Páginas

Mostrando entradas con la etiqueta Msarkadina. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Msarkadina. Mostrar todas las entradas

Revisionismo histórico (Se eles poden, Msarkadina tamén)

by Msarkadina

A Real Academia de Historia vén de gastar 6,4 millóns de euros nun tochazo co que nos intentan persuadir de que Francisco Franco Bahamonde NON FOI UN DICTADOR ou que José María Aznar perdeu as eleccións xerais de 2004 porque o PSOE manipulou á xente a conta do desastre do Prestige (galegos, galegas: Non temos nada que dicir?). Nin unha palabra para as persoas represaliadas desde 1939 a 1975 (por non falar da xente que padeceu a ominosa Ley de Vagos y Maleantes de 1954, máis coñecida como “La Gandula”, reforma da lei republicana de 1933, pero moito máis represiva e opresiva). Ole, ole y ole.

¡Viva el orden, viva el Rey, viva España y la ley!

Dado que o disparate paréceme moi caro postúlome para facer un revisionismo acorde cos tempos: políticamente correcto e moi, moi amable. As miñas tarifas son moito máis económicas e cito as miñas fontes. Neste caso, "Platero y yo". Unha das miñas avoas, cando se lle acabaron os epítetos, deu en chamarlle "Mula Francis" (un personaxe cinematográfico moi famoso nos anos 40-50). Para non ferir sensibilidades eu prefiro comparalo con Platero, o burriño que creou para a literatura Juan Ramón Jiménez. Xa que nin abrimos un libro (xógome unha man a que haberá quen crea que isto vai polo grupo “Platero y tú”) e xa que nin vemos o Barrio Sésamo vai sendo hora de que alguén poña as cousas no seu sitio ("Niños, niñas: hoy vamos a explicaros la diferencia entre democracia y dictadura). Eu non estudei historia pero para o revisionismo este, tanto ten. Neste tudo-vale a miña interpretación vale tanto como as demais:

“Franco es pequeño, peludo, suave; tan blando por fuera, que se diría todo de algodón, que no lleva huesos. Sólo los espejos de azabache de sus ojos son duros cual dos escarabajos de cristal negro. Lo dejo suelto y se va al prado, y acaricia tibiamente con su hocico, rozándolas apenas, las florecillas rosas, celestes y gualdas... Lo llamo dulcemente: 'Franco, Franco, Franco?', y viene a mí con un trotecillo alegre que parece que se ríe, en no sé qué cascabeleo ideal...

Come cuanto le doy. Le gustan las naranjas mandarinas, las uvas moscateles,todas de ámbar; los higos morados, con su cristalina gotita de miel... Es tierno y mimoso igual que un niño, que una niña...; pero fuerte y seco por dentro, como de piedra. Cuando paseo sobre él, los domingos, por las últimas callejas del pueblo, los hombres del campo, vestidos de limpio y despaciosos, se quedan mirándolos:
- Tien’ asero (Tiene acero)".


Algunha conclusión (ó chou), que non estamos para moita leria:

1.- Non foi unha dictadura senón unha dictablanda.

2.- Franco era a reencarnación humana de Mimosín antes de que existise Mimosín.

3.- Houbo xente que o viviu con normalidade e naturalidade, como a familia Mayor Oreja (Jaime Mayor Oreja dixit en 2007, cun par).


Msarkadina e as eleccións

by Msarkadina

Creo que hai xente moi contenta por Coruña toda. Recolleron os seus froitos: catro anos de precampaña, largos, arduos, fatigosos, merecen boa festa. É ben sabido que Javier Losada non tiña o carisma e o savoir faire de Sir Francis, aquel que vendeu a cidade e que tivo que poñer pés en polvorosa por un "quítame allá esa oscura contabilidad". Javier Losada estaba hipotecado e seguiu a estela do seu antecesor. Todo estaba atado e ben atado. Pero cometeu un terrible erro: pactar co BNG. Foi, como se di no eido freudiano, como matar ó pai. Nunca tal fixera. A cantidade de insultos (que non críticas) e desprezos que tivo que soportar foi importante.

Neste catro anos de goberno bipartito, como cidadá, houbo cousas que me agradaron e outras que non me gustaron nada. Penso que se puido ter feito moito mellor pero tiñamos tales vimbios e o cesto fíxose mellor que se puido. Podo e debo criticar, en positivo e en negativo, pero procurando non caer no insulto. Tanto o meu pai como a miña nai ensináronme que berrar máis alto non me ía dar a razón. O tempo é un xuiz inclemente e dá e quita razóns. Tempo ó tempo.

