O Ex-Concello da Coruña: informe de (in)xestión

by Pacotrón


"Se nada tes, nada agardes" 
(dito katangueiro)

Se había algunhas dúbidas sobre a desaparición de facto, in pectore, ad hoc, tu quoque... daquilo que se deu en chamar durante décadas Concello da Coruña -unha sorte de administración local encargada da xestión, deseño e programación económica, política e social do término municipal da Coruña- seguro que a tal hora e a tal día, 9 de xaneiro do apocalíptico e sen embargo lustroso e modernete 2012 que nos acompaña, estas disipáronse, esvaecéronse, diluíronse ou, simplemente, marcharon embora. A nosa atlántica cidade quedou desde hai pouco máis de seis meses en mans dunha xestora que sustitúe con máximos de indignidade ao antano denominado Concello da Coruña e hoxe, sen xorna algunha, Ex-Concello da Coruña. Así, sen máis.

Probas desta tristísima situación tiñamos moitas. Había que estar cego para non velas. Para comezar, no Palacio de María Pita non se recibe. Podes pedir citas e citas e citas, dá igual se é coa Ex-Alcaldía ou con algunhas das Ex-Concellerías delegadas antes existentes. Simplemente non se recibe. Tampouco pensedes que se estea a montar algarada algunha por isto. En tempos, un retardo dunha ou dúas semanas en ser recibido/a provocaba airadísimas reaccións en prensa de asociacións e/ou afectados. Hoxe non hai nada disto porque non hai goberno municipal ao que reclamar. Acudir, por outra parte, á Xunta Xestora do Término Municipal da Coruña para que solucione algo é como esixirlle á Academia de Cine de Hollywood que premie cun Óscar a Chiquito de la Calzada por toda unha carreira.

Noutra orde de misterios, o botellón e a drogadicción, antes instalados alí onde había unha asociación "veciñal" da órbita elipticoidal do PP, despareceron das nosas prioridades, cinguíndose unicamente a apenas un centenar de mozos e mozas que campan polos Xardíns de Méndez Núñez. Outro exemplo exemplarizante, e permitídeme o xogo de palabros: desde outubro de 2011 non se convocan protestas da Plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa (e en contra do uso de preposicións). Desde as eleccións Xerais do 20 de novembro xa non hai motivo. Desapareceron o tráfico e o consumo de estupefacientes como por arte de birlibirloque...e non me refiro ao barrio. Tampouco se ve motivo para acudir co teatrillo habitual ás portas de María Pita nin por drogas, nin por comercios nin por problemiñas sindicais nin por falta de buses nin por nada de nada de nada. A trincheira mediática respira, e de que forma, máis tranquila que unha katanguista nonaxenaria con cinco tranquimazíns enriba. Todo vai de pinga grazas á Xunta Xestora do Término Municipal da Coruña presidida por Don Carlos o Benefactor.

O emprego, mellor dito, o desemprego. Outra mostra do bo non-facer do Ex-Concello da Coruña. Nos seis meses que leva esta Xestora en funcionamento conseguiuse o nunca visto na "cidade das marabillas": aumentou o paro un 11%, nin máis nin menos. E contra os malfadados progres, esquerdosos e sospeitosos de nacionalismo e desafección patriótica española, o Ex-Concelleiro para todo, señor Flores, aclara as medidas máis importantes de loita contra o desemprego postas en marcha por esta a súa Xestora:

"Flores ha destacado el «importante esfuerzo» que ha realizado el actual Gobierno municipal para congelar los impuestos en este año"(Voz Galaico-Regional).

Cambiouse aquilo de Coruña Emprega por Coruña Desemprega. A próxima visita do Ex-Alcalde e actualísimo Presidente da Xunta Xestora do Término Municipal da Coruña á Cociña Económica (ou Ex-Cociña Económica, que vaias ti a saber...) vaise atopar contigo, conmigo, con el, con ela...con tod@s!
Podemos estar contentos. Son de tal calibre e dramtismo as cifras do paro na Coruña que case case case logran facernos esquecer as terribles cifras do desemprego en Galicia toda.

Medidas de alcance, sen dúbida algunha, combinadas coa subida de billete de autobús. Esta última resulta unha medida extrema de xustiza redistributiva. Quita aos pobres mozos/as, empregados/as, desempregados /ase xubilados/as para conxelar as taxas das licencias urbanísticas, por exemplo. É unha idea-proposta. Tamén se pode pagar fraccionado o IBI (Imposto de Bens Inmobles). Se tes unha propiedade en pleno centro de, poñamos, douscentos metros cadrados con vistas á bahía, aparte de tres ou catro pisos postos a especular polos barrios periféricos da cidade PODES PAGAR FRACCIONADAMENTE os teus impostos. É outra idea-proposta, pero seguro que non é verídica. Ademais, sempre podes venderlle a unha pobre viúva propietaria dunha vivenda de corenta metros cadrados do Grupo Franco, por exemplo, que pode pagar fraccionado tamén o seu IBI. Tod@s iguais, tod@s libres.

