Páginas

Eleccións...que ilusión (sobre a desaparición de Xornal)

by Pacotron

Convocadas Eleccións ás Cortes Xerais para o día do aniversario da morte do ferrolán, non resta máis que o desespero. Á coñecida candidatura de Don Mariano uniuse hai cousa dun mes á de Don Alfredo Pérez Rubalcaba. Dúas caras novas entre as que escoller, vamos....Do segundo, dicir que nos lembramos perfeitamente da súa omnipresencia nos gobernos tanto felipistas como zapateristas. Di que sabe como sacarnos da crise pero os gobernos dos que formou parte nunca foron quen de encararse ao capital depredador en ningunha das circustancias. Do primeiro, baste que vos diga que prefiro que gañe o Rubalcaba -postos a escoller, que non sei eu se vale para algo- para que vexades en que medida xulgo a candidatura deste galego socarrón líder da dereita española.

Pois supoño que non haberá indignación que valla que impida que un destes dous sexa o próximo Presidente do Estado Katangueiro. Échevos o que hai. Entretanto, entre que se fala da data escollida, dos apoupos de Don Mariano cos seus imputados ("serán uns putos imputados, pero son os nosos putos imputados", semella que diría), de Ortega Cano e os seus xuramentos a conta da descendencia, das primas de risco española e italiana, do perto pertiño que estivemos de que os USA entrasen en suspensión de pagos (coa de güisquitos que me deben...), das homilías polas vítimas do atentado de Noruega e mesmo un pouquichiño sobre a traxedia de Somalia, entretanto, digo, pensamos en todo isto mentres escoitamos a de "Bailar pegados" cantada en riguroso directo mariapitense polo propio Sergio Dalma agardando con ansia felina a reaparición da Tonadillera, así con maiúsculas, Dona Isabel Pantoja, entretanto, insisto, as nosas entidades financeiras gozan de moi boa saúde. Tan boa que só se poden queixar de que a tiveron mellor. Xusto o que nos ocorre a todos nós. Que alivio saber que tralo prezo da ruina dun Estado se agocha o triunfo da salvación do seu entramado financeiro.

Que por que saco todo isto? Porque as eleccións non van servir, se nada o remedia, para resolver a grande incógnita que nos ofrece este recén comezado século: poderemos atopar un modelo económico xusto e equitativo, medioambientalmente sostible e socialmente progresista? Poderemos sustraernos aos cantos de serea do capitalismo, tan listo el, e a súa interminable cadea de desexos e ambicións consumistas? Daremos unha patada a todo isto e a todos estes en forma dalgún tipo de resultado electoral máxico o próximo 20 de novembro ou, máis ben, acabaremos como Portugal e Irlanda, en mans da dereita con máscara de xestoría, disposta a aplicar calquera recorte posible a conta do medo da xente, do control da información, da deformación da realidade, das declaracións temerarias...?????

Non sei que ten o día este. Será o verán este, que non é verán porque a primavera non foi tampouco tal. Acabo de ler en Galicia Confidencial que este xoves desaparece o diario Xornal en papel, para volver quedar como o dixital que era desde hai nove anos. Esta desaparición únese á do diario Galicia Hoxe, dependente da editorial do Correo Gallego, polo menos xa anunciada e denunciada, e á liquidación por derrubo da mítica cabeceira nacionalista "A nosa terra". Dentro de pouco non sei que nos quedará para seguir a actualidade en papel aos que gostamos de realizar esa mesma actividade no idioma galego...ou no que queda del, máis ben. Encántame a literatura infantil, de certo, pero non me vexo indo á praia cunhas historietas dos bolechas eses...non me vexo. Tampouco sei que existan publicacións adultas el galego sobre temas de actualidade, humor, música, cine, novas tecnoloxías...ou non as coñezo ou non as hai....En fin, só nos queda a literatura...ata que nos quede...É de tal calibre a crise esta, no económico e no moral, que calquera día quedamos sen libros, que sempre haberá mellores cousas nas que gastar -ou aforrar- os cartos.

Teño que preguntarlles a Rajoy e Rubalcaba, a ver que opinan de todo isto....

Igual sería moi importante, dígoo por achegar algo en positivo a todo isto, que as persoas que dalgunha maneira formamos parte dese proxecto aínda vivo e, certamente, ben máis independente que o común dos proxectos aínda vivos, chamado Galicia Confidencial colla un pulo ben maior do que agora ten. Por molestar, dígoo. Por molestar aos que me molestan. Por molestar aos que sempre se saen coa súa. Por molestar aos que rin nas fotos mentres anuncian novos recortes. Para molestar os que mandan de verdade. Para -joder- algo!!!!

O dito. Teño que irlles preguntar a eses que se presentan....

DON CARLOS: Pues a nosotros no nos va tan mal, ¿no, Don Paco?
DON PACO: No, no...ji ji ji ji ji ji ji...jito....
DON CARLOS: (Bueno, éste por lo menos no me pregunta por la cubrición...)