Debo, pois, por educación e civismo, felicitar ó Partido Popular. Aínda que estou nas antípodas da súa ideoloxía e maneira de obrar, gañou as eleccións. Carlos Negrera Castañal será o alcalde os próximos catro anos e espero que traballe pola cidade e non por buscar un lugar baixo o glorioso Sol compostelano, o senhor das Feijõadas. Haiche moitísimo pailán que milita no PP da cidade que despreza a Negrera porque non naceu na Coruña e din que tira máis por Santiago, que "es una aldea". A ver se espabilamos, queridos pailáns urbanitas, que a capitalidade xa non é nosa hai uns trinta anos.

Estamos noutro século e noutra sociedade ben distinta e vós, coa vosa mentalidade fosilizada, aínda suspirades por un individuo execrable como Francisco Vázquez, a reencarnación "socialista" do pufento Alfonso Molina.

ALFONSO MOLINA: No me deis más hostias, por Dios!!! Y no me comparéis más con ese tal Paco Vázquez...él fue mejor...muuuucho mejor!!!!

Pois nada, alegría, alegría! Para que se me entenda ben, en román paladino: a partir de ahora A Coruña será La Curuña again, en Los Rosales de La Coruña tendrán su piscina (unha necesidade básica, na pirámide que deseñou Abraham Maslow), PeñaMuela desparecerá definitivamente (non imos falar do tráfico e consumo de drogas noutras áreas da cidade), en Matogrande no habrá problemas de aparcamiento, la Tercera Ronda será el asombro de todo el Reino de España y los niños coruñeses podrán salir a jugar a la bujaina (como hacía Carlos Negrera en su tierna infancia)sin la vigilancia de sus mamás. Habrá ley, orden y pleno empleo porque sí, por ciencia infusa. Nin falar de plans de participación ou igualdade, que iso está moi superado e xa saben eles que non fai falta. 

Mi madriña, que medo!

Que lles corten...a cabeza!!!

Compartir
by Msarkadina...noutra excelente colaborasao....

Non hai moito tempo unha das mentes máis preclaras da nosa época , o ministro de Fomento Don José Blanco (si ,ese que non sabe pronunciar correctamente en castelán palabras como “concepto” ou “traducción”; o mesmo que non chegou a rematar a carreira de Dereito e, sen embargo, leva sen apearse dun coche oficial desde o ano 1989, ano en que foi elixido senador) pariu unha idea (isto non significa que a actividade neuronal do señor Blanco sexa nula escasa, senón que vai ó seu ritmo): había que rebaixarlle o soldo ó funcionariado. Toda unha epifanía que provocou un orgasmo múltiple á mafia mediática peninsular, que cortan o bacalao que dá gusto.

Si, si, si… Recortarlle os ingresos ós malévolos funcionarios, conxelalos, anular os privilexios deses parasitos que non merecen o que gañan, que están a xogar ó solitario no ordenador, que pasan o tempo tocándose as gónadas e saíndo a tomar cafelitos. Inútiles, incompetentes, langráns. Curiosamente, moitos destes epítetos tamén llos aplica con saña a cidadanía enteira á clase política (así, en xeneral) como ó funcionariado. Resulta máis fácil revolverse contra unha cabeza de turco que abrir os ollos, observar e reflexionar. Ata o acto de pensar por si mesmos resulta fatigoso para certas mentes.

Nin unha palabra, en cambio, para un goberno central que contraeu débedas para os vindeiros cincuenta anos, que gastou o que podía e o que non podía permitirse, o mesmo goberno que encabezou a bochornosa batalla para que Leire Pajín cobrase un terceiro soldo como Senadora por Valencia (20000 euros ó mes, tres soldos, ademais de senadora, Secretaria de Organización do PSOE e unha indemnización como ex Secretaria de Estado de Cooperación). Só un pequeno exemplo. Un exemplo infamante onde existe unha nova casta que, por desgraza para eles, ten tan mala fama como o colectivo funcionario: “a clase política”.



(ACOTACIÓN KATANGUEIRA: M. Martín Ferrand atopou pronto aos responsables da crise. Ler AQUÍ MESMIÑO e partirse...)


