
Leo estupefacto a nova fatwa do señor Santiago Rey Fernández-Latorre no seu medio-enteiro La Voz de Galicia e non podo evitar pensar en que apenas estamos en primavera. O próximo domingo, máis concretamente. É o que ten marzo, que é así de marzal el. Que non dás aínda rematado de dixerir o último, e quizais derradeiro, cocido estacional e xa temos por aquí as brillantes creacións que uns atribúen á matemática creativa -ao número áureo, máis concretamente-, outros á divinidade que lles parece ou se lles aparece e outros moitos ao azar da química. Ao misterio do Universo máis aló do amosado en Matrix. Un misterio infindo.
E sen embargo, marzo. Preludio primaveral onde Don Santiago traza con pluma vivaz o escenario catastrófico da perda das Caixas, do asalto aos nosos recursos (os enerxéticos, señor?), da incompetencia e inoperancia da nosa/súa clase política, da sociedade civil que asiste inmóbil, impávida, iactiva, seica máis preocupada -isto dígoo eu- polo SEU escurecido futuro, ese que lle outorgaron os amigos ricachóns de Don Santiago, que polo futuro dos activos financeiros de Bancos, Caixas, grandes empresarios e/ou grandes especuladores. Qué banal. Lumpen social preocupado polos sobrecustes de encher a neveira para si e toda a súa familia cando están todas estas cousas en xogo!!!!!

E sen embargo, marzo. Vedes como as noutrora austeras pólas desta amendoeira reviven impávidas, lentas pero latexantes ante o novo espectáculo da natureza servido en catro dimensións, as tres propias do volume ás que se suma, gozoso, o tempo?. Un chiste, esa Avatar. Un chiste se a comparamos coa amendoeira, claro.
Anúnciase estes días un grande acontecemento para o noso País. Este ano 2010 verá o parto e vivirá os primeiros pasos da canle televisiva que Don Santiago poñerá ao servizo dos seus servizos: VTelevisión. Será entón televisión marciana, de réptiles come ratos, ou será a televisión da vitoria, da vitoria que nos come a nós?. As intencionalidades deste novo medio-enteiro son tan ambiguas coma a liña editorial que marca o seu correspondente vehículo escrito, así como a advertencia de que comezará a emitir na primavera, sen máis concrección, provoca en todos nós a vértixe do absoluto universal, a suor fría do medo ao descoñecido, o calafrío do inmenso estelar ou o estremecemento agnóstico dos poderes do número áureo.
E sen embargo, marzo. A friaxe da mañanciña estoura en quentura morna en canto asoman os primeiros raios de sol. As nabizas son xa un recordo, mentras as mimosas son unha forte presencia colorista, unha bonita praga amarela que conforma nos prados e brañas a Galicia xamaicana. Aínda doen as articulacións dos que imos gastados, pero menos.
Ao noso redor, os tradutores automáticos confunden dende ao Conselleiro de Cultura ata aos monxes. O Conselleiro é automático, coma as matemáticas. Por iso as súas leccións deben empregar vocabulario exclusivamente español. Porque yo lo valgo. Porque dos más dos nunca serán "catro". Por inmensa coherencia. A coherencia do Cylon.
E sen embargo, marzo si que non pode agardar máis.















