by Pacotrón
Como xa vos temos comentado en repetidas ocasións (ver AQUÍ), corren -e voan- malos tempos para o comercio local. Para sermos máis exactos, xa viñan correndo desde hai uns anos. Penurias actuais aparte, barrios como Eirís, Monte Alto ou Mallos, entre outros, veñen arrastrando a proliferación de baixos baleiros desde finais do século pasado.
O que ten de novidosa esta crise do capital especulativo-financeiro é que, agora mesmo, a crise do comercio coruñés deixa de ser sectorial ou territorial para transmutarse en global.
Para algúns, a principal razón desta senrazón -porque senrazón é asistirmos pasivos ao fin das actividades comercias en rúas que vertebraban, e aínda vertebran, a circulación sanguínea dos diferentes barrios, o seu latexo vital- é que a xente non ten cartos para gastar. Primeiramente, tralo subidón das hipotecas a partir de novembro de 2005. A escalada de prezos dos combustibles, grazas aos excelentes resultados do conflito en Irak, e a superinflacción provocada pola chegada do Euro terían feito -e desfeito- o resto. Vale bien.

Proba irrefutable desta teoría é a próxima, anunciada e agardada saída ao mercado do primeiro vehículo á venda por fascículos, simpática ocorrencia de Planeta-Atontadini!!!! Qué non nos venderán por entregas!!!!!
Chegados pois ás beiras máis próximas e procelosas do catapum económico-financeiro, con baixada e/ou caída dos tipos e dos carburantes, non poucos expertos apuntan ás altas cifras do paro rexistradas e a conseguinte desconfianza na economía que aniñou sen pudor en toda a nosa sociedade. Estamos euro-acojonados. Seica.
Como sempre hai outsiders das interpretacións máis consensuadas e comunmente aceitadas, florecen estes días estrafalarias motivacións que explican, absolutamente, as razóns desta crise comercial e os seus máis directos responsables. Por partes:
Nos medios de comunicación obxectivos e imparciais do conservadurismo patriótico español corre estes días unha máis que razoable explicación para a perda dun 20%, polo menos, das vendas comerciais de Cataluña durante os últimos dous anos: a aplicación da normativa autonómica que obriga a rotular en catalán. Polo visto, segundo esta especie de avatares de gurús da economía, a rotulación catalanista incide directamente na perda dos valores esenciais dos produtos. Unha lata de anchoas, for example, está moito máis rica e de mellor oferta se vén rotulada en español de Castela. Onde vai parar.

CHICO: ¡Mira, Josemari. Ahí dice "els dimarts hi ha butifarra"!
JOSEMARI: Quita, quita. Donde esté un buen chorizo de Salamanca......
Ocorrencias frikis aparte, e entrando xa pola porta da nosa casa, anda revolto como nunca o comercio do centro marinedo. Máis concretamente, o clásico e literario comercio nucleado lonxitudinal e trasversalmente arrdor da Rúa de San Andrés. Advirten da súa penosa situación e advirten ao goberno local das inminentes mobilizacións que se esperan en tanto non se resolvan os seus problemas ou atendan as súas razoables e medidas demandas. Vaiamos por partes...e por responsabilidades.
1. Os bolardos son nefastos. Un atraso. Hai que retiralos. Onde vai a parar unha rúa comercial onde non se pode subir o carro á acera como Dios manda!!!!!! A culpa é do Concello.

DONO DO COCHE: Nada, nada. Lo dejo aquí un ratito, en tanto hago unas gestiones......
2. O carril-bus é nefasto. Un atraso. Hai que eliminalo. Onde vai a parar unha rúa do Centro onde se vai máis ráoido en transporte público que en carro particular!!!!! A culpa é do Concello.

CONDUTOR EN CABEZA: Todos a la izquierda, joder, que aquí empieza ya el puñetero Carril-Bus!!!!!!
3. As peatonalizacións das Rúas Barcelona e Gaiteira restan clientes aos establecementos do centro. Incrible e incongruente. Pero non quedáramos en que as restricións ao tráfico rodado particular incidían terriblemente na baixada de vendas???? Pois máis limitación rodada que nestas rúas.......O curioso é que se o Concello peatonaliza San Andrés, aquí hai linchamentos...en masa!!!!!!

CHIRUCA: Es increíble. Cuando pasaban coches y buses a mazo los locales valían trescientos de alquiler, y ahora...no bajan de tres mil!!!!!
PITITA: Es por la crisis...de valores!!!!!!
4. Por último: a chegada multiplicada de Centros Comerciais acabou por liquidar o comercio do centro. Sobre isto, dous ou tres temiñas. Primeiro, o establecemento de superficies comerciais compete á Xunta. Cando estaba o bipartito, estes comerciantes semellaban telo claro. Agora que está Don Alberto, semella que lles semella que non!!! Segundo, precisamente o úico Centro Comercial que fracasou nada máis botarse a andar está no centro. É o caso do Papagaio. Quizais o que ocorre é que o centro, baleirado de xente moza por motivos de especulación urbanística -si, esa- non ten clientela potencial que gaste ou malgaste no seu anteriormente dourado entramado comercial. Pensen, pensen un pouco e verán. E terceiro: qué lle imos facer se vivimos nunha sociedade que acude, como os zombies en "Thriller", a canta nova gran superficie comercial se inaugura...aínda que teñan todas o mesmo. Aínda que as tendas que alí hai tamén as teñamos nos nosos barrios. Meu Deus...qué miñoca lles dan para que piquen así!!!!!

MILUCHO: Oes, Loli. Que perdín o neno....Loli, Looooliiiii!!!!!!!!!
LOLI: Usa o móbil, pasmón...que nos perdemos!!!!!!
En fin, amiguetes. Que en Katanga non rotulamos en catalán, nin temos bolardos, nin carril-bus nin nada de nada, e os comercios pechan día si e día tamén. Así que sentidiño. Non lembro a última vez que comprei nunha tenda do centro. Aínda non había nada disto que, seica, agora lles afecta tan fatalmente. Por algo será......
En resumo:
A poboación moza, que é a máis consumista, por necesidade, fuxe aos novos barrios centrípetos ou concellos da Área Metropolitana vítimas dos inflados prezos do solo provoados por anos de política urbanística especulativa.
Por contra, neses novos espazos non xurde un novo comercio alternativo. Os hábitos de consumo desta xente moza veñen moi condicionados polos horarios laborais leoninos e inflexibles que afectan a todos os membros da unidade familiar que traballan.
Os barrios tradicionais desvertébranse. A chegada de novos veciños procedentes da inmigración, con recursos limitados, non é suficiente para paliar a perda de habitantes de consumo activo. As tendas de barrio desaparecen sen que a ningyén lle pareza importar moito. Dicía un amigo meu comerciante: "cando teñen cartos, van ao Centro Comercial. Cando están sen eles, veñen a nós ao fiado". Totalmente certo.
O comercio coruñés leva anos na corda friouxa. Hai falta de planificación. Póñense tendas en calquera rúa. Non se entende a viabilidade de moitas delas. A falta de preparación dos responsables é por veces, tan evidente que hai que estar ben esperto para que non che vendan o que non che vale. Aquí, calquera pon un comercio. Houbo auténticos atropelos aos cidadáns durante os anos en que eran os donos das mercadorías. Atracos a man armada, diría eu.
A Coruña ten miles e miles e miles de baixos baleiros. Aínda sí, se chamas preguntando polo prezo de alugalos podes morrer de infarto. O pasado día 11 asistín incrédulo a unha escena onde un home lle pedía a outro 2.500 euros máis ive por un baixo "perto" da Rúa Barcelona que pechara, por certo, por non poder facer fronte ao aluguer. Toma especulación. En Katanga hai baixos que levan desde 1999 sen uso polos que piden 500 ou 600 euros.
Xa sabemos que non hai conciencia de clase, in conciencia de patria. Pequena ou grande. O capitalismo neoliberal acabou con iso. Pero o que non sabíamos, ata agora, é que xa non hai conciencia de cidade ou de barrio. Vendemos aos nosos veciños e veciñas por un iogur tres céntimos máis barato. Así nos vai.
Aburete, Tribulete!!!!!