Pero no momento que reseteo o meu disco duro, no momento en que fago memoria, dánme ganas de vestir un chándal amarelo e coller unha katana, como a Noiva que encarnou Uma Thurman en Kill Bill e de saír a cortar unhas cantas cabezas ou de meterlle o medo no corpo a alguén. Por qué? Porque vivo nun lugar onde hai persoas que “fan política” e nunca cotizaron como traballadores por conta propia ou allea; porque tiven que escoitar “lindezas” tales como estas: Jordi Sevilla ó Presidente: “Tranquilo, en dos tardes te enseño lo que necesitas saber de economía”, ó ex ministro Mayor Oreja falando “dos plácidos tempos do franquismo”, a Esperanza Aguirre falando de “quitarle el puesto al hijoputa”, a José Blanco de novo : “Yo me callo porque sé de lo que hablo”, ou ó ínclito Manuel Fraga : “Yo pienso morirme sin ponerme un condón” ). Estou a falar do goberno central, pero por estas terras tamén abondan casos e cousas similares. Na anterior campaña electoral autonómica houbo exemplos de comportamentos rastreros e abominables. Daquela xa había crise, aínda que o presidente Zapatero seguira no País das Marabillas e negando máis do que Pedro negou a Xesús Cristo.

O desenlace, xa o sabemos e xa o describiron por aquí moi ben antes ca min. E xa o estamos a padecer (e de que xeito). Temos a un Mesías que nos saíu bastante ful, con vocación de Edward Scissorhands (o adorable personaxe creado por Tim Burton) e a un goberno que se está a mostrar bastante ineficaz para conter a recesión. U-lo Edén, Alberto?, clamamos os súbditos.

Pero non, Alberto está emperrenchado en meterlle man ó funcionariado tamén. Menos mal que el é funcionario en excedencia. Non creo que volva a ocupar tal posto se algún día deixa calquera cargo político. Acabará nun cento de consellos de administración e cobrando, ademais, unha pensión vitalicia, como a maioría deles. Podería e debería falar aquí tamén da abusiva cantidade de altos cargos, de cargos de confianza, de postos intermedios, da inoperancia do Senado e de organismos como algunhas deputacións provinciais (auténticas sés feudales e mafiosas), da improvisación, da pouca seriedade, da lixeireza pero eu non son quen. A miña é a opinión dunha cidadá calquera, non vale gran cousa. Síntome un pouco como Balbino, o Neno Labrego de Neira Vilas, pero estou certa de que razón non me falta.



PULSE, PULSE E MOTÍVESE......



Neste momento teño que alentar fondo, moi fondo, para osixenar o meu cerebro e ralentizar o meu ritmo cardíaco. Porque son consciente de que estas persoas ocupan ou ocuparon uns postos que, en certo modo, teñen que ver co meu presente e co meu futuro e, sobre todo, cos impostos que pago e co que me descontan da nómina cada mes. Porque vexo como se enredan en disputas estériles e banais ; pasaron demasiado tempo nos biosbardos e cando a ensoñación dos novos ricos horteras (que era a anterior irrealidade económica) desaparece á velocidade da luz empezan as rebaixas: sector público, revalorización das pensións, xubilación, axudas á maternidade, reducción do gasto farmacéutico, axudas á dependencia, axudas oficiais ó desenvolvemento, investimento público, comunidades autónomas e concellos e (intento de, supoño) SUBIR OS IMPOSTOS ÁS RENDAS ALTAS (ay, que me meo toa…).

A piques de sermos expulsados da zona euro, medidas desesperadas, con mediación de Barack Obama incluída. En anos anteriores, cando era toda unha aventura atopar un albanel ou un fontaneiro para que nos fixeran un amaño na casa, cando calquera iletrado montaba unha constructora ou unha inmobiliaria, cando un rapaz de 19 anos que non acabara a ESO fardaba dun AUDI A3, ninguén lembraba ós funcionarios nin ós pensionistas. Eran uns pringaos que gañaban unha merda e aínda tiñan que ir pedir un crédito para comprar un coche novo. Cando se especulaba, cando se abusaba, cando se fomentou a economía submerxída, miraban para outro lado.

Agora que se fundiu o becerro de ouro toca descargar a furia. Fago referencia ó nivel no que me desenvolvo eu, o do vulgo vulgaris. Vou facer unha cousa que non é de moi bo gusto ni axeitada, como é falar da miña persoa. O meu é un caso bastante común: o dunha cidadá que contempla cada vez máis furiosa e atónita a deriva dunha sociedade da que desertaron valores como a solidariedade, a educación, a cortesía e moitos outros valores para min moi prezados.

