Páginas

Os absurdistas

by Katangueiro

A nosa sociedade actual non está baseada nun sistema, como adoitan confirmar e reafirmar os diferentes medios transmisores de ideoloxía cos que contamos. Efectivamente, vivimos e padecemos un diasistema, isto é, unha serie de sistemas que entran en relación entre sí, formando un conxunto que non constitúe unha sociedade unitaria (é dicir, un sistema coherente), senon variable (nos aspectos social, político, económico, cultural e xeográfico) e en cambio constante. A crise actual non é unha crise dun sistema, senon a crise global do diasistema, do conxunto do suposto modelo que nos conduciu ata aquí. Tentarei explicalo dun modo sinxelo.

Se estivésemos vivindo unha única crise económico-financeira, tal e como se nos vende, non sería complicado ir recuperando o emprego destruído ao ritmo, canto menos, da recuperación de beneficios por parte de banca, multinacionais e empresas estratéxicas (enerxía, telecomunicacións, ...). Isto non só non está a ocorrer. A actitude fanática de Telefónica pretendendo deixar sen emprego a 8.000 traballadores e traballadoras tras un ano de beneficios récord e primas a directivos que supoñen XA o 25% do gasto total de persoal non se pode explicar apelando simplemente á usura e/ou falta da máis mínima sensibilidade social ou compromiso empresarial destes directivos. Non ten sentido, é absolutamente absurdo, desfacerse dun número tan importante de persoas quen, co seu esforzo, traballo ou dedicación, son ás que se lles deben eses beneficios. Non ten sentido presentarse ante o conxunto de cidadáns tan abertamente enriquecidos e por enriquecer e cunha mensaxe ben clara: a recuperación dos beneficios non vai supoñer máis emprego -de feito pode supoñer menos aínda- polo que toda resistencia, toda esperanza ou toda confianza no "sistema" é fútil. O ludópata precisa xogar máis cando vai perdendo, movido pola ansia de recuperarse, pero ao tempo máis xoga cando máis gaña. Non é un sistema con resultados obxectivos. É unha permanente fuxida cara adiante ata acadar a destrución e o absurdo.

Se estivésemos vivindo unha única crise económico-financeira non se explicaría que o Estado aplicase recortes sociais de toda índole, argumentando falta de liquidez ou insostinibilidade do sistema social, se non fose para adicar TODOS ESTES RECURSOS á creación de emprego. Como tod@s sabedes, os cartos estánse a destinar a axudar indefinidamente ás entidades financeiras, ben sexa a fusionarse, reconvertirse en bancos ou a cubrir as súas operacións especulativas agora en risco, polo que nos son comúns. A maior abundamento da nosa argumentación, os cartos insuflados nas entidades están a servir para liquidar oficinas e destruír máis emprego. Contraditorio, non? Ou absurdo.

Se estivésemos vivindo unha única crise económico-financeira onde a única opción recomendada desde as diferentes institucións públicas e privadas europeas sexa a salvación do euro a toda costa, como entendemos entón as terribles condicións de rescate impostas a estados que, como é xa de facto o caso de Grecia, non serán quen de facerlles fronte provocando que a única opción posible sexa definitivamente a súa saída do euro ou empeñarse ata tal punto que sexan preciso varias xeracións de "empeñados" que, á súa vez, lastrarán as propias posibilidades de recuperación do conxunto da súa economía? Preténdese a mesma estratexia para os casos de Irlanda, Portugal e, nun futuro próximo, España? É por isto que xa hai "informes" que advirten dun posible rescate de España en caso de que Grecia decidise saírse do euro ou deixar de pagar a débeda contraída no seu rescate xa que, de producirense calquera destas situacións, España tería auténticas dificultades para "colocar" os seus bonos? É absurdo.

Se estivésemos vivindo unha crise económico-financeira, como é posible que as grandes decisións macroeconómiocas continúen nas mesmas mans que, coa súa conduta insensata, provocaron este derrube antolóxico das bases sobre as que se viña sustentando o modelo económico capitalista dominante? Se hai dous-tres anos falábase de atar en corto os mercados, como é posible que sexan estes os que nos teñen a todos atados en corto?

