Páginas

Mostrando entradas con la etiqueta pirata. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pirata. Mostrar todas las entradas

Sen novidade na fronte (noroeste)

by Katangueiro

Moito me quedou marcada a lume e ferro aquela historieta-imaxe absolutamente bizantina onde unhas persoas, supostamente sabias, resabias e respectabilísimas, andaban a discutir sobre o sexo dos anxos -que total, tanto ten que o teñan ou non, que eu non mos penso follar- mentres os turcos, os otomanos, os espabilados infieis, petaban nas portas e, posteriormente, daban liquidado a aventura do Imperio Romano de Oriente, mil anos despois - como se dun trunfal Reich se tratase- da caída do corrompido Imperio de Occidente.

 A bizantina esquerda progresista (ou o que sexa que for) desta cristalina Galicia -que habitamos pesadamente- discute a eito sobre o sexo dos anxos, en tanto a dereita cavernaria e iletrada cabalga tan rampante. Iletrada porque pensa só en números, porque coloca a raposos fracasados que quebraron bancos, confianzas e malgastaron os aforrrados esforzos dos demais, á fronte da economía total, porque coloca a meritorios sen capacidade coñecida máis que a de servir cafeses a ricos mandamais en postos de altura na administración do Estado. Porque coloca a un tipo do Círculo de Empresarios a dirixir o Instituto Nacional de Estatística, un dereito constitucional en mans privatizadoras. Os nosos datos en mans privadas. As nosas vidas e facendas en mans privadas. O noso futuro privatizado...e a peñita que nin se dá enteirado. Tanto ten. Tanto me ten.

 Din que todo se pega, e debe de ser certo. A imaxe lamentable que está a dar o PSdG-PSOE lembra sen esforzo á imaxe que vén dando a aba nacionalista do "pacto de progreso" que foi quen de derrotar a Fraga no seu día e poñer ao PP de Galicia contra as cordas municipais no 2007. Se pensan, tanto uns coma outros, que se trata de cambiar de cara, de rostro, de cartel eleitoral, van listos. Por poñer caretos, que poñan calquera, que as hostias van vir do mesmo lado. A dereita vai dar desmontado o Estado de Benestar, ou o que había, e precisamente quen máis sofre esa condea é quen máis os vai apoiar. Hahahahahahahaha. "A culpa é da xente, que non sabe nin o que vota", teño escoitado moitas veces. "tTemos o País que nos merecemos", escoitei outras veces. Triple hahahahahahahahahahahahahahaha. Claro, por iso todos os políticos seica son iguais pero sempre -ou case sempre- van e gañan os mesmos iguais. Se é que non nos enteiramos. Se é que andamos a argallar asembleas nacionais, uns, ou consellos federais, outr@s, ou eu que sei que parvadas inútiles en tanto se derruban as portas, se traspasan os límites marcados e nos rouban o que é noso. Non sei vós, pero eu teño ghana de gherra e penso dala. SÓ OU EN COMPAÑA DOUTR@S.

 Ao que haberá que adicar o tempo que nos quede é a construír -e non o digo eu, que o di o amigo Pacotrón (ese que nos observa desde ollos que semellan covas de desatinos)- un referente político transformador, que sexa útil para todas as persoas -moitas moitas moitas- que se resisten a vivir nun presente e futuro domeñado polos "mercados", polo De Guindos e todos os que naceron no Palco do Bernabeu co carné do Real Madrid na man e a gomina en forma de "cara al sol". Ese referente pode ser que xa exista, non digo que non, e haxa que reforzalo en todas as súas paredes e piares fulcrais. Tamén pode ser que non exista, que non exista como marca eleitoral e que haxa que presentalaa xa, haxa que dar cera a eito e a cotío. A todos e todas. Que xa está ben. Xa está ben de tanto careto, de tanta pompa e de tan poucaa sensibilidade política. Colle a historia polos fuciños, por non mentar partes máis xenéticamente importantes, e protagonízaa.

 Onte vin de novo "Veludo Azul". A Laura Dern, chorando pola infidelidade sexual do seu namorado, pregúntase "onde está o meu soño dourado?". Non está, nena. Hai que soñalo aínda.

Abur!!!

O pirata, o ladrón, a súa muller e a miña amante


Son realmente tan maior, vou tan maduro e resulto tan anacrónico que xa penso, como o facía o meu avó cando cumpriu os oitenta anos, que estamos ao borde do abismo e só nos falta dar ese paso adiante? Éche pregunta retórica.

Vivo anclado nun mundo que enche sacos de desgana, malas prácticas e desautorizacións a eito. Un mundo onde caben/cabemos todos, e non pensedes que se libra nin dios. Iso é bo, a democratización dos despropósitos que nos trouxo esta, e non outra, crise.

1. Moito nos cansamos de repetir que a SGAE, e os seus truculentos defensores, erraban nas súas prácticas e se enchían os peitos de cartos en nome duns artistas que, na súa inmensa maioría, vivían as transformacións sociais e comunicativas alleos á recadación que o fascismo imperante lle permitiu a unha entidade privada nun Estado democrático. Despois de todo, alguén vai pagar algo daquilo. Polo menos o Bautista, pero o mundo da música e do entretemento en xeral está cambiado e non se ve que alguén aprenda das leccións e estableza novos cauces de uso e transmisión das obras artísticas. Ver a Ramoncín, que non fai nada a dereitas desde os oitenta, ou a Bisbal, tipo forrado e irritante onde os haxa, reclamando democracia e respecto prodúceme vómitos. O Antón Reixa preséntase para presidir esa sociedade, e fala de rexeneración e de non perseguir ás perruquerías. O outro contrincante fala de renovación. Cambialo todo para que nada cambie. Non vou por ningún, porque daí non vai saír nunca nada bo.

2. Non gostamos das xeneralizacións que se adoitan producir coa clase política en canto aparece algún concelleiro ou concelleira que meteu a man nos cartos, cobrou indebidamante, enriqueceuse coa práctica política ou, simplemente, pagou favores que enriquecían a outros. Hai polític@s e polític@s. E hai unha (suposta) democracia onde a ninguén lle poñen literalmente unha pipa na cabeza para obrigarlle, no nome dos seus filliños, a votar a este ou estoutra corrupto/a. Cadaquen saberá o que vota e por que. Digo isto porque a conta do máis que probable enxuizamento dun membro da familia real, Undargarín, estamos asistindo a unha sorte de vendaval mediático de presión, onde non se libran nin os medios máis monárquicos, para controlar as vías de ingreso desta xente. Tamén falan de facer público o patrimonio real a fins de ano. Impresionante. Todo o que a lóxica e a democracia ben entendida non conseguiu en trinta e tres anos vai e o consegue un consorte e as súas prácticas "non exemplares".

3. Este despropósito de ambición, deslealdade e asalto a fondos públicos pagarao quen o vai pagar, xa o veredes, porque hai a quen protexer moitísimo máis por riba del. Aquí hai nenos e nenas que van quedar sen actividades exxtraescolares municipais por aforrar uns poucos miles de euros e había quen cobraba millón e pico de euros en facturas duplicadas de servizos incribles, non realizados en ocasións ou de escaso valor. Poñemos en solfa o sistema de partidos por uns corruptos, así que a ver se poñemos en cuestión agora á monarquía. Na miña perruquería, o outro día, para unha clienta isto non era así. Aínda hai castes.

4. Para rematar. Amo á prima de risco. Tenme mollado o corazón. Rozado, desgastado, abusado e triste corazón. Amo cando sube, amo cando baixa. Amo que me controle e nos controle. Amo que dispoña das nosas vidas sen compaixón. Amo tocala, sentila. Amo os seus beizos cando me queren en forma de miniemprego. Amo as súas contas, que non son as miñas, e mesmo amo cando me despreza. Ámoa cando me mira así, altiva, esimismada e arrogante. Como a amo entón.

KATANGUEIRO: Uf...305 nada máis??? Sube, sube, siiiii, aaaaaaahhhhhhhh, dame duro, nenaaaaaa!!

Mami, quero ser artista!!!!!

by Pacotrón, recén descargado o último disco de Franc3s....

Parece que a Lei de Economía Sostible non conta agora mesmo con máis apoios no Parlamento español que os do propio partido que a presenta e nos goberna, o PSOE. Esta Lei será recordada, acabe sendo aprobada ou non, como a Lei Sinde, en honra e lembranza da Ministra de Cultura que a presenta e representa. Varias son as razóns deste rexeitamento multiideolóxico e colorista, que se suma a unha importante mobilización social na rede en defensa dos dereitos ao libre intercambio de información, entre outros. Desde aquí quixéramos aportar algunhas desas razóns:

1. Os Ramoncín, Rosario, Alejandro Sanz ou Bisal reclaman o seu dereito a cobrar, pouco menos, por cada vez que se escoite a súa música, habida conta de que pretender cobrar porque Msarkardina, por exemplo, me preste por internet unha peli de Orson Welles sería o mesmo que se me cobran un canon porque a miña nai me presta o último libro de Almudena Grandes. Para facernos tragar con isto, aparecen todos ofendidos nunha rúa madrileña diante dun rapaz africano e, oh...sorpresa, un disco de Alejandrete Sanz estaba no top manta antes de que saíse ao mercado. E agora, pensemos. E a min que? Iso ten que ver con que alguén da casa discográfica, do grupo de músicos ou técnicos ou que sexa colleu ese cedé e vendeuno, seguramente por uns cantos cartiños, a algún mafioso que rapidamente o copiou e mandou aos seus africanos á rúa a vendelo. Iso non é o que facemos os que, por exemplo, collemos prestados os capítulos da segunda temporada de Futurama, emitidos ata o cansazo por diferentes canles de televisión, e os baixamos xuntos para pegarnos unha fartura unha tarde tonta de sábado. En resumo: que para que o top manta sexa delicto, tontainas artistas, non hai que aprobar ningunha Disposición Final Segunda.

2. Se ben semella diferente o intercambio de arquivos e a descarga directa, xa que nun caso realizamos, doutro xeito, algo que sempre se fixo, como é deixarte eu un tomo de Mortadelo e ti a min un de Conan, tamén é certo que teño deixado discos ou tebeos a compañeiros e colegas sen nada a cambio. Por outra banda, o mundo tecnolóxico cambiou radicalmente. Que sentido ten vender a 15 ou 20 euracos unha man chea de cancións (patéticas nos casos precisamente máis protestóns) cuxo custe real non chega a pouco máis de medio euro? Iso chámase usura, e nunha sociedade xusta e democrática é un delicto se se aplica a produtos de primeira necesidade. Non sendo as obras destes artistas produtos de primeira necesidade, non semella producente aprobar unha lei que nos sitúa a centos de miles e, posiblemente, a algún millón de persoas como delincuentes. Se Katanga Koruña fai público un chiste, amiguiños, non podo logo pedir que se trate como a un delincuente a quen o copie ou difunda LIBREMENTE. En refinitiva: renovarse ou morrer.

3. Os defensores ou valedores desta Lei son AS/OS MESMOS que defenderon e avalaron o canon dixital que agora Estrasburgo acaba de declarar ABSOLUTAMENTE ILEGAL, como sempre defendimos desde Katanga Koruña. Deberíamos acudir aos Xulgados a esixir a Ramoncín, Rosariyo, Cobos, Bustamante ou Bisbal que NOS DEVOLVEN INMEDIATAMENTE TODO O QUE COBRARON DA SGAE A CONTA DESE CANON ILEGAL. Os delincuentes sodes vós actualmente, tristes artistoides. Eu non gañei un chú en todo isto. Vós si.

4. Por último, que me canso.....Para colmo de desvergoña, segundo un documento LIBREMENTE DIFUNDIDO por Wikileacks, esta Lei foi redactada, digamos, por unha potencia exterior e para salvagardar4 os intereses de cidadáns desa potencia exterior. Se isto non é traizón ao xuramento do seu cargo de Ministra que baixe Syd Vicius e o vexa......despois de tomarse unhas garimbolas.

En fin, señora Sinde....quédanlle aquí este grupiño do Carballo máis ecléctico que nos ofrece o seu último disco en descarga libre. Por que? Por que queren darse a coñecer para poder tocar máis veces..e cobrando cada vez máis. Normal. O que non poderán facer, de ningunha forma, e evitar que se preste en rede o seu disco. Adaptarse ou morrer. Isto xa o leva facendo o Duque (David Bowie) desde hai polo menos dez anos. Veñaaaaaa, a baixarse o disco AQUÍ.

Sinde, adícoche o primeiro tema: "Nosotras tenemos fe en el veneno".

Definitivamente.......cara atrás, by Pacotron.

Pacotron ( cánto tempo sen lerte, chico...) envíanos este fantástico artigo para a súa publicación onde proceda.

Nós...procedemos.
Paga a pena, verdadeiramente.
Saúdos, Pacotron.

"DEFINITIVAMENTE.....CARA ATRÁS"

"Vivimos nun mundo estraño. Vivimos cara atrás. Somos coma nécoras fuxidías e temerosas. Ninguén semella capaz de parar isto. Nin tan siquera se intenta.

Unha especie de "decelerador" de partículas instalouse no noso País e nas nosas aldeas, vilas e cidades. Estamos en 1976 ou no 2009?. Bonita pregunta. Resposta apurada: teño dúbidas de vivir tan siquera en 1976.

A finais dos anos oitenta do século pasado apareceu Nirvana.

A principios dos noventa, en 1993, publicouse o primeiro álbum de Bjork en solitario.




Pasaron xa Oasis, Blur ou Pulp.

Radiohead publicou o seu primeiro disco no 1992.




Patty Smith sigue viva.........e Coldplay tamén, pese ás acusacións de plaxio.

Jamiroquai....alguén sabe quen é?, tocou en Vigo. Morrisey en Benicassim ou Madrid.

En España ( e na Galiza ) existen Los Planetas ou Ivan Ferreiro. Russian Red ou Dorian. Nadadora ou Cat People. Guru Deva ( da Coru ) ou Niño y Pistola. Refree.....tan marabilloso, ou Nacho Vegas. Tamén Sevigny, que son da Coru....ou Shine, o grupo coruñés revelación do 2009 nos premios Inframundo.

Falando de Inframundo. Onte entregáronse os premios Primus 09. Foi no Teatro Colón. Estábamos os amigos, os grupos, as familias e catro máis. Bastante cheo para un acto que non recibiu apenas promoción algunha. É que NON IMPORTA. Eran premios para grupos pop e rock....algo do pasado. De melenudos, raritos e gais. De "maricones" e "drogoadictos", vaia.

Algo para esconder.

Na nosa cidade, na Coruña, na metrópole do noroeste, na das forzas atroces, na Coruña que rabuña, podes fácilmente ver a dúas neniñas movendo as cachas en roupa interior no aparcadoiro da Torre dúas veces en quince días. Os seus compañeiros de "grupo" emiten letras que dá vergoña allea reproducir. Chámanlle o Reggaeton. É machismo puro e duro. A "mayonesa" mental na que vivimos considera normal que os nosos vellotes supuren fluídos corporais mirando para rapazas que podían ser as súas bisnetas.........quen lles dera.

A igualdade acádase tamén, no plano feminino, coa "gozada" de ver a eses rapazolos que moven as cadeiras, ao xeito caribeño, mentras cantan "Dale, dale, dale morena....". Elas teñen dereito a desfrutar coma os homes. Coma os vellotes.

Unha parella de vintetantos anos márcase un pasodoble español. Quizais viña da procesión da Estrela, en Arteixo.

Falemos desta procesión.

Onte, unha asociación de veciños, a "Monte da Estrela", conseguiu o que parecería imposible...se non fose certo: que se volva celebrar a procesión, ou romaria, da subida ao monte da Estrela, cargando coa Virxe de Monteagudo. Dúo musical, gaitas e churrasco. "Qué más se puede pedir".

Case mil romeiros. Cincuenta anos sen celebrarse. Próxima misión?. Mellorar as dotacións educativas de Arteixo?, mellorar as instalacións deportivas? potenciar o civismo neste verán verbeneiro que emporca de lixo toda canta explanada se adica a festas? Construír un Centro Cívico para a mocidade?, algún Centro de Día?

Non. Reconstruír a Capela!!!!

Cércanos a barbarie.

Somos os profetas do non. Negamos o presente. Negamos o futuro. Rexeitamos os cambios, as transformacións. Calquera aprendizaxe. HAI QUE FACER O QUE SEMPRE SE FIXO. Mirar cara atrás con agarimo. Con mito. O mito do paraíso perdido....ou inventado, que a estas alturas tanto dá.






Síntome do Inframundo. Como os premios de onte. Como os premiados de onte. Como Krakovia onte. Inframundo. Lumpen cultural. Mundo dos espíritos. Dos espíritos libres.

Quero dicilo. Pódese dicir?



El Consorcio non é Pop.

Raphael non é Pop.

Bisbal non é Pop.

O "mueve mueve" non é Pop.

Eu son Pop. O mundo é Pop.

Imos cara atrás. Coma nécoras.

Never Mind. Xa o dicían os Pistols. Never Mind. Xa o dicía Nirvana.

Realmente, cércanos a barbarie.

Se Kurt levantase a cabeza........."



Grazas, Pacotron!!!!!!!