Noutras ocasións falei das pretensións da privatización sanitaria do actual goberno autonómico así como do tristemente célebre Apartamento. E non contei todo o que sabía por prudencia e por ética, porque eu tamén son traballadora do eido público, pero a miña categoría laboral non é a de “funcionaria”, senón un estado intermedio entre “funcionaria” e “persoal laboral”. Levo traballando desde os vinte anos(quince en total, boten contas) e non teño praza fixa per secula seculorum. Levo presentándome a ofertas pública de emprego (concurso-oposición) desde tempos inmemoriais, aprobando e quedándome ás portas porque nunca tiña todo o tempo traballado. Traballei na sanidade privada, traballei no rural, na costa, en centros de saúde, un tercio de xornada, a media xornada, as gardas que ninguén quería, fins de semana, nun mesmo ano mesmo a Noiteboa e a Noitevella. Vin a xente nacer, acompañei a xente nunha morte o máis digna e apacible posible, vin como outras vidas se apagaban en lenta agonía e sufrimento e, afortunadamente, vin a unha gran maioría curarse ou aprender a convivir coas súas novas limitacións. Presenciei e escoitei historias que a metade das persoas que pretenden insultarme chamándome “funcionaria” ou dicíndome “vives de puta madre” ou “eu pago o teu soldo” farían que se cagaran e se mexaran encima e saíran correndo. Porque eles non aturarían nin un segundo o que eu teño que aturar no meu labor (todo o mundo sabe reclamar os seus dereitos, pero descoñece os seu deberes como usuario), non lles admito unha soa lección. Poucas cousas terei aprendido nesta vida pero si moi ben o valor do traballo ben feito e a dar un trato digno e respectuoso a calquera que se achegue a min. Así que non me veñan con historias, que o meu soldo estivo conxelado durante moito tempo (o agravio comparativo da sanidade galega con respecto a outras comunidades autónomas era escandaloso).

Que non enreden con acusacións absurdas, que eu traballo nun ano 31 fins de semanas dos 52 que ten un ano, e 6 deles, saíntes de vela (é dicir, se traballo un venres pola noite, volvería a traballar un domingo pola noite; o sábado é para min, insomne crónica un día perdido). Ceo cando sae o sol e almorzo cando os demais cean. Así está a miña úlcera. E empeora por momentos nun sistema público no que parecen molestar os traballadores e traballadoras motivados. Hai dous anos tiven que escoitar esta gran verdade: “A ti no se te paga por pensar”. Gran verdade.


MSARKADINA: Hombre, a usted quería verlo yo por aquí.....dígame otra vez eso de los recortes necesarios mientras yo le preparo una buena lavativa.....!!!


Mellor todos dentro do mesmo rabaño, que somos máis fáciles de mangonear. Total, cobramos igual a fin de mes. Actitudes coma esa son as que xeneran a desconfianza e a xenreira contra os traballadores públicos. Será o sistema o que deberá empezar a flexibilizarse e modernizarse porque, efectivamente, son tempos difíciles, e sendo empregados públicos a nosa conducta debe ser exemplar. Gustaríame tamén a eses “porqueyopagotunóminachica” que no meu informe do INSS di que son “traballadora por conta allea” e non servidora de ninguén. Non estaría de máis tratarme con respecto xa que, en algún momento, señor ou señora, a súa saúde e os seus coidados poden estar nas miñas mans. E que non lle soe a ameaza, por favor.

Deixo unha fermosa reflexión da escritora canadiana Margaret Atwood: “Unha palabra tras outra palabra tras outra palabra é PODER”. Sería interesante poner en funcionamento o cerebro antes de falar.



Aburete, tribulete....e graciñas, Msarkadina!!!!!

O apartamento (1ª parte). Un traballo de Msarkadina para a serie das sete infamias

Compartir
by Msarkadina


ADVERTENCIA: A EXPOSICIÓN DURADEIRA A ESTA COLABORACIÓN MSARKADINENSE PODE PROVOCAR PROBLEMAS DE SAÚDE.....FIJO......


“A saúde é un estado de completo benestar físico, psíquico, mental e social e non só a ausencia de afeccións ou enfermidades”. Esa é a definición que dá a OMS (Organización Mundial da Idem) sobre ese ben tan prezado que lembramos únicamente o 22 de decembro, como premio de consolación. Ese ben que non figura nos programas electorais dos partidos políticos, igual que a educación ou o deporte. Non “venden”, non “cotizan”. Non se consideran como unha aposta de futuro. E así vivimos nun mundo no que o uso do sentido común é altamente subversivo. Non é emocionante? A estas alturas das nosas vidas, nós, cidadáns e cidadás do vulgo vulgaris, vangarda dunha revolución inesperada. O malo é que a nosa visión da realidade case nunca concorda coa da clase política ou dos altos cargos xestores. Debe ser que tanto pisar moqueta altéralles a percepción e os sentidos. A outr@s, dobrar o lombo e suar a gota gorda, proporciónanos outra perspectiva. Por iso, se é vostede unha persoa medianamente sensata, vive na Coruña ou poboacións limítrofes, fágame caso: non acuda ás Urxencias do CHUAC se non é estrictamente necesario. Pode danar a súa saúde. Ou a súa fe na humanidade.



