Páginas

O pirata, o ladrón, a súa muller e a miña amante


Son realmente tan maior, vou tan maduro e resulto tan anacrónico que xa penso, como o facía o meu avó cando cumpriu os oitenta anos, que estamos ao borde do abismo e só nos falta dar ese paso adiante? Éche pregunta retórica.

Vivo anclado nun mundo que enche sacos de desgana, malas prácticas e desautorizacións a eito. Un mundo onde caben/cabemos todos, e non pensedes que se libra nin dios. Iso é bo, a democratización dos despropósitos que nos trouxo esta, e non outra, crise.

1. Moito nos cansamos de repetir que a SGAE, e os seus truculentos defensores, erraban nas súas prácticas e se enchían os peitos de cartos en nome duns artistas que, na súa inmensa maioría, vivían as transformacións sociais e comunicativas alleos á recadación que o fascismo imperante lle permitiu a unha entidade privada nun Estado democrático. Despois de todo, alguén vai pagar algo daquilo. Polo menos o Bautista, pero o mundo da música e do entretemento en xeral está cambiado e non se ve que alguén aprenda das leccións e estableza novos cauces de uso e transmisión das obras artísticas. Ver a Ramoncín, que non fai nada a dereitas desde os oitenta, ou a Bisbal, tipo forrado e irritante onde os haxa, reclamando democracia e respecto prodúceme vómitos. O Antón Reixa preséntase para presidir esa sociedade, e fala de rexeneración e de non perseguir ás perruquerías. O outro contrincante fala de renovación. Cambialo todo para que nada cambie. Non vou por ningún, porque daí non vai saír nunca nada bo.

2. Non gostamos das xeneralizacións que se adoitan producir coa clase política en canto aparece algún concelleiro ou concelleira que meteu a man nos cartos, cobrou indebidamante, enriqueceuse coa práctica política ou, simplemente, pagou favores que enriquecían a outros. Hai polític@s e polític@s. E hai unha (suposta) democracia onde a ninguén lle poñen literalmente unha pipa na cabeza para obrigarlle, no nome dos seus filliños, a votar a este ou estoutra corrupto/a. Cadaquen saberá o que vota e por que. Digo isto porque a conta do máis que probable enxuizamento dun membro da familia real, Undargarín, estamos asistindo a unha sorte de vendaval mediático de presión, onde non se libran nin os medios máis monárquicos, para controlar as vías de ingreso desta xente. Tamén falan de facer público o patrimonio real a fins de ano. Impresionante. Todo o que a lóxica e a democracia ben entendida non conseguiu en trinta e tres anos vai e o consegue un consorte e as súas prácticas "non exemplares".

3. Este despropósito de ambición, deslealdade e asalto a fondos públicos pagarao quen o vai pagar, xa o veredes, porque hai a quen protexer moitísimo máis por riba del. Aquí hai nenos e nenas que van quedar sen actividades exxtraescolares municipais por aforrar uns poucos miles de euros e había quen cobraba millón e pico de euros en facturas duplicadas de servizos incribles, non realizados en ocasións ou de escaso valor. Poñemos en solfa o sistema de partidos por uns corruptos, así que a ver se poñemos en cuestión agora á monarquía. Na miña perruquería, o outro día, para unha clienta isto non era así. Aínda hai castes.

4. Para rematar. Amo á prima de risco. Tenme mollado o corazón. Rozado, desgastado, abusado e triste corazón. Amo cando sube, amo cando baixa. Amo que me controle e nos controle. Amo que dispoña das nosas vidas sen compaixón. Amo tocala, sentila. Amo os seus beizos cando me queren en forma de miniemprego. Amo as súas contas, que non son as miñas, e mesmo amo cando me despreza. Ámoa cando me mira así, altiva, esimismada e arrogante. Como a amo entón.

KATANGUEIRO: Uf...305 nada máis??? Sube, sube, siiiii, aaaaaaahhhhhhhh, dame duro, nenaaaaaa!!

Bágoas


Bágoas da Ministra italiana do Traballo anunciando onte os recortes de pensións, o aumento da necesidade de anos a cotizar e a quebra, penso, que evidente do que en Europa, e neste caso Italia, se deu en chamar Estado do Benestar. Bágoas porque, estou certo, ela ben sabe que nin con estes sacrificios rematará a traxedia. Quizais estamos xa condenados, non sei. Eu polo de agora prefiro pensar que hai quen sufre con/por isto. Un pouco por compensar, seica tamén van perseguir máis duramente o fraude fiscal (non era xa o que estaban facendo? Mmmmmmm...Non é tamén o que se fai tamén en España? Máis mmmmmmmmmmm...) e aumentarán os tipos impositivos ás maiores fortunas. Si, como en Suecia. Vamos.

Bágoas no noso barrio de Katanga, porque isto que cae do ceo non é choiva, non, que son bágoas polo fin das festas parroquiais. Outra cousa non sería unha explicación. A nosa querida parroquia, de tradicional virada de costas á realidade do barrio no que está situada, quixo un ano máis botar un pulso á racionalidade e celebrar nestes días pasados, sábado e domingo, unha nova edición das festas en honra de San Francisco Xabier. Que pensará este home de todo isto?

De resultas, comezando decembro, cun tempo que non acompaña nin convida a acudir a cousas deste calado moral, cunha crise global que asusta e que xa toca cuestións tan básicas como as pensións, a universalidade (suposta) da sanidade ou as prestacións, non se lles ocorre outra cousa mellor a estes meapilas -porque meapilas é o que son todos estes e todas estas da nosa querida parroquia- que dispoñer de dous días de verbena a dolor. Orquestras con chavalas mozas en mínimos trapos incluídas. Corte de rúa pactado cos munícipes, gran carpa para cubrirse das inclemencias e un monte de cartos tirados ao lixo un ano máis. Que de onde saen estes cartos? Fácil. Polo menos ata este ano, unha parte o pon a parroquia, das esmolas dos cristáns que acuden os domingos. Outra parte o Concello da Coruña. en forma de múltiples apoios que restan gasto, e a última parte os comercios e bares da zona. Tendo en conta de que os establecementos en funcionamento no barrio caeron á metade desde 2006, e tendo en conta o pouco que recoñecían os responsables recadar por esta vía, témome que unha vez máis este capricho pagouse con cartos públicos e cartos do "público" que acude ás sucesivas misas. Hai familias no barrio con todos os membros no paro, pero eu non coñezo o labor social que desenvolve esta parroquia. Quitando as festas, claro clarito.

E bágoas, estas provocadas pola comedia humana que nos sorprende cada día. Anuncian a bombo e platillo que se pechan os blogs dos Rosales e Ventorrillo (ver a nosa triste e emocionada nova) e vai e resulta que non era certo. NIN NUN BLOG VECIÑAL PODES CONFIAR XA. No caso do Blog de los Rosales semella que o leva outra persoa de perfil ben diferente, pero de blog pechado...nasti de plasti. O caso do blog do Ventorrillo (do Ventirrollo par os colegas) non é o mesmo. Resulta que volve en todo o seu esplendor. Agora van a polos delincuentes que hai na Ronda de Outeiro, despois de tontear cos de Penamoa e Conchiñas. Vese que nisto da delincuencia convén ir a cachos. Polo menos a algúns lles cunde mellor así. Pois nada, nada, a Rajoy, Feijoo e Negreira, que son os das (in)competencias!!!!!


SAN FRANCISCO XABIER: perdoa, Katangueiro, pero eu son o primeiro ao que lle jode tanta fe disfrazada de verbena e tan pouca obra... 
KATANGUEIRO: levanta, hostia, levanta....