Páginas

Redvolución (ou redevolución, que che me vén sendo como máis daquí)

by Pacotrón


Hai pintadas que fan historia. Aquela de que “baixo o adoquín está a praia” identifica o espírito do maio francés de 1968. O Katangueiro non estaba alí.

Os oitenta quedaron marcados polas numerosas pintadas que adornaban o muro de Berlín. Habíaas de todo. Historias de amor, tráxicas, escatolóxicas, cognitivas e desiderativas. O katangueiro estábavos feito xa un mozalbete, pero tampouco andaba por alí.

Á altura destas atópase, sen dúbida, unha das pintadas que agromaron a conta da revolta nos países do Magreb. En concreto, en Túnez. Dicía: “Thank you, facebook”, realizada na principal avenida de Túnez para agradecer a esta rede social o seu acceso durante as revoltas. O Katangueiro xa estaba niso. Esta vez colleuno en plena modernidade.

Nestes momentos de incertidume sobre o que acontecerá nestes estados tal cal son Túnez, Exipto, Alxeria, Libia, Bahreim, Yemen, Marrocos...etc, o que nos desvela a actualidade informativa son as masacres perpetradas contra poboación civil indefensa, e mesmo fusilamentos masivos de membros do exército contrarios a esta barbarie, que están tendo lugar na Libia de Gadafi. Este curioso sátrapa, que comezou a súa andaina gobernativa aló polo 1969, pouco despois da revolta dos adoquíns de París, conseguiu “misteriosamente” manterse no poder mesmo despois de ter sufrido unha guerra contra o imperio USA. Sobreviviu a isto e a moito máis. Mantívose firme pese aos bloqueos e embargos que Libia tivo de padecer pola súa causa. E fixo amigotes, non vos creades. Aínda lembro a Don Manuel de visita ao “eixo do mal” cubano e libio. Cousas de Fraga, que dicían os seus azorados pola bronca internacional que o Estado gobernado por Felipe González tivo que aturar.

Pero ten este home outras amizades ben máis importantes e internacionais. O señor Blair e o señor Berlusconi, entre outros. Tamén algunha que outra altísima xerarquía deste noso Estado Katangueiro. No caso de Italia, mesmo chegou a dar unha conferencia ante mulleres, supoño que para falarlles de decencia e bo comportamento segundo a súa especial concepción. Seica esqueceuse de falar do bunga bunga...

O que máis me doe non é isto. Son minucias. O que me doe de verdade é saber que se está practicando un auténtico xenocidio e que a Unión Europea, unha vez máis, está a antepoñer os intereses económicos –de quen? Meus? Teus? Nosos?- aos dereitos humanos. Si, como na antiga Xugoslavia. Si, como en Irak.

Un amigo noso katanguista ten traballado en Libia. Volveu impresionado de cómo o Estado Libio estaba a atravesar o deserto con cables de alta tensión e auga potable, para facerllos chegar ao conxunto das tribos e pequenas poboacións que andan por alí dispersas. Era o caso de Gadafi o do bo ditador, o que dedica os recursos dos que dispón non ao seu enriquecemento persoal se non ao benestar e independencia do seu pobo. Todo isto, TODO, quedou estes días borrado polas marcas do sangue nas rúas, prazas e praias. Onde andará metido estes días aquel que perdeu o norte, sur, leste e oeste hai tanto tempo e que chegou definir o réxime libio como o único experimento viable de socialismo panarabista??? Qui lo sa.

Pero non desmaiemos nin caiamos na desesperación. Xa hai quen está a sacar un bo feixe de cartos a conta desta desgraza. Sube o barril de petróleo, fálase de reservas para 90 días, e xa temos os combustibles en máximos histórico-histéricos. Curiosa subida aplicada a combustibles adquiridos moito antes desta crise a prezos moitísimo máis baixos que os actuais. Para que protestar, dirán os jerifaltes da Unión? Business is business.

HARPO: Pois a min este Gadafi tenme un aire de familia que non sei, non sei....

Abur, yogur.....

Como en Alfama...

by Katangueiro

É o barrio de Alfama en Lisboa coñecido universalmente. Aos pés do Castelo de San Jorge, esta humildísima aglomeración urbana ten dado á historia sentimental da república veciña multitude de historias, escuramente sórdidas ou emocionalmente sentidas, como adoita ocorrer nas barriadas habitadas por xentes de ben escasos recursos económicos. Tamén é moi sonado pola Feira da Ladra, unha sorte de mercadillo de choneo onde, nos seus inicios, máis que se sospeitaba da orixe legalmente incerta de moitos dos produtos alí ofrecidos. Debemos lembrar que "ladras", en portugués, significa "muller que rouba". Supoñemos, pois, que a orixe dese nome feminizado está nunha inmensa maioría de mulleres que eran as que se adicaban a esas vendas a pé de rúa ou praza. Non sei que pensará a Katangueira.