Non, queridas amigas e amigos. O diasistema enteiro está en descomposición. As protestas do Magreb, as acampadas en España e, agora, o efecto contaxio en Europa proban que, máis aló de diferenzas importantísimas entre uns lugares e outros, entre unhas sociedades e outras, estase espallando a idea de que isto, efectivamente, non funciona e que as transformacións non poderán chegar da man dun sistema político, o de aquí ou o de alá, que é visto como lastre, como corpo morto que nos arrastra nunha espiral de egoísmo e ambición que nos conduce a todos ao abismo. Así é como é visto pero non como debería ser. O propio sistema cultural no que nos criamos está agora desfasado ante as novas realidades que trae a globalización. Os traballadores de telefónica vítimas do anunciado ERE teñen máis en común con aqueles universitarios e universitarias musulmáns que se prepararon para unha vida mellor, para pilotar o progreso nas súas sociedades e que teñen, a cambio, dificultades para traballar no que menos se paga cando non a imposibilidade absoluta de acceder ao mercado laboral que cos propios directivos de Telefónica aos que fixeron gañar tantos e tantos cartos. Así están as cousas, non é que o diga eu...por desgraza, pero é absurdo.

O sistema social (educación, sanidade, asistencia, dependencia, conciliación...) está tan atacado que pronto deixará de ser un sistema. A privatización daquilo que nos é máis común e necesario é xa unha evidencia. As eleccións celebradas ao longo de Europa toda indican un grave xiro social cara á dereita, favorecendo precisamente a quen máis se sinalou na defensa das bondades do modelo neoliberal dos neocons. A economía diaria está sumida noutra espiral de despropósitos: non hai nin lei nin criterios no mercado. As multinacionais abren e pechan ao seu antollo, destruíndo emprego por capricho. A sociedade, que de estar formada por cidadáns está pasando a ser de consumidores, non achega máis criterio que o da exaltación da novidade. O consumo, ademais, continúa a ser irracional e só atopa freo en canto hai familias completas pasando graves dificultades económicas. O medioambiente non está entre as principais preocupacións nin tan siquera despois do máis grave accidente nuclear da historia. Para colmo, como en "Esperando a Godot", unha parte importante da sociedade suspira polos tempos da burbulla inmobiliaria esquecendo, non sei se propositadamente, que esa é precisamente unha das razóns de atoparnos onde estamos. É absurdo, claro, pero este absurdo resulta dramaticamente máis real que o que nos veñen contando a diario os medios de comunicación maioritarios.

Hai medo, e o medo imposibilita o cambio. Tomarás consciencia? Tomarás partido?

Ai....canta frustracción absurda e cruel!!!!!! (VER ARTIGO EN MARDOORZAN.COM)

Deconstrucións Negreira

by Manolo en mardoorzan.com


Interpretación libre do programa electoral presentado polo Sr. Negreira Alcalde da cidade da Coruña e vindeiros logros tanxibles e transparentes do seu “Cambio eficaz”.

- Vai rematar co paro en menos do que canta un galo, pois ten unha política de creación de emprego tan ou máis sofisticada e eficiente que a do seu mentor o Sr. “Feixón”(traducido do español).

- Vai pechar e rematar coas grandes áreas comerciais e facer que o pequeno comercio comece a recuperar o esplendor doutros tempos e gañar cartos nun abrir e pechar de ollos.

- Coa súa política de aparcamentos disuasorios, o soterramento de vías, a dupla e tripla fila e a retirada de bolardos vai solucionar o problema do tránsito nun santiamén.

- Ao non haber carril bus e circular por riba desa dupla e triple fila, os autobuses van ver reducidos os seus tempos medios de chegada nunha media hora, como mínimo!

- Os mozos e mozas van deixar de facer botellón porque, agora si, comprenderon que esta práctica é moi prexudicial para a súa saúde.

- O edificio Conde de Fenosa, a reversión polo caso “Lóstrego” e o caso do Parque Ofimático van ser resoltos pola arte do birle o birloque.

- O furado do Parrote vai ser resolto dun modo limpo, non contaminado nin especulativo e procurando o ben para o patrimonio e a cidadanía, e axiña será un mal soño para todos os coruñeses e coruñesas.

- Ao final de ano, coa contratación dos homes do frac, dos homes da gaita…, terá cobrado todos os cartos do morosos do Concello.

- Como se considera un seguidor de Sir Paco Vázquez o urbanismo vai recuperar o esplendor doutrora e os dentes de serra serán só un recordo. A defensa do patrimonio será un eixes cardinal da súa actuación. Os axentes da propiedade inmobiliaria e os promotores que se boten a tremer, porque a protección da legalidade e disciplina urbanística terá un tratamento insubornable.

