by Katangueiro,a partir dun correo de A., nacida libre

A nosa amiga A. coméntanos, entre indignada e preocupada (ler asustada) como proliferan en determinados "lugares" web, vendidos como blogosferas cidadás e convertidos por obra e gracia de quen os administra en espazos de proselitismo neoultradereitoso, as novas redactadas con claro sesgo malicioso e os subseguintes comentarios de reafirmación fascistoide. Quéixase a amiga de que isto ocorre SEMPRE nos mesmos lugares, son SEMPRE os mesmos protagonistas e rematan SEMPRE do mesmo xeito: usando un demagóxico sistema de culpabilización básica en tres leccións pola cal os máis febles, ou os que non se poden defender apropiadamente dentro da calamitosa circustancia económica que estamos padecendo, son os responsables de todo o conxunto de males sociais que afectan aos que transmiten a información e ao conxunto da cidadanía, por extensión. A nosa amiga refírese en concreto ao Blog de Los Rosales, do que xa temos falado máis que suficiente, pero moito nos tememos que é unha enfermidade cada vez máis habitual entre a "maltratada", ou así se considera, clase media desta Europa do progreso e do benestar.
A indignación de A. comezou cando, coincidindo coa folga xeral do pasado día 29, comproba como se magnifican os episodios de enfrontamento, e mesmo un suposto "vandalismo obreiro", que sitúa aos convocantes e participantes na folga pouco menos que nas tramas de delincuencia organizada.
Isto que nos comenta A. pode observarse directamente
AQUÍ. O que non se poderá observar de ningunha forma é información algunha referida a que o Estado tivo que pedir diñeiro emprestado á Banca privada, a un 4-5%, para crear o seu Fondo de Rescate da Banca, que o presta aos prestamistas ao 1%. Negocio redondo!!!!! Quizais por iso os lemas máis coreados nese día foron os relativos a que a crise a paguen os que a causaron. Estes últimos contrapoñen: que a paguen os macarras sindicais e os/as beneficiarios de axudas sociais. Vagos, máis que vagos.
A preocupación da nosa amiga sube enteiros cando, tras unha denuncia veciñal relativa a supostas actividades de corte delitivo protagonizadas por menores e adolescentes de etnia xitana no parque infantil do barrio, sucédense as prédicas xenofóbicas que absolutizan a información convertíndoa en dogma de fe polo cal, en definitiva, chegamos á conclusión de que as persoas de etnia xitana non poden -non queren, non saben, non merecen- convivir co común dos seres mortais que habitamos a península ártabra. Marineda, vamos. Chega a propoñerse, sen que apenas sorprenda, o traslado do conxunto dos xitanos a un lugar afastado, onde vivan todos xuntiños e poidan matarse mutuamente se molestar aos demais. Algo así como de
Sarkozy ao
Plan Madagascar, opina A. Pode verse
AQUÍ. Ai...o tan manido recurso á inseguriade cidadá que tan bos resultados está a dar á ultradereita en Europa Central!!!!!!
O que non conseguirá ver A. en semellantes "foros de debate" é que o 88% da poboación xitana en España habita en condicións totalmente normalizadas, ou que a precariedade de emprego sitúase nun 71% no caso desta etnia, fronte ao 30% que padecen/padecemos os que non somos desa etnia. Ou que o 80% dos menores xitanos non rematan os estudos básicos. Estas cifras son tamén "razóns" que se lles escapan a algúns cando botan a lingua a pacer.....é que xa o dicía a miña mamá: non hai peor mentira que unha verdade a medias.
Pero non te preocupes, querida amiga A. É o sino dos tempos. Teremos de discutir novamente sobre cuestións que creíamos de civilización básica, chegando mesmo a ter que defendelas coma se estivésemos nas trincheiras dunha guerra eternizada e/ou eternizable.
Non ves que sempre foi así??? Graciñas polo aviso.