A Unión Europea de Consumo by Sarkozy

by Katangueiro, desde o borde mesmo...

O pasado domingo, en plena escalada mesiánico-apocalíptica do mestre, do profeta, do guía, do caudillo, do mesías, e de tantas e tantas cousas inútiles que pode ser o chungo Sarkozy, recibimos con ledicia extrema -iso si, contida- a súa clarividente aseveración mitineira-parisina (ou lá lá) que finiquita, por se alguén o dubidaba, aquilo que se dera en chamar pomposamente Estado do Benestar e que co tempo foi devindo en Estado de Estar, primeiro, e Estado de Malestar, agora.

Efectiviuonder, o pedorro apóstata da sensatez clamou desde o seu atril ante milleiros e milleiros de antropomórficos cidadáns/ás, agora transmutados/as en consumidores/as. Clamou ante millóns de familias francesas e, por extensións, europeas, poñendo fin a tal invento, ese do Benestar, pensado para enganar á pobre clase traballadora de occidente naqueles anos tolos en que tampouco se tiña moi claro se era preferible vivir aquí ou na URSS. Pobre ela, onde queira que repouse. Cantos crimes se cometeron no seu bendito nome!!!!!

O mamarracho hungárico amigo da Vanity Fair clamou como só el sabe, alentando ese espanto, ese medo irracional que nos está a levar a todos e todas, sen distinción xenérica algunha, ao mesmo borde do precipicio abisal. Ese borde tan profundo e demoníaco que pide, que suplica, por un pequeno paso adiante. Pequeno para ti. Xigante para os mercados. "Compra e morre, afórranos a túa xubilación". Clamou no oasis e no deserto. Na estepa e na tundra. Na selva e na planicie. Clamou. Sarkozy clamou e deixou todo claro. Todo iso que o implúmbeo Rajoy -e antes o chamado socialista- nin quixeron nin queren aclararnos.

 E clamou e dixo: "A construción dunha Europa do consumo é un erro se xunto a ela non hai unha Europa da produción". Bravo. Eu preferiría deixalo en "a construción dunha Europa do consumo é un erro", pero algo é algo. Non hai máis Europa que preocupe e ocupe nestes momentos aos nosos/seus gobernantes. Se non vendiches bonos a futuros de España, por poñer un exemplo, agardando o seu total desplome para sacarlles a túa boa comisión é que non estás no mundo. Coleguita. Non estás.

Dá ese paso ao abismo e afórranos máis sufrimento. O teu sufrimento. Polo ben do teu País. Por salvar o euro. Por tranquilizar os mercados. Compra e morre. Que máis queres?