- Que se preparen os nostálxicos do franquismo porque Millán Astray e demais franquistas serán tratados como se merecen.

- O depor recuperará a vindeira tempada a súa condición de equipo de primeira división, porque a política de creación, cubrición e fomento de espazos deportivos fará que a canteira do Barça sexa só unha nimiedade en comparanza coa nosa. (LER MÁIS)

Música para unha resaca postelectoral

by Pacotrón

Vistos os resultados na Coruña e vistas as reaccións das diferentes opcións electorais protagónicas, esta é a selección musical antolóxica que vos propoñemos para axudarvos, na medida do imposible, a comprender algo...todo...NADA!!!! (Ollo ás letras!!!!)

En todo caso, non son as que nós cantamos. Son as que nos cantan eles!!!!

A música do PSOE (sobre a marea azul do PP):


A música do PP (celebrando...):


A do BNG (interpretando...):


A de Esquerda Unida (flipando....):


A de Carlos Marcos (que aínda non se presentou a dimisión a si mesmo...):


A de Katanga Koruña (ilusos...):

Msarkadina e as eleccións

by Msarkadina

Creo que hai xente moi contenta por Coruña toda. Recolleron os seus froitos: catro anos de precampaña, largos, arduos, fatigosos, merecen boa festa. É ben sabido que Javier Losada non tiña o carisma e o savoir faire de Sir Francis, aquel que vendeu a cidade e que tivo que poñer pés en polvorosa por un "quítame allá esa oscura contabilidad". Javier Losada estaba hipotecado e seguiu a estela do seu antecesor. Todo estaba atado e ben atado. Pero cometeu un terrible erro: pactar co BNG. Foi, como se di no eido freudiano, como matar ó pai. Nunca tal fixera. A cantidade de insultos (que non críticas) e desprezos que tivo que soportar foi importante.

Neste catro anos de goberno bipartito, como cidadá, houbo cousas que me agradaron e outras que non me gustaron nada. Penso que se puido ter feito moito mellor pero tiñamos tales vimbios e o cesto fíxose mellor que se puido. Podo e debo criticar, en positivo e en negativo, pero procurando non caer no insulto. Tanto o meu pai como a miña nai ensináronme que berrar máis alto non me ía dar a razón. O tempo é un xuiz inclemente e dá e quita razóns. Tempo ó tempo.

Debo, pois, por educación e civismo, felicitar ó Partido Popular. Aínda que estou nas antípodas da súa ideoloxía e maneira de obrar, gañou as eleccións. Carlos Negrera Castañal será o alcalde os próximos catro anos e espero que traballe pola cidade e non por buscar un lugar baixo o glorioso Sol compostelano, o senhor das Feijõadas. Haiche moitísimo pailán que milita no PP da cidade que despreza a Negrera porque non naceu na Coruña e din que tira máis por Santiago, que "es una aldea". A ver se espabilamos, queridos pailáns urbanitas, que a capitalidade xa non é nosa hai uns trinta anos.

Estamos noutro século e noutra sociedade ben distinta e vós, coa vosa mentalidade fosilizada, aínda suspirades por un individuo execrable como Francisco Vázquez, a reencarnación "socialista" do pufento Alfonso Molina.

ALFONSO MOLINA: No me deis más hostias, por Dios!!! Y no me comparéis más con ese tal Paco Vázquez...él fue mejor...muuuucho mejor!!!!

Pois nada, alegría, alegría! Para que se me entenda ben, en román paladino: a partir de ahora A Coruña será La Curuña again, en Los Rosales de La Coruña tendrán su piscina (unha necesidade básica, na pirámide que deseñou Abraham Maslow), PeñaMuela desparecerá definitivamente (non imos falar do tráfico e consumo de drogas noutras áreas da cidade), en Matogrande no habrá problemas de aparcamiento, la Tercera Ronda será el asombro de todo el Reino de España y los niños coruñeses podrán salir a jugar a la bujaina (como hacía Carlos Negrera en su tierna infancia)sin la vigilancia de sus mamás. Habrá ley, orden y pleno empleo porque sí, por ciencia infusa. Nin falar de plans de participación ou igualdade, que iso está moi superado e xa saben eles que non fai falta. 

Mi madriña, que medo!

A moverse!!!!!

Este é o novo editorial de mardoorzan.com. Asina e comparte!!! Hai que moverse!!!


