enreden con acusacións absurdas, que eu traballo nun ano 31 fins de semanas dos 52 que ten un ano, e 6 deles, saíntes de vela (é dicir, se traballo un venres pola noite, volvería a traballar un domingo pola noite; o sábado é para min, insomne crónica un día perdido). Ceo cando sae o sol e almorzo cando os demais cean. Así está a miña úlcera. E empeora por momentos nun sistema público no que parecen molestar os traballadores e traballadoras motivados. Hai dous anos tiven que escoitar esta gran verdade: “A ti no se te paga por pensar”. Gran verdade.
MSARKADINA: Hombre, a usted quería verlo yo por aquí.....dígame otra vez eso de los recortes necesarios mientras yo le preparo una buena lavativa.....!!!Mellor todos dentro do mesmo rabaño, que somos máis fáciles de mangonear. Total, cobramos igual a fin de mes. Actitudes coma esa son as que xeneran a desconfianza e a xenreira contra os traballadores públicos. Será o sistema o que deberá empezar a flexibilizarse e modernizarse porque, efectivamente, son tempos difíciles, e sendo empregados públicos a nosa conducta debe ser exemplar. Gustaríame tamén a eses “porqueyopagotunóminachica” que no meu informe do INSS di que son “traballadora por conta allea” e non servidora de ninguén. Non estaría de máis tratarme con respecto xa que, en algún momento, señor ou señora, a súa saúde e os seus coidados poden estar nas miñas mans. E que non lle soe a ameaza, por favor.


