A mobilidade, outro exemplo de liberdade. Din que nomearon a alguén para ser Ex-Concelleira de Mobilidade do Término Municipal da Coruña, pero nunca a vin. Xúroo. De feito, os anuncios vencellados a transporte público, por exemplo, corren a cargo do Ex-Concelleiro de Tráfico. Claro que si...para que enredar?. Un exemplo: a supresión do carril-bus, ou mellor dito, a súa sustitución por un novo sistema de paso preferente para buses urbanos. Unha tomadura de pelo anunciada e promocionada a bombo y platillo polo Ex-Concelleiro de Tráfico, quen se esqueceu de medir o ancho dos buses da Compañía e deseñou un carril máis estreito que provoca que os vehículos de transporte público coruño ocupen parte importante do carril antes destinado unicamente a vehículos particulares. Volve a circulación en "fila india" polas principais arterias comerciais da cidade. Albricias. Fálase tamén de suprimir bolardos para facilitar o aparcamento en "liña descendente", isto é, enriba das beirarrúas. Para axilizar as xestións dos cidadáns. Albricias again. Isto de suprimir o carril-bus xa vén de sempre na Coruña. É unha tradición arraigada entre a dereita arraigada da cidade. Antes Vázquez, agora Negreira. Que máis ten? Queda inaugurada a Ex-Concellería de Inmobilidade.

Educación -esa tontada- non aparece máis que para dar disgustos. Recórtanse programas emblemáticos da "casa" como o Luditarde inmisericordemente ou liquídanse actividades extraescolares ou páganse literalmente miserias aos educadores/as que as imparten. Contrasta isto co tradicional afán deste tipo de "xestores" por colocar a fillos, amigos, familia e afíns varios de inutilidade manifesta en postos de traballo inmerecidos e, por suposto, suprabenpagados:

Recorte de 183.000 euros para o programa Luditarde

A Cultura, un importante motor económico da cidade, xa non existe. Tampouco parece existir persoa xestora do asunto. Hai algo programado? Hai algún criterio lóxico, aínda que sexa desde a lóxica da dereita? Hai alguén aí? Pasou o outono, chegou o inverno, e non acabo eu de ver nada. O Rosalía segue anunciando os ciclos de 2011 e para o Ágora anúnciase cousa boa e moderna para toda a Agra do Orzán. 40.000 habitantes do noso Señor e seguimos sen unidade técnica de Servizos Sociais no barrio. Non fai falta. Para iso están os bares! Ponme outra!

Logo hai unha cousa que se chama inercia, palabra estraña e suxerente que deriva de inerte. As instalacións deportivas, os Centros Cívicos ou as bibliotecas continúan aí, como cando espertou o dinosaurio. Deporte faise, supoño, e algunha actividade se organiza, como sempre. Tamén os Canguros Municipais deben estar activos, aínda que non se fale xa da súa existencia. Os Locais de Ensaio sei que si. Non sei máis que non teña que ver coa inercia ou coa condensación. CONDENSACIÓN. Gran película. Calquera día nos poñen a xestores inmobiliarios a dirixir todas estas instalacións, como fixeron co recinto feiral Expocoruña, e santas pascuas.

En fin, ata aquí o informe superficial que adicamos ao incansable labor realizado pola Xunta Xestora do Término Municipal da Coruña. Un labor nunca ben ponderado que implica sacrificios sen conto, acción a raudais, realismo a toda cor, escenas lúdicas en HD con 3D e a toda a hostia de sorround, escenarios de luxo, secundarios ben dramatizados e un descenso histórico de ventas en todo o comercio do centro coruñés, ese que repirou aliviado cando retiraron o carril bus, ese que suspirta polo fin dos bolardos e que tanto celebrou o acceso ao poder dos nosos actuais e eficacísimos xestores. Que lles sexa de proveito a tod@s. A outra cousa, volvoreta.

(Vivaaaa vivaaa  viiiivaaaa.....plas plas plas plas plas)

DON CARLOS: ¿Y me dice usté, querido vecino de Katanga, que yo vengo siendo Alcalde o algo de esta ciudad? A ver...déjeme pensar un poco....mmmmmmm....es que creo que me acordaría de algo así, ¿no?