FAGAMOS ALGO NOVO (de mardoorzan.com)

O forte e simultáneo retroceso electoral de BNG e PSOE nestas eleccións municipais demostra a fondura das súas crises e tamén a incapacidade do BNG para liderar as esquerdas e frear o avance da extrema dereita que hoxe controla o PP. Debúxase claramente no horizonte un ciclo político de hexemonía conservadora e de involución social e económica que corremos o risco de non sermos quen de reverter.
O 22-M veu confirmar que a perda do goberno da Xunta de Galicia non foi diagnosticada nin tratada como cumpría polo nacionalismo, a pesar dos avisos e voces que reclamamos unha reflexión fonda e obrar en consecuencia.
Alén do plebiscito anti-ZP no que en boa medida se converteron estes comicios locais, a mensaxe dada polo electorado galego é que o BNG non representa hoxe o proxecto político da maioría da esquerda galega.
Púxose de manifesto de forma clara e indiscutible que o BNG xa non é quen de atraer o voto de esquerda desencantado polo PSOE, como tiña acontecido desde os anos 90 até a época de Nunca Máis. O Bloque non é capaz de ilusionar á xente como outrora, non é unha alternativa política válida para facer progresar o País. LER MÁIS

A potencia sen control e o control sen potencia: perder algo máis que un goberno


Perdeuse o goberno progresista da Coruña. Losada, o adalide desa Gran Coruña que con ela che digo moito e nada a un tempo, lévase o gran hostiazo do século. Carril, o novo candidato nacionalista, arroupado pola súa dirección nacional e apoiado pola estrutura-maquinaria da forza maioritaria do BNG, a UPG, perde menos do que podería chegar a perder, mais pérdeo todo. Vaiamos por partes.

Losada pesistiu, e insistiu, en ser novamente candidato. A lousa do vazquismo sempre foi grande nel, pero esforzouse arreo en vender nova xestión baixo a etiqueta de "progresista", mais debeulle o cambio ao novo socio, o BNG encabezado por Tello, quen lavou a cara de non poucas miserias que nos fora deixando o PSOE local nas últimas dúas décadas. A pésima situación do PSOE estatal tampouco o favoreceu. Mañá, cos números máis analisados e revisados, poderase ver cal é a auténtica situación do socialismo local en comparación coa galega e española. Digamos hoxe que pasou da gran Coruña á gran debacle. A potencia sen control.

Carril presentouse, sen embargo, como un candidato de renovación para unha lista que aproveitaba a metade do ata o de agora grupo municipal, a parte menos veterana, pro o certo é que se liquidaba, dun plumazo, e con efectos inmediatos desde hai máis dun ano, aos seus tres tenores (con permiso da tenora) que protagonizaran o ascenso desta formación desde cero, cero patateiro, ata seis cas sete nas dúas últimas ocasións. Queda nos reultados de 1999 e cunha IU que ten xa a metade dos seus votos. Esta vez a lei D'hont fal que co dobre de votos que IU o BNG teña catro veces máis representantes. Claro, o control sen potencia...

Derrotado ata a dor infinita debe estar o señor Carlos Marcos e secuaces-adláteres. Tanto carto destinado a nada. Alguén deberá tirar conclusións disto...ou asumir esas responsabilidades que tan alegremente se solicitan dos demais. O proxecto persoal e personalista deste pequeno salvapatrias naufraga estrepitosamente. Non todo vai ser malo...tan malo. Veremos como se presenta a dimisión a si mesmo?

O PP de Carlos Negreira, Don Carlos o Benfactor e agora redimido en Alcalde Negreira, leva uns réditos inmerecidos. Xa veremos como xestiona sen lama nin inmundicia unha cidade como A Coruña. Non teño esperanza algunha. Imponse a mediocridade máis absoluta. A mediocridade da maioría "natural". A mediocridade do "xestor eficaz".

E sobre o movemento do 15M...eu non vou dicir nada. Que o digan -e pensen, e mediten, e colectivicen, e voten- eles/as.

Mañá máis...ou menos!!!!

Abur, yogur!!!

Nunhas horiñas de nada....

...Colgaremos aquí as nosas análises...ou colgarannos a nós!!!!

Tamén podes busacarnos en mardoorzan.com e galiciaconfidencial.com


KATANGUEIRO: Uuuuuuuifsssssss....................

Sobre Democracia Real e Acampada Coruña: unhas preguntas desde o cariño....

by Katangueiro

Puxéronse en contacto con nós diferentes amigos e amigas pedíndonos ou dando opinión sobre o que está a acontecer en diferentes cidades do Estado desde o pasado 15 de maio, incluída entre estas A Coruña Marineda. Expliquémonos pois.

