Páginas

Dirti uiquen...

by Pacotrón

Non sei cantas palabras conforman o idioma inglés. Tampouco podo acertar a confirmar se son moitas, poucas, as xustas, as necesarias ou demasiadas. Dígovos que non sei cantas palabras conforman o idioma inglés.

 Non sei cantas palabras existen en idioma galego. Non sei se son moitas, poucas, suficientes, as xustas, as menos, as oportunas ou demasiadas. Insístovos que non sei, nin quero saber, cantas palabras existen en idoma galego.

 Dise do inglés, en comparación coas diferentes linguas románicas, que gasta ben poucas palabras para a súa expresión. Unha cuestión de puro practicismo protestante que nos leva a aquela promoción interesantísima que nos oferta falar un idioma aprendendo tan só (¿?) mil palabras. Teima ridícula de se tratar da lingua galega, xa que ese número é xa preciso só para insultar ou desprezar. Non digamos se ademais queremos amar. O que vén ocorrendo é que a riqueza dun idioma non a marca exactamente a cantidade de vocabulario que debes de aprender. O inglés, por tanto, parco en palabras, resulta extremadamente rico en canto a expresións lingüísticas. Do meu intenso contacto con aquela cultura saquei dúas delas que considero de interese comentar. Especialmente despois desta fin de semana pasada tan pouco rica nas palabras e tan extremadamente intensa en sentimentos que fan que o meu corazón salte máis alto aínda que ese rapaz da foto que abre este texto.

 Pois debedes saber que os ingleses teñen un nome para definir ese espazo en forma de punta de lanza invertida que se forma entre as pernas dalgunhas mulleres, á altura da parte superior dos muslos, aínda cando os dous membros están ben xuntos. Este espazo é moi visible desde a parte de atrás e, din os pérfidos british, podes ver a luz do sol atravesándoo. A este efecto chámanlle dayline [deilain, en pronuncia caseira]. A luz do día. Incrible. Pero non o busquedes que non vén no dicionario. E debedes saber que teñen unha expresión para definir unha fin de semana que un mozo ou moza pasa acompañado/a da súa parella nun hostal, piso, tenda de campaña, etc. Chámanlle dirty weekend [dirti uiquen] a iso e, din os malévolos british, ten que ver con follar. O malo é que, aplicado ao noso caso, hai quen confunde follar con foder. Insistentemente. E non é o mesmo, joder, non. É unha cuestión de seleccionar entre todas as opcións e escoller, sempre que se poida, o lado amoroso do asunto. Falta moito follar e sobra moito foder. Foder a marrana. De aí o dirti uiquen. Unha porca porca porca fin de semana dunha escuridade tal que apenas divisas esa luz atravesando a alguén por entre as pernas. E perdoade se ofendo...ou non.

 Así e todo, e por sorte para min, unha fin de semana completa non é nada, unha semaniña enteira iso si que é muiñada. Teño recordos dabondo para durmir entre soños. Teño imaxes gravadas para forrar un libro que falase de todo o que pasou e de todo o que pasará. Teño amizades ás que non lles debo nada que non sexa afectivo, nin eles ou elas a min. Teño gana e teño folgos. Teño tempo e teño forzas. Teño algo novo entre os dedos e certas cousas que enchen cabeza e corazón. Teño o que outros non teñen nin por asomo nin por carencias éticas. O pasado domingo, o bloody sunday, un pequeno ser humano ascendeu de porco a marrán. Era de tarde pero o sol aínda non se ocultara. Dentro do grande espazo semellaba xa noite pecha, tal era o efecto de contraste que os focos halóxenos producían na nosa visión. A luz non se filtraba, polo que penetraba directamente no meu cerebro, tan só oculta, en contadas ocasións, polas sombras recortadas de persoas, animais ou cousas. Tocoulle subir ao escenario a este home pequecho que vos digo. Andar firme e decidido, satisfacción nos recunchos dos seus beizos. Suficiencia na mirada e certa xuventude na apariencia. Achegouse ao lugar reservado para as intervencións. Levantou a vista paseniñamente e respirou. Toumouse uns segundos de silencio, tal vez decidindo se ser persoa ou ser miserento. Escolleu isto último. Por convicción ideolóxica, eu creo. Arrancou, así de fácil, aplausos maioritarios no mercado de gando. Os únicos aplausos que hai no muindo para el. Fóra daquel matrix insensato este pequecho non existe. Non importa. Non interesa.

Rematou erguendo encantado o seu puño, formando así un inespertado dayline por entre a sú axila dereita. Nunca remata un día sen aprender cousas novas. Como cando te emocionas cos aplausos que un grupo de mozas e mozos adican a un vello a quen non lle deben nada máis que sentimentos e logo, como quen non quere a cousa, escoitas os aplausos debidos a quen preferiu pasar miserablemente á historia. Un xusto pago. Eis a diferenza entre follar e foder.

5 comentarios:

  1. Quen sementa miseria, recolle carraxe. Nas relixións dhármicas utilízase o concepto de "karma" como lei de retribución de causa e efecto. En concreto no hinduismo explícase como as desgrazas persoais son a reacción de accións do pasado e presente (boas e malas). E hai xente que arrastra un mal karma durante toda a súa vida. Tamén lles chegará a súa hora, seguro.
    Canta menos calidade humana, canta máis soberbia e prepotencia, máis dura resulta a caída.

    ResponderEliminar
  2. Algo que esquecín e que estou certa de que existe: A xustiza poética. Eses aplausos espontáneos... canto deberon molestar!

    ResponderEliminar
  3. O texto vai dirixido só a persoas que o entenden. Unha delas, claramente, é a Msarkadina. Os diferentes tipos de aplauso son formas diferentes de entender moitas outras cousas. Marcan perfil, como se di agora...

    ResponderEliminar
  4. Nom sei que aguardavas, amigo. Levades meses a ningunear-nos e a insultar-nos, em público e em privado. Vai ser certo que o do karma existe.

    ResponderEliminar
  5. O karma existe e insiste...persiste e consiste. RESISTE. ASISTE.

    ResponderEliminar