
Agora que están de moda os grupos surrealistas do feixbú referido ás señoras e señores que andan pola rúa, que se con bolsas no coco, que se protestando, que se comendo froita...eu qué sei facendo qué.....presentamos aquí un grupiño que dará moito que falar. Trátase dos matrimonios que acuden do ganchete a calquera espectáculo que se organice con entrada libre ata completar, e de qué forma se completa, o aforo...e o aforro!!!!! Cóntovos.
Unha das maiores diferencias culturais entre as xentes do noso tan querido País Galaico e as mesnadas poboacionais da Meseta é a actitude vital -e profundamente vitalista- que expresan uns e outros ante o fenómeno dos espectáculos gratuítos. Vexamos.
Comentaba un xornalista castizo de mediados do século pasado cómo unha compañía teatral do Madrid dos anos corenta, formada íntegramente por pipiolos e pipiolas novatos nas artes do espectáculo de masas, dera por sentado un cheo absoluto ante a súa inminente representación dunha obra clásica do Século de Ouro. Un Lope de Vega, poñamos. Máis ao contrario, chegado o día da infausta subida de telón, tan só unha entrada se vendera para tamaño espectáculo. A fin de asegurar o cheo no primeiro día, e garantir así as mellores críticas teatrais nos medios de incomunicación da época, decidiron adoptar unha medida extrema: declarar a estrea como día do espectador e non cobrar un peso pola súa asistencia. Que a obra era de balde, vamos. Cheo garantizado!!!
Chegado o momento da representación, o público, que abarrotaba a platea suorosa, irrompeu en berros, clamores, xesticulacións e protestas ante a falta, aparentemente evidente, de calidade desta representación. No medio do alboroto, cando xa ninguén no seu mínimo xuízo era quen de seguir a trama, ergueuse alporizado un homiño ubicado no medio medio do patio de butacas, e axitando os brazos con alteración, berrou aos presentes: "¡Por Dios, señores, que tampoco es una obra tan mala!".
Era o único que pagara por entrar.
Que a qué vén isto, pois a que na nosa tan querida terra, na nosa Marineda, na nosa Katanga extrema, ocorre máis ben todo o contrario, demostrándose así o feito diferencial máis indiscutible do noso País. Aquí o que paga, protesta, e o que entra de balde, aplaude a rabiar. Como debe ser.
Digo isto porque nos chega do Concello un convite para unha Gala-Homenaxe que se vai celebrar hoxe no Teatro Rosalía de Castro contra as 20:30 horas. A protagonista, xa falecida, é María Luz Morales Godoy, coruñesa que foi a primeira muller no Estado en dirixir un xornal. Neste caso, La Vanguardia de Barcelona. En plena guerra civil. Podedes consultar sobre esta gala AQUÍ. Pero o máis salientable é que a entrada é de balde, e haberá cine (documental) e música en directo. Qué máis queres, Baldomeiro???. Supoño que estará a rebentar. Moi coruñés e moi galego.
Só así se entende o falso rebumbio que se montou a conta dun vídeo que lle sacaron a Don Alberto, Presidente a la postre da Junta de Galicia y Aragón, unha noite de troula cos amigos e amigas de Boqueixón. E digo falso rebumbio porque non hai nada máis normal que un Presidente conservador lanzando unhas picaradas a algunha beleza adolescente en tanto os efluvios dos sucesivos mencías e alvariños inxeridos perpetran os seus efectos e defectos naturais. Tampouco hai nada anormal en que uns galegos aproveiten calquera convite para enguedellarse alí e sacar ebn limpo o que se poida: unhas gambas, unhas nécoras, unha papa descomunal e un vídeo para youtube. Qué más se puede pedir, qué más se puede pedir, que cantaría o castizo marinedo.
En fin, amiguiños, que aquí vai o vídeo, en tanto non o censuren, e o convite para vernos no seguinte espectáculo gratuíto.....que a vida é moi chuquela e hai que menearse con alegría!!!!!