En primeiro lugar temos que dicir ben alto que levamos moito tempo absolutamente fartos do que está a pasar duns anos a esta parte, e moi especialmente estes últimos doce meses. Algo había que facer e algo está, entón, feito. A nosa xente máis moza non ten futuro, como tampouco o tiñamos os mozos e mozas do 93. Un exemplo: dos meus 50 compañeiros e compañeiras de licenciatura non chega a dez os/as que traballan en algo relacionado directamente cos seus estudos superiores. Así, tal cal. Que ninguén dubide que estamos ABSOLUTAMENTE INDIGNADOS, coma vós.

En segundo lugar, debemos xa matizar unha serie de cuestións en boca da xente estes días e que precisan una visión revisada, moi fóra do infantilismo idealista que denomina "revolución" a unha acampada sen consecuencias políticas nin económicas (polo de agora) para ningún dos auténticos responsables da crise financeira que padecemos e sufrimos.

Primeiro matiz: cando comezaron as protestas, a raíz da convocatoria nas redes para concentrarse o domingo 15 de maio, os banqueiros e mercados eran a diana da protesta, xunto cunha clase política rendida aos seus intereses ("seus" dos banqueiros e "seus" dos propios políticos dominantes). Estes últimos días o que se está a transmitir é un absoluto desafecto cunha clase política á que non se quere ver diante nin en pintura, e aquí, aparte de PP e PSOE, tamén se van incluíndo IU, BNG, UPyD, etc...Permitídeme un aviso ou advertencia: cando nunha sociedade calquera se instala, ou axudamos a instalar, a idea de que todos os políticos son iguais acaba beneficiando o voto conservador. Ás probas me remito: eleccións autonómicas galegas, eleccións en Irlanda ou Finlandia, etc...Curiosamente, nunha Alemaña que non padece esta crise e que, por tanto, non se desafectou da súa clase política como aquí, vai gañando terreo a esquerda e o ecoloxismo. Quedou claro???

Segundo matiz: os motivos centrais das protestas son compartidos por nós, pero eu pregunto aos acampados:

Cando se pide que non se vote a PP ou PSOE estase dicindo que é máis democrático, ou a democracia é máis real, se se vota a Unión Coruñesa, UPyD ou Partido Humanista, por citar algúns exemplos?

que facíades hai menos dun ano cando os mercados, as axencias clasificadoras propiedade do capital norteamericano asociado ao dólar, e certos medios de comunicación corruptos acosaban ab España e Portugal para que se rendesen como Grecia e Irlanda e aceptasen un rescate que é unha lousa para o progreso social das próximas décadas???

Onde estábades cando a Unión Europea aproba prestar a Grecia, logo a Irlanda e ultimamente a Portugal miles de millóns de euros a un 6% cando o recibe a un 2%???

Onde estábades cando no Parlamento Español se aproba un millonario fondo de rescate da banca e caixas cando en todo o tempo da crise nunca, insisto, NUNCA chegaron a perder cartos????

Onde estábades cando se asinou a liquidación do sistema -social- de Caixas a conta dun risco de quebra do conxunto que nunca, volvo insistir, NUNCA chegou nin a ser probable no peor dos escenarios????

Onde estábades cando os sindicatos, todos, chamaron á protesta polos recortes en salarios e pensións porque hai que apretarse o cinturón para que as nosas multinacionais continúen repartindo primas, prebendas e indecentes beneficios entre catro señoritos???

Onde estábades cando Nuñez Feijoo gañou con maioría absoluta e comezou a desmontar todo o programa social posto en marcha polo bipartito??? Eran entón todos iguais???

Onde estaba a vosa solidariedade cos nosos veciños portugueses (Oporto está á mesma distancia da Coruña que León) cando a oposición conservadora (o seu PP) impediu aprovar os orzamentos do Estado abocando a Portugal a un rescate criminal en sentido literal???

Onde estábades, en definitiva, cando a xentuza que realmente nos goberna se reúne en hoteis de superluxo e adopta decisións entre risos que afectan gravemente a persoas humildes de todo o mundo???

Se é verdade que todos os políticos son iguais, como moitos de vós transmitides estes días aos medios de comunicación conservadores que están encantados de amplificar o voso movemento, por que, insisto, POR QUE sempre gañan os mesmos????? En España só tiveron maioría absoluta o PSOE de González e o PP de Aznar. En Galicia só o PP de Fraga e, agora, o PP de Núñez Feijoo. Como diría Mourinho: POR QUE, POR QUE, POR QUE?????