De paso, estará a cumprir os desexos do brillante xerente do Complexo, don Alfredo García Iglesias, que o 26 de xaneiro deste ano, coincidindo co colapso deste servizo (456 persoass solicitaron atención), saíu á palestra reclamando “un uso responsable”. Tamén se oiu falar aquela gloriosa xornada ó actual director asistencial, cantando as louvanzas do persoal que lograra funcionar baixo a presión asistencial e vendéndonos grandes doses de esperanza e, de paso, moito fume. Nihil novum sub solem (nada novo baixo o sol). Palabras baleiras de significado real. E coas palabras acaba calquera leve brisa.


DON ALBERTO: Pero si me encargo ya yo de que tengamos la sanidad más salerosa del mundo.....ole, ole y ole!!!!!!

O máis curioso é que obviaron mencionar unha novedosa medida na xestión hospitalaria europea, que pode chegar a ser o asombro do mundo. Unha mostra de creatividade coma nunca tal se vira, top secret total… Demasiada modestia. O Universo enteiro debe saber que as Urxencias do CHUAC son un paradigma dos principios da xestión: eficacia, eficiencia e efectividade en estado puro (é dicir, bo, bonito e barato). Ou como lle gusta pensar á Conselleira Farjas: o milagre dos pans e dos peixes. A ultimísima innovación no CHUAC debería ser mesmo un exemplo para a crise inmobiliaria. Porque a arma secreta para acabar co colapso endémico de Urxencias é coñecido “jocosamente” polo nome do Apartamento ou “o Pisito”. Que non se desvíen as mentes malpensadas!!! Non é outra cousa que un anexo chungo de Observación, onde van parar os pacientes ingresados sen cama que se cadra levan 24-36 horas sentados nun sillón ou botados nunha padiola (sen mencionar as horas de espera previas a que se decida o seu ingreso). A estas alturas as miñas pobres neuronas empezan a botar fume… Sobre todo, ó remontarme á orixe do Apartamento, carente de calquera regusto ó clásico de Billy Wilder, que retrataba o desencanto e a despersonalización da sociedade industrializada. Nin rastro dos brillos do Manhattan de 1960. Aquí as resonancias sonche máis ibéricas, máis acordes con outro clásico do cinema: “El pisito”, de Marco Ferreri e Rafael Azcona. Humor negro en estado puro.


Definamos o Apartamento en cuestión: Na ubicación do antigo kiosko e da antiga cafetería da cuarta planta do CHUAC, ó carón da mesma sala de espera (ou de desesperación) de sempre. Alí, ó calor da estúpida paranoia creada pola falsa alarma da gripe A, construiuse algo así como un módulo de atención para os casos sospeitosos. Si se utiliza para dar refuxio ós usuarios agotados e desesperados que van dar alí co seu corpo porque non hai camas no hospital. Este pisito parécelles un pequeno paraíso (silencio e algo de repouso) despois do vía crucis polo que acaban de pasar. Unha peculiar zona cero: Espazos abertos para camas, un par de consultas monísimas de la muerte, unha especie de almacén e un cuarto de baño. Un chiringuito griposo que non atendeu a ningún griposo. Unha ñapa máis nun hospital superespecializado. Unha penosa solución temporal coa que se perdeu unha inxente morea de cartos. Construído sen a opinión de calquera profesional sensato. Ou de calquera paciente sensato. Porque un só cuarto de baño sen ducha serve para todos os que alí estean amoreados. Moi hixiénico. Sen cortiñas entre as camas, para dar un mínimo de intimidade en momentos tan delicados. Sen tomas de osíxeno adecuadas ou de baleiro. Sen a megafonía que funciona no servizo de Urxencias. Cun só teléfono para comunicarse. Mellor non imaxinarse unha parada cardiorrespiratoria no Apartamento. Si, claro que hai material e persoal para practicar unha reanimación cardiopulmonar pero as condicións son as menos recomendables. Unha enfermeira e unha auxiliar están a cargo do cotarro. O persoal médico pasa por alí. Os celadores e celadoras non foron reforzados, que por algo son tropa de infantería. Eles poden con todo e darlle ó zoco é o seu choio. Pero o CHUAC non lles dá máis ca un par de calzado ó ano. E o persoal asistencial, como os coelliños de Duracell, dura, dura e dura… E os usuarios, calan e otorgan. Porque, aínda que deran a súa opinión, teñen a certeza de que non ía servir para nada. Agás se este colapso (que xa é endémico o ano 2003) aparece nos medios de comunicación. Só entón parece que se vai facer “algo”. Pois se ese “algo” é o Apartamento, a opinión pública merece sabelo. Non é xusto que tanto talento innovador quede na sombra. Non habería pandemia de gripe A, pero o que si están a ignorar é a existencia do virus da cólera, que convirte ós enfermos e ós currantes en seres intratables e primitivos que se destrozan entre eles, en vez de unir as súas forzas contra un sistema irracional e inhumano. A referencia é a película “28 días despois”, de Danny Boyle. Non está demasiado lonxe.