10 comentarios:

  1. Eu, que ademais de ser unha "rojaza" de moito coidado e unha descreída, non che dou o nivel para entender estas prácticas chafalleiro-liberaloides de corte neopopular, baseadas na demagoxia e nas máis estúpidas e inverosímiles mentiras. Xa se sabe: se unha mentira é repetida catrocentas mil veces pode acabar convertíndose nunha verdade ou dogma de fe (e iso non significa que sexa sinónimo de "realidade"). Técnica moi goebbeliana e moi afín ó Partido Popular, do que nunca oín a ningún representante público que ó chegar ó poder, atopara as arcas públicas únicamente "mermadas". Para nada, as arcas sempre están "baleiras" e sen embargo nunca mencionan ós cacos (presuntos e xulgados) nas súas filas, que son incriblemente numerosos. Nunca, nunca esquecerei aquelas gloriosas declaracións de Mariano Rajoy sobre o inocente Camps: "Yo siempre estaré detrás de tí, o delante o al lado". Sobran máis palabras. Ai, Mariano, que tes comunicado o colon e a cabeza... Cada vez que falas, a cagas.
    Todos, absolutamente todos estes movementos abracadabrantes por parte deste brillante equipo de goberno ou como ben dixeches, equipo técnico xestor)feden a demagoxia desde o outro lado da ría. Todo se resume en: desfacer, deconstruir, destruir e disfrazar para que pareza que se fai algo. Ou sexa, facer a mona ou non facer nada ou e que carallo sei... Tal barullo teñen na cabeza os seus corifeos, a súa claque, todos os seus lambecus, que cren cegamente nas “medidas emprendidas” por Negrera e a súa troupe. Están a crear toda unha escola, a do estilo negreresco (que rima con churrigueresco).Inmolaríanse por Negrera, deixaríanse matar, a tal grao chega o fanatismo dalgún e dalgunha cos que teño intercambiado agrias palabras nas últimas semanas. Ou iso ou ben esperan ou esperaban obter algunha clase de recompensa por unha fidelidade tan canina e allea á dignidade humana. Paso de enumerar aquí a cantidade de idioteces escoitadas e/ou debatidas porque entre estes e as primeiras medidas (eufemismo de recortes) neste Primeiro Ano Mariano) xa me teñen bastante encabronada. Xa estamos a sentir os primeiros milagres deux ex Negrera.
    No subconsciente colectivo pervive a pantasma de Sir Francis que parece mimetizarse co espíritu e o corpo de Carlos Negrera. Demasiada infamia xunta. De feito creo que algún destes dous individuos darían ben como protagonistas nun conto das “Historia Universal da Infamia” de Jorge Luis Borges: “El impostor inverosímil Tom Castro”. A Negrera aínda lle faltan algún grao para alcanzar os cumios de soberbia e prepotencia de Sir Francis, pero todo se andará.
    “Tom Castro era el fantasma de Tichborne, pero un pobre fantasma habitado por el genio
    de Bogle. Cuando le dijeron que éste había muerto se aniquiló. Siguió mintiendo, pero
    con escaso entusiasmo y con disparatadas contradicciones. Era fácil prever el fin”.

    ResponderEliminar
  2. Perdón pola mala aliñación da cita do conto: “Tom Castro era el fantasma de Tichborne, pero un pobre fantasma habitado por el genio de Bogle. Cuando le dijeron que éste había muerto se aniquiló. Siguió mintiendo, pero con escaso entusiasmo y con disparatadas contradicciones. Era fácil prever el fin”. Salvando as distancias e, poñéndolle algo de humor macabro ó asunto, a min esa simbiose vazquiana-negreresca lémbrame a un infame suceso ocorrido na Arxentina: a exhumación do cadáver embalsamado de Eva Perón por parte dun operativo do xeneral Aramburu. Despois de múltiples viaxes postmorten devolvéronlle o maltratado corpo ó seu viúvo exilado en Madrid. En Puerta de Hierro e acompañado dun rasputín chamado José López Rega, suposto feiticeiro, sometían aquela momia a rituais absurdos e incribles para traspasarlle a enerxía e o carisma de Evita á que era daquela muller de Perón. Onde está o paralelismo? Nesa cordialidade e afinidade que demostran Negrera e Vázquez. O primeiro parece suspirar polo carisma (u-lo?) do segundo.