Mañá son as eleccións. Xentuza como Dona Espe e Camps van arrasar. A dereita vai subir en datos globais, e moito. Veremos o que dura o espírito de Sol cando todo isto pase.

ÚLTIMA CONSIDERACIÓN: ninguén se estrañou, verdadeiramente, de que o día 16 de maio o conxunto da prensa española tivese xa deseñado, clarificado e difundido a unha vez e voz toda unha serie de etiquetas como "Espíritu de Sol", "Espíritu del 15-M" o "Los Idignados" (en referencia a un ensaio que está tendo un exitazo editorial sen precedentes) e lindezas polo estilo??? É todo tan...casual??????

Son preguntas feitas desde o cariño. A nosa opinión sobre o mundo que nos tocou vivir está recollido nesta humilde canción:


De todas formas, podedes seguir o debate sobre a desvinculación de Democracia Real Ya sobre a acampada da Coruña e o que opina a xente que participa, en maior ou menor medida, nas protestas nesta páxina de Democracia Real Ya-A Coruña.

Abur, yogur. A canción do Ferreiro vai contra os que nos gobernan de verdade.

Mar do Orzán: A Coruña máis xusta e solidaria


Hai uns días recibimos o convite para formar parte dun novidoso medio de comunicación nacido na Coruña: Mardoorzán.  Mellor quedemos directamente coas súas/nosas propias palabras:

"Lanzamos, nestes tempos escuros que vivimos, un medio -ou mellor dito, un contramedio- de información pensado para xenerar sinerxias, inexistentes no conxunto dos actuais mass media. Procuramos unha intercomunicación de dobre sentido que nos permita, a todas as persoas que conformamos esta redacción, como a todas e todos vós, conformar un mínimo paquete informativo e de debate, libre de máis ataduras que as que nós mesmos nos marquemos. Se queres formar parte do noso equipo de colaboradores, ou pretendes tan só deixar constancia da túa opinión nalgún dos temas concretos propostos, faino no formulario de contacto que atoparás no menú principal.

Mardoorzán trata a necesidade de tomar postura e actuar, de concienciármonos e espertar, pois aínda hai esperanza, hai solucións. Unha cidadanía informada e responsable pode impedir os atropelos. Todos cun mesmo rumbo, cun obxectivo claro: defender a dignidade, a democracia e o ben común. Chegou o momento. O primeiro paso é REACCIONAR.

Desta maneira, comezamos unha andaina que pretende non deixarnos pasivos, atorados, inmóbiles, inertes nin indiferentes diante do mundo tal e como nolo están construíndo os grandes detentadores do poder e das riquezas. Tamén somos seguidores do lema «actúa localmente e pensa globalmente». Defendemos o noso dereito a estar e actuar desde a nosa cidade, comarca, país e mundo".

Todas as persoas directamente relacionadas con este espazo katangueiro que algúns/nhas de vós teimades en seguir apoiamos este novo proxecto e daremos o máximo de nós para que poida convertirse nalgún referente diferente, distanciado da realidade que se nos impón cada día, cada hora, cada minuto e cada segundo. Agora. Agora tamén. E máis despois.

O noso artigo de portada trata, como non podería ser doutra maneira, da figura de Lois Pereiro desde o espírito de quen nin sabía que estaba alí. E digo que non podería ser doutra maneira non tanto por adicárselle este ano o Día das latras galegas, se non porque, sobre todo, foi un dos nosos. Foi un katangueiro. Aquí tedes a nosa reacción cando se coñeceu o protagonista deste ano:


Un dos nosos!!!!!!!!!!!!!
‎"Hemos tomado un acuerdo que tendrá una gran repercusión", anunció el presidente de la Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, antes de desvelar que el homenajeado el Día das Letras Galegas de 2011 será el poeta Lois Pereiro. En efecto, Pereiro (nacido en 1958 en Monforte de Lemos y mue...

27 de Xuño de 2010 ás 13:54 ·  ·  · 


En fin, que xa tedes outro sitio para mirar....abur, yogur!!!!!

Sexo soviético (adicado a Lois Pereiro)

by Blog Katanga Koruña, adicado a Lois Pereiro no seu Día das letras galegas
A última vez que vin ao Naranjito -aquela mascota cítrica que protagonizara o