En días pasados, precisamente no noso querido barrio de Katanga, desarticulouse unha "célula" adicada ao choneo de cousas roubadas. A novidade desta iniciativa é que as cousas roubábanse sobre-pedido, modalidade de distribución moi en voga nestes tempos debido ás necesidades de adecuarse á crise actual e á súa incidencia no consumo das familias. Dito en roman paladino: a que demos vou roubar o cedese dun buga se logo non hai quen o compre. Faga o seu pedido e nós dispoñeremos á maior brevidade posible a súa encomenda. Toma innovación tecnolóxica!!!!

O malo de todo isto é que certo medio de comunicación sensacionalista da cidade ubicou esta interesante actividade en pleno barrio do Ventorrillo. Nada máis lonxe da realidade. Non fal falla que vos lembremos, supoño, as diferentes tipoloxías tanto urbanas como humanas que se atopan entre o modernete barrio do Ventorrillo e as Casas de Franco, esa especie de Alfama coruñesa. Sonvos as cousas de vivir nas faldras do Monte do Destino, que che atribúen penasmoas e katangas en menos que canta un galo!!!! Reivindicamos a orixinal proposta para o noso barrio, que bastante embrollo teñen os ventorrillos xa.....

Coinciden esta desarticulación co inicio das obras de mellora do contorno das Casas de Franco. Nestes días non se comenta outra cousa nos portais e baretos máis que a inmensa dificultade para aparcar os bugas, dificultade de certo histórica que agora se torna histérica. Hai preocupación por cando se vai abrir o Ágora ese e tamén corren bulos sobre que queren convertir en boulevard Mosteiro de Bergondo. Manda carallo en Katanga, nunca cousa boa trouxeron as novidades!!!! Media coruña en pé de guerra contra a europeización do seu urbanismo e nós aquí, en plena feira de ladras ou "intermarché a ras-de-chao"!!!!

Fóra bromas, esta nova, polo menos, deu que falar e opinar, especialmente nestes tempos en que os medios divagan entre as penurias de certa Caixa galega (pobres), o record de velocidade en atar chourizos (de comer) ou as chamadas á austeridade de Don Alberto aos seus alcaldes (futuros, supoño). Mágoa que est6a apelación contra o dispendio non dea chegado ata as terras galegas bañadas polo Sil. E así nos loce o pelo. Todas estas cousas importantes que están a pasar no mundo mundial e nós, coma sempre, innovando en latrocinio. Aprendamos de Baltar!!!!!!

BALTAR: Mire, meu querido Don, que eu xa non lle estou pedindo nin a Medalla ao Traballo nin a Ínsula de Baltararia...que eu o único que quero é poder arrodearme das xentes máis ilustradas da miña querida provincia ourensá...Eu non teño a culpa de que todos militen no Partido Popular!!!!! Capici???
DON ALBERTO: Capito, capito!!!!!

Aburete, tribulete....

Katanga en femenino: a Katangueira e a súa independencia manifesta

by Pacotrón

Despois de agardar un días por ver se o Katangueiro se daba recuperado do shock, véxome eu obrigado, entón, a darvos unha explicación sobre ese novo e inquietante banner que vos atoparedes á vosa dereita, con Olivia zurrando a base de ben a Popeye, e que non é outra cousa que o novo espazo de realización web da Katangueira e que leva por título Katanga en Femenino. La Otra Vuelta de Tuerca.

Como xa vos iredes supoñendo, isto implica mesmamente o abandono da katanguista deste nosa casa ou kasa de Katanga-Koruña. Unha mágoa. As súas achegas, sen asinar, forman parte consustancial desta pequena andaina nosa, que se aproxima perigosamente aos dous anos. Máis concretamente, o próximo 8 de febreiro. Vaia agasallo de cumpreanos para o miserable Katangueiro!!!!

Desde aquí -e sin acritú, que diría un expresidente- recomendámosvos visitar de cando en vez, e sempre que non vos quite tempo de lernos a nós, este novo espazo katanguista. Con ou sen Katangueira, nós seguiremos fedellando. E que conste que o tipo katanguista anda coa mosca detrás da orella, mirándome de esguello e/ou revirado, pois pensa e sabe que algo de man eu tamén lle botei de cara a montar este tenderete de visión feminina (ou era feminista?). Alá el, se pensa mal. Alá eu, se pensa mal.

O certo é que non o montou nada mal. Despois de todo, tantos meses aturando e turrando de nós servíronlle como a mellor aprendizaxe. Tenvos un manifesto ben enguedellado, trata algo o tema de culturilla, importante xesta nestes tempos que corren e moi producente ante a futura inauguración do Ágora, e tampouco esquece a nosa máis próxima historia. Promete máis, pero para promesas as de Iván Ferreiro....

Ai...Katangueiro....espabila!!!!!

Cómo son os rumores, verdade, Unomismo? Hai uns días apenas falabas da miña posible marcha deste blog a partir dun comentario escoitado nun bar do Castrillón, pero resulta que a que marchaba era a Katangueira. Non, se xa o dicía a Carrá!!!!

RAFFAELLA: Cuore, batti il cuore na,na,na,na……mi è sembrato di sentire un rumore, rumore, serà la paura, io da sola non mi sento sicura, sicura, sicura mai, mai,mai, mai e ti giuro che stasera vorrei tornare indietro con il tempo!!!