    ResponderEliminar
  3. Contrariamente ao que se pode supoñer, isto do seguidismo pro-vazquista tradicional do PP na nosa cidade tenche certas "desconcordancias". Despois de toda unha vida apoiando as súas paranoias e malgastos, vai e resulta que o tranvía turístico ou tren chu-chú xa non é o embrión do metro lixeiro. Despois de toda unha vida "traballando arreo" pola terceira rolda, que para cando se dea rematado xa estaremos necesitados da cuarta, e unha vez dispoñible a cachos, non se aproveita para facer unha campaña de reordenación da entrada de vehículos na cidade. Aí está, triste e soa. No que si que están aínda de acordo é en manter en vigor o Plan Xeral de Ordenación (?) Urbana do 98.

    ResponderEliminar
  4. E xa nos tarda que escribas algo de novo para nós, pequena e independente MsArkadina. Pode ser sobre os ex-gobernos que queiras: a ex-Xunta, a ex-Deputación, o ex-Goberno do Estado (do estado de desolación), ou mesmo a ex-Monarquía Parlamentaria. Tamén sobre a ex-sanidade (veñen tempos de encomendarse aos santos) ou a ex-educación (veñen tempos de aprenderse de novo os santos) ou a ex-cultura (daaameeee alghooooo)

    ResponderEliminar
  5. os fogares con subsidios na Coru desbordan ás entidades:

    http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2012/01/10/aumento-hogares-viven-subsidios-desborda-entidades-sociales/567833.html

    o concello elimina as "costosísimas" antenas xuvenís:

    http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2012/01/10/bng-denuncia-supresion-antenas-corresponsales-juveniles/567863.html

    volven as actividades da inercia...

    http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2012/01/10/vuelven-luditarde-deporte-centro/567855.html

    os comerciantes quéixanse de que os cruceristas só gastan en agasallos-recordo

    http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2012/01/10/rebajas-cruceristas/567858.html

    o bng acusa ao ex-goberno municipal de calcular mal a suba do bus

    http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2012/01/10/bng-acusa-gobierno-local-calcular-mal-subida-precio-bus/567886.html

    IU critica o atraso en recibir a entidades veciñais por parte do ex-gobern do ex-concello

    http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2012/01/10/eu-verdes-critica-atraso-gobierno-local-atencion-vecinos/567865.html

    Alcoa proxecta ERE na Coruña

    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2012/01/10/alcoa-reduce-produccion-12-amenaza-1500-empleos-europa/0003_201201G10P31995.htm

    Aos especuladores o maior recorte da historia de Ex-paña non lles chega nin para comezar...

    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2012/01/10/moodys-exige-espana-agujero-cinturon-25000-millones/0003_201201G10P32991.htm

    Retíranse os bolardos de San Andrés, "responsables" da debacle comercial do centro coruñés...

    http://www.elidealgallego.com/index.php/periodico-impreso/a-coruna/33828-entrevista

    Avanza a venda-liquidación de NovaGalicia Banco a La Caixa...a ver as indemnizacións que se levan os Castellano and company pola súa superxestión...

    http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9364.html

    O IRPF só sube un 0,75 para Cristiano Ronaldo

    http://www.cincodias.com/articulo/economia/irpf-solo-sube-075-ronaldo/20120110cdscdieco_2/

    Os universitarios de USA afóganse nos préstamos...Cando vexas a barba do veciño....

    http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/01/10/actualidad/1326174143_330152.html

    ResponderEliminar
  6. Levo lido, escoitado e visto tal cantidade de malas novas a tal día como hoxe, 11 de xaneiro, que cando lin isto, recén chegada a casa, non puiden menos que rir.

    http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2012/01/10/coruna-invertira-115-millones-convertirse-smartcity/568128.html

    Es que me parto la goma, neno.

    E logo o Amado Líder da Era Mariana reunido cunha axencia amiga (iso de reunirse con medios pouco afíns é un atraso) pronuncia palabras que pronunciaría un proxenitor "amoroso" que descarga a súa furia e frustración coa súa descendencia, adornando o castigo físico con frases de estilo "isto dóeme máis a min que a ti".

    http://www.laopinioncoruna.es/espana/2012/01/10/rajoy-subir-irpf-duro-habia-opcion/568121.html

    Cuñaaaaaaooooooo.....