E xa postos a falar, falemos dun Servizo que presta asistencia nas mesmas condicións que hai quince anos. Entre 1999 e 2000 ampliouse por primera vez a área de Observación. En 2003 a situación de colapso empezou a facerse habitual (os pacientes hospitalizados que non teñen cama na unidade correspondente, podendo botar días enteiros alí). Non había (e segue sen haber) espazo físico para prestar atención ou coidados. O persoal improvisaba como podía. Xa daquela as sucesivas xerencias falaban de “repuntes momentáneos” e incitaban á poboación a “facer un uso responsable dos recursos”. Un día bo era un día no que menos dun 50% das camas de Observación estaban ocupadas por pacientes ingresados sen cama. En 2006 empezou a funcionar a Unidade de Preingreso. En 2007 a situación seguía a ser insoportable. As mobilizacións do persoal alcanzaron unha incrible repercusión mediática. En 2008 abriuse a área de Observación de sillóns. Os pacientes seguen entrando e entrando; mesmo están media ducia de horas nunha silla de rodas para probar logo o cálido confort dun sillón. Non importa que teñan 18 ou 92 anos, unha apendicite ou unha anxina de peito. Se sobreviven a 48 horas alí sentados, xa poden con todo.




De “repunte momentáneo”, nada de nada. É unha situación crónica e mantida no tempo. A tranquilidade das últimas tres semanas fai pensar que alguén lle está a “apretar os parafusos” a outro alguén. Non mola saír na prensa. Iso dá vergonza. Non dá vergonza que haxa medios precarios (por ser benevolente co calificativo). Tampouco dá vergonza que haxa cola de ambulancias na entrada de Urxencias porque non hai padiolas ou sillas para deitar ós usuarios, xa que están todas ocupadas (coa consecuente ralentización da atención a domicilios). Mentres a poboación non o saiba, todo vale. E se o sabe, tanto ten. Tampouco dá vergonza que o persoal teña que saltar (literalmente) entre padiolas para cumprir co seu traballo. Élles indiferente que haxa un heliporto defectuoso que leva inoperativo cinco anos. Os planos para o novo bloque enviábanse por fax; quizais por iso as camas non cabían pola porta e houbo que facer outro corta-e-pega. A Xunta de Persoal tilda a situación actual de “caótica”. Como calificarán a desfeita que pode acontecer de aquí a 2012, cando se ten previsto que culmine o Plan Director cunha Urxencia supermegafashion. Vista a progresión nos últimos dez anos podo formular un axioma impepinable: a máis espazo, máis desfeita e máis “almacenamento”. Isto é o que ven pasando entre ñapa e ñapa. A improvisación ó poder!!! Para min e para outras persoas ven sendo un problema de funcionamento global: non é lóxico que un usuario estea ingresado un mes para facer unha proba diagnóstica, ocupando unha cama que non necesita, habendo colapso nun servizo esencial. O que está claro para min non lle vale á actual xerencia que leva a cabo unha política de terra queimada, co lema “despois de min, o diluvio”, por bandeira. Ou tamén algo moi castellano a la par que irreverente: “Pa dos días que me quedan en el convento, voy y me cago dentro”. Non se me alporice, señora Farjas, que estou perdida sen remisión!!!




Non vou describir máis disparates porque a estas alturas xa me doen a alma e os petos. Porque todo isto perpétrase con cartos públicos, co noso diñeiro. Porque coa actual situación só lles estamos a dar excusas para continuar o insidioso proceso de privatización encuberta (xa se falou aquí do peche da Unidade de Educación Maternal para ampliar a cafetería do Materno-Infantil). Signos e síntomas desta síndrome: Baixa autoestima (a crenza de que a sanidade pública é peor que a privada); desexo irrefreable de vender, prestar ou regalar (locais, persoal ou aparatos) dos centros públicos; alteración da percepción do que é socialmente correcto (con gusto crecente pola privatización); irritabilidade ante as opinións alleas e mesianismo. Ante isto podemos actuar mobilizándonos, debatendo, propoñendo e organizándonos por un sistema sanitario racional e humanizado. Podemos facer visible o noso malestar. Tod@s temos voz e voto. Porque os servizos públicos deben funcionar para dar resposta ás necesidades das persoas, non para comerciar nin para obter beneficio económico. E porque a atención á saúde non poden medirse por criterios de rendibilidade, senón polo interese social.

Pregunta final: Quén audita a estes altos cargos?





Continuará.....temémonos.....

Os sete piares da infamia: sanidade versus santidade

Compartir
by Katangueiro
Pois fai ben Don Alberto, moi ben, en acudir ao Vaticano para recibir a benzón do mesmísimo Benedicto XVI coa excusa de arrincarlle ao Santo Padre unha visitiña xacobea de cara a novembro de 2010.

E fai ben en acudir acompañado da súa actual parella, quen se nos apresenta tal e como sinxelamente é: unha rapaza dos nosos días, gótica no vestir, silente no conversar e sumisa no comportar. Que os tempos cambiaron, carafio, e a dereita española tamén....un pouquichiño.

E así anda a Katangueira rompéndome a cabeza para que nós tamén sexamos recibidos en audiencia privada polo Papa, para pedirlle que vele por nós e, moi especialmente, pola nosa saúde, que ao paso que imos levando, nesta Galicia albertina, para a próxima gripe que collamos vai ir sendo mellor chamar a un confesor directamente, xa que da Sanidade Pública non vai quedar nin rastro ao remate desta lexislatura autonómica. Agora entendo o nomeamento de Dona Pilar Farjas como Conselleira de Santidade da Junta de Galicia y Aragón. Qué atinada decisión!!!!

Aos coñecidos recortes en atención sanitaria de tarde, que provocaron un aumento das listas de desespera dun 40% automáticamente, únense agora decisións tan alucinantes como a de pechar a Unidade de Educación Maternal do Hospital Materno Infantil da Coruña. Seica van ampliar a cafetería. Podedes protestar AQUÍ, pero xa vos adianto que esta decisión gustará aos potenciais usuarios...da cafetería. Onde estea un bo cortado, que se quite un peito feminino presto para dar de lactar.....co feo que é iso, así, ao natural!!!!!!!!


NENÉ. Home....por min non vos preocupar, que eu quedo co sistema natural....sen gas!!!!!!

Así que, como vedes, non estamos a esaxerar con iso de que vos vaiades buscando un confesor de man, por se as moscas. Outra opción sería a de pasar por caixa -que non por Caixa, que están moi cutres coa peña humilde- e aforar a boleta que vos pidan por mirarvos por riba e receitarvos por baixo algunha das drogas legais que se venden nas farmacias da nosa Región. En Katanga xa hai quen pide que legalicen os porros e a maría pero de xa....De ter que agardar seis meses a que me miren se teño un tumor, comentan os máis optimistas, que polo menos mos deixen pasar fumao de todo, sen sentir, que así se pasan máis rápido!!!!!


DON ALBERTO: Pues si, Santo Padre. Esto es lo último que hemos sacao para acortar el tiempo de espera de la seguridá social: la arguila canutera.
PAPA BENEDICTO XVI: Molto bene, molto bene....ji, ji, ji, ji......


A nosa colaboradora Msarkadina está a elaborar un traballiño que dexará a máis de un coma se fumase media plantación de maría dunha bocanada, pero desde a nosa redacción consideramos preciso ir comentando estas "cousiñas" do noso devir histórico en tanto actantes e padecentes desta nova era albertina, gótica, vaticánica e cutre que tan bos recordos nos trae da nosa mocidade ochentera...e se non que llo pregunten a Robert Smith.


ROBERT: Dios santo....tengo treinta mil de fiebre, perdí quince quilos en tres semanas y meo de color azul cobalto.....y no tengo cita para el CHUAC hasta mayo........de 2011!!!!!


En fin, delfín.....continuará!!!!!!

In dependentia summa!!!!!!!

by Pacotrón

En comentarios dirixidos á anterior entrada (a min, isto do "post" sóama a post-ín!!!), a nosa comentarista e sen embargo coleguilla Msarkadina recomendounos unha nova da Voz de Galicia que viña a conto da resistencia dalgúns concellos gobernados polo BNG a privatizar servizos sociais. Esta última nova, recomendada por Pacotrón (ese mamífero bípedo implume), dicía o seguinte:


Msarkadina remitíanos, pois, a ésta outra....


...que ten que ver ou non ten que ver, como vexades vós, que eu xa vexo de sobras!!!!

Estas dúas novas trouxéronme á memoria unha discusión que tiven cun rapaz a conta da súa aboa, unha muller recén xubilada (65 anos) con menos de 400 euros. O rapazolo, dunha vila costeira, xustificaba a paixón da súa gran mamma por Núñez Feijoo co argumento tan manido de "a ver cómo vivía Zapatitos con menos de 400 euros!!!".

Nun primeiro instante (intre, que diría Albor), acollín con simpatía o comentario dicindo: "home, ou Núñez Feijoo ou Rajoy, ou ti ou eu ou calquera....".

Craso erro. O rapaz vomitou toda a xenreira dereitosa da súa aboa contra os ilusos rojitos que ían arruinarnos a todos coas axudas sociais aos, literal, "neghros, xitanos, colombianos e mulleres maltratadas".

Ante este insólito e, á par, terrible comentario, descarguei, á miña vez, toda a miña xenreira rojita. Fun malote, seguro. PREGUNTEILLE QUE CÓMO ERA ISO DE QUE UNHA MULLER DE 65 ANOS COBRASE TAN SÓ 300 E TANTOS EUROS. "É que é non-contributiva", dixo. "Ah", dixen eu. "Nunca cotizou ao Estado", engadín. "E vive en casa propia?", perguntei. "Si, e máis ten un piso na Coruña. Paghounos co seu traballo, eh??", rematou chulescamente o irreverente raparigo.

"Vale", respondín armándome de paciencia. "Os meus abós, os dous que aínda viven, cobran pagas contributivas, polo que suman entre os dous un montante que lles permite vivir dignamente. Sen tolemias consumistas pero sen privarse dun filete. Viven en casa alugada, claro. Toda o tempo que puideron cotizaron, e pagaron impostos. Claro, así non puideron aforrar moito. Tiveron tres fillos".

O rapaz fitoume estrañado, como sen comprender por qué lle contaba iso. O rapaz levaba o peiteado de Cristiano Ronaldo, un brinco de diamante e un carro tuneado (Renault Clio azulón con faldóns de fibra de vidro).

"Non o pillas?", pregunteille. "Non, neno. Ti verás...", respondeu. "Moi sinxelo, chorbo. Os meus abós, que cotizaron e pagaron impostos, sempre votan esquerda. Mesmo votan "Zapatitos". Valoran o esforzo cotizante que realizaron e o esforzo cotizante colectivo actual. Por iso non poden ver diante a estes "señoritos" populares como Rajoy ou Núñez Feijoo. Os meus abós cren na Lei de Dependencia e nos servizos sociais públicos e universais. A túa aboa viviu da trapallada social. Isto é, eu, que son listísma, non pagho impostos, non pagho seguridá social e non pagho nada. Por que unha muller de 65 anos NON TEN EXCUSA PARA NON TER COTIZADO NADA E, en cambio, TER COMPRADO CASA E PISITO!!!!!! Isto non é España anos 50. Isto é Europa, amiguete!!!!",. Para daquelas, eu xa me imbuía do espírito de Leónidas. "Por iso, a túa aboa é de dereitas", rematei. "Por que non cre no esforzo social colectivo. Por iso, agora ten menos de 400 euros de pensión, e graciñas, neno, que con Franco non había pensións non-contributivas, que as puxo Felipe...un sociata!!!!! (...e que me vexa eu dicindo isto, que son anti-Felipista...)". "Un rojete", remarquei e dei por rematado.

Xa vos dixen que fora malote.

O certo é que resulta evidente que en Galicia existe unha minoría moi maioritaria que é como esa señora (unha santa, non o dubido). Unha minoría maioritaria a quen non lle importa unha merdalla que quiten axudas a libros de texto -total, non teñen que estudar-, que retiren a atención sanitaria de tarde -total, non estou enferma-, que privaticen servizos públicos -total, sempre me busquei a vida e, se fai falla, vendo o piso da Coruña-, ou que non se aplique a Lei de Dependencia -total, para que leven as axudas os neghros, colombianos, xitanos ou as maltratadas esas....-. Si, ou os meus dous abós, que están agardando unha resposta da administración. Si, eses que cotizaron solidariamente e que son rojitos. Eses que cren no futuro. A aboa do meu coleguilla, sendo moitísimo máis nova que eles, só cre no pasado.

Ensinanza moral: nun País de trapallada é normal que gobernen os trapalleiros. O insólito sería que gobernasen os meus abós!!!!!!!

Saúdos e bon nadal..........katangueiro!!!!!

KATANGUEIRA: Mira, neno. Se queres revolución, xa sabes, e se queres ser malote, tamén sabes.....Ti, como Moncho es mucho: tú ya sabes!!!!!!!! Felices festas a toda Katanga!!!!!!

Aportación do Katangueiro:

FELICES FESTAS (xa tiña ganas de colgar isto)!!!!!!!