Páginas

Sen novidade na fronte (noroeste)

by Katangueiro

Moito me quedou marcada a lume e ferro aquela historieta-imaxe absolutamente bizantina onde unhas persoas, supostamente sabias, resabias e respectabilísimas, andaban a discutir sobre o sexo dos anxos -que total, tanto ten que o teñan ou non, que eu non mos penso follar- mentres os turcos, os otomanos, os espabilados infieis, petaban nas portas e, posteriormente, daban liquidado a aventura do Imperio Romano de Oriente, mil anos despois - como se dun trunfal Reich se tratase- da caída do corrompido Imperio de Occidente.

 A bizantina esquerda progresista (ou o que sexa que for) desta cristalina Galicia -que habitamos pesadamente- discute a eito sobre o sexo dos anxos, en tanto a dereita cavernaria e iletrada cabalga tan rampante. Iletrada porque pensa só en números, porque coloca a raposos fracasados que quebraron bancos, confianzas e malgastaron os aforrrados esforzos dos demais, á fronte da economía total, porque coloca a meritorios sen capacidade coñecida máis que a de servir cafeses a ricos mandamais en postos de altura na administración do Estado. Porque coloca a un tipo do Círculo de Empresarios a dirixir o Instituto Nacional de Estatística, un dereito constitucional en mans privatizadoras. Os nosos datos en mans privadas. As nosas vidas e facendas en mans privadas. O noso futuro privatizado...e a peñita que nin se dá enteirado. Tanto ten. Tanto me ten.

 Din que todo se pega, e debe de ser certo. A imaxe lamentable que está a dar o PSdG-PSOE lembra sen esforzo á imaxe que vén dando a aba nacionalista do "pacto de progreso" que foi quen de derrotar a Fraga no seu día e poñer ao PP de Galicia contra as cordas municipais no 2007. Se pensan, tanto uns coma outros, que se trata de cambiar de cara, de rostro, de cartel eleitoral, van listos. Por poñer caretos, que poñan calquera, que as hostias van vir do mesmo lado. A dereita vai dar desmontado o Estado de Benestar, ou o que había, e precisamente quen máis sofre esa condea é quen máis os vai apoiar. Hahahahahahahaha. "A culpa é da xente, que non sabe nin o que vota", teño escoitado moitas veces. "tTemos o País que nos merecemos", escoitei outras veces. Triple hahahahahahahahahahahahahahaha. Claro, por iso todos os políticos seica son iguais pero sempre -ou case sempre- van e gañan os mesmos iguais. Se é que non nos enteiramos. Se é que andamos a argallar asembleas nacionais, uns, ou consellos federais, outr@s, ou eu que sei que parvadas inútiles en tanto se derruban as portas, se traspasan os límites marcados e nos rouban o que é noso. Non sei vós, pero eu teño ghana de gherra e penso dala. SÓ OU EN COMPAÑA DOUTR@S.

 Ao que haberá que adicar o tempo que nos quede é a construír -e non o digo eu, que o di o amigo Pacotrón (ese que nos observa desde ollos que semellan covas de desatinos)- un referente político transformador, que sexa útil para todas as persoas -moitas moitas moitas- que se resisten a vivir nun presente e futuro domeñado polos "mercados", polo De Guindos e todos os que naceron no Palco do Bernabeu co carné do Real Madrid na man e a gomina en forma de "cara al sol". Ese referente pode ser que xa exista, non digo que non, e haxa que reforzalo en todas as súas paredes e piares fulcrais. Tamén pode ser que non exista, que non exista como marca eleitoral e que haxa que presentalaa xa, haxa que dar cera a eito e a cotío. A todos e todas. Que xa está ben. Xa está ben de tanto careto, de tanta pompa e de tan poucaa sensibilidade política. Colle a historia polos fuciños, por non mentar partes máis xenéticamente importantes, e protagonízaa.

 Onte vin de novo "Veludo Azul". A Laura Dern, chorando pola infidelidade sexual do seu namorado, pregúntase "onde está o meu soño dourado?". Non está, nena. Hai que soñalo aínda.

Abur!!!

5 comentarios:

  1. Si, antes de que nos entre sono...!!!!!!

    ResponderEliminar
  2. Un dos verbos que máis me gustan da lingua galega é "acordar" polas súas acepcións de "espertar" e lembrar. O acto de durmir é un acto de abandono, de deixar esta realidade nosa e pasar á realidade onírica. Moitas veces parecen máis reais os nosos soños que a vida mesma. Eu teño espertado de pesadelos con auténtica angustia e outras veces moi amolada, cando tiña un soño bonito e pracenteiro e non quería abrir os ollos, prender a luz e apagar o reloxo-espertador. Cantas veces non nos teremos sentido desorientados e confusos entre o sono e a vixilia... Curioso estado.
    Hai catro (case cinco anos) eu e máis outr@s moit@s votantes tivemos un soño (parafraseando aquel famoso discurso de Martin Luther King). Eu, persoalmente, non pensaba que os erros e as rémoras do goberno do Fragasaurius Rex se resolvesen deus ex machina. Ningún gobernante ou lexislador ten a variña máxica cando agora xa sabemos cales son os auténticos poderes fácticos (e quen non o saiba ou queira saber, é coma o escravo que aspira a emular ó seu amo ou é que ten o cerebro lavado e ben lavado). Algo foi mal, algo que moit@s percibíamos e que nos tiña descontent@s e molest@s pero tampouco dabamos un duro por Alberto Núñez Feijoo. Estou certa de que nin el mesmo esperaba gañar as eleccións autonómicas en 2009. Por iso vai como vai, dando bandazos, sometido ós ditados da superioridade, mostrando as súas enormes carencias e non facendo absolutamente nada pola súa terra de orixe. O Presidente Por Accidente Núñez Feijão é un ser calamitoso, un funcionario renegado, un galego que odia o seu actual posto de traballo e debece por volver a Madrid de ministro. Pero aí está, co beneplácito dunha oposición que parece espertar da súa interminable sesta de cacho en cacho e espilirse con frases do estilo "algo haberá que facer". Non creo eu que ese sexa exercicio opositor apropiado.
    O que máis me vén preocupando da oposición desde marzo de 2009, especialmente do BNG, é o Holocausto Caníbal, un proceso de autodestrucción sen igual. Estou totalmente alucinada e absorta. As mesmas persoas que lle pasaban a man polo lombo a Anxo Quintana, as mesmas persoas que aceptaban un pedazo de bandeira rojigualda no despacho oficial, as mesmas que pronuncian frases como "esta xentiña non entende nada" ou "esta xentiña non comprende a nosa mensaxe" (escoitadas por min, máis dunha vez), as mesmas que viven nun Matrix no que non hai cabida para voces discrepantes, as mesmas persoas que repiten consignas como papagaios pero non parecen cumprir case ningunha e falan sentando cátedra.... As mesmas persoas que critican e desprezan a quen non é igual ca eles... Esas son as mesmas persoas que dixeron que o 20 de Novembro de 2011 era "un día feliz". Pouco menos que me deron ganas de chorar. E dígoo co corazón na man. Votei BNG desde 1993, desde a miña maioría de idade, sen ter militado nunca, máis si simpatizado e empatizado. O que máis me gustaba era a aparente pluralidade. O que sempre me desagradou foi o monolitismo de certo aparatchik. Nunca se me pasara pola mente que poidese haber no seo do Bloque esa vea gatopardista. Día feliz? "Virgencita, virgencita, que me quede como estoy"? Nada de "algo malo faría eu". Moito de "o que se mova non sae na foto". Claro, claro, de aí o do "materialismo histórico. Enfin, que os galegos e as galegas somos un fato de ignorantes.
    Pois a min que non me inclúan, que non votei na miña vida "polos de sempre".

    ResponderEliminar
  3. Materialismo histérico, dinlle agora...

    ResponderEliminar
  4. Histórico pola cantidade de anos e histérico tamén.

    ResponderEliminar