    ResponderEliminar
  7. Señores de Katanga. Les rogaría que rectificaran lo relacionado a la Plataforma Ventorrillo, pues hemos convocado una manifestación en el mes de Diciembre. Para muestra un botón: http://www.corunaonline.es/coruna-2/plataforma-ventorrillo-coruna-penamoa/
    Atentamente, A.L.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Anónimo de Katanga28 de enero de 2012, 11:23

      déjalos , ya sabes el dicho: cuando el tonto pilla la linde, la linde se acaba pero el tonto sigue, y a estes con vosotros os ha pasado lo mismo. Afortunadamente la gente que vive en el barrio sabe lo que pasa y además los medios de prensa son notarios fieles de cada una de vuestras actuaciones

      Eliminar
    2. Hai casos (clínicos) e cousas deprimentes e fatigosas. E ti es unha delas. Para explicarme mellor, isto vai unica e exclusivamente por ti, Anónimo, para todos os anónimos e anónimas corroídos polo egoísmo e o rancor e non para os veciños e veciñas do Ventorrillo que se mobilizaron en todo este tempo sen ter detrás ningunha plataforma política que agora durme placidamente no poder ou intereses partidistas. E FALO NO MEU NOME, a título de cidadá, veciña da Agra do Orzán, que paga os seus impostos.
      Teño escrito por aquí moitas veces que respecto enormemente ós veciños e veciñas do Ventorrillo, A Moura e A Silva que protestaron e se mobilizaron moitos anos contra a situación tercermundista, o tráfico de drogas e os perigos que conleva para todo un barrio e para as persoas que sufren as adiccións. Porque puiden coñecer persoalmente e respecto aínda máis a algunhas destas persoas: excelentes seres humanos preocupados por mellorar o seu barrio, solidarios, respectuosos e corteses que non teñen ningún tipo de interés espúreo. Nada que ver con Anónimos e Anónimas variados, con individuos que se erixen líderes de ocasión e portavoces e non son máis que a voz dun amo. Persoas que din unha cousa e fan outras ben distintas. Persoas que permiten que nun blog veciñal se escriban comentarios que incitan á xenofobia e á agresividade nun barrio no que levan vivindo moitos anos familias inmigrantes honradas e traballadoras, equiparando a estas persoas con individuos tamén doutro país que se dedican a actividades delictivas. Auténticos hipócritas que agoran calan plácidamente, imitando ós seus amos. Agora non se mobilizan ou montan algaradas, por exemplo, contra a okupación ilegal por parte de chabolistas que SI se dedican ó tráfico de drogas dun edificio en A Moura, cando sabemos que hai moitas familias afectadas (coñezo a dúas, honradas, pagadoras e con medios económicos para pagar a súa hipoteca)afectadas. Primeiro foron defraudadas pola constructora e os bancos. Agora por esta administración local que utilizou como ariete para entrar en María Pita o desaloxo de Penamoa. Ah, non, carai, que publican "notitas" dicindo que "el ayuntamiento se pone las pilas". Guau, anonadada me hallo, con esta actitude de "yo soy rebelde porque el mundo me ha hecho así". Onde está toda esa contudencia e esa actitude expeditiva que demostraban hai ben pouco? Agora non enchen de comentarios spam o blog (ben pouco actualizado) da Asociación de Veciños do Ventorrillo.
      REPULSIÓN E VERGONZA ALLEA, ISO É O QUE ME INSPIRADES OS/AS ANÓNIM@S OPORTUNISTAS.

      Eliminar
    3. Onde están todos eses magníficos líderes da opinión? Durmindo o soño dos oportunistas, dos inxustos e miserables. Espero que estean no inferno, no inferno que está a traer este goberno de corruptos e cobizosos que fai moito mellor o desastroso gabinete de Rodríguez Zapatero. Agora calan e seguirán calando dentro de catro anos, cando haxa que pagar ata por respirar, cando xa non quede nada do magro "estado de benestar" do que agora "gozamos".
      Non hai nada peor que un escravo satisfeito e vós sodes o mellor exemplo. Nunca fomos clase media e vós crestes o conto. Ó único que aspirades é a igualarvos cos vosos amiños sen comprender que nunca vos deixarán formar parte da minoría selecta. Ata aí chega a vosa ignorancia e mesquindade. Pero a vós tamén vos chegarán "as medidas reformistas" dos vosos amadísimos líderes (como eles pregoan, herdanza per secula seculorum, do goberno anterior). Espero que por fin vos enteredes de que ninguén está libre. "Non haberá paz para os malvados, dixo Iavhé" (versículo do profeta Isaías, coñecédelo, vós tan píos e cristiáns?).
      E cómpre non esquecer outro exemplo máis de hipocresía supina: ir nunhas listas electorais cunha "figura senlleira e disidente" no ano 2007, obter resultados catastróficos e logo intentar redimirse facendo traballo suxo por Coruña toda e no mundiño virtual. Velaí un exemplo de abnegación, desinterés e entrega ós demais. Foi boa a recompensa? Espero que pagara a pena porque hai conciencias que non deben estar moi tranquilas. Xa non se reparte spam nin se trollea por outros lugares? En fin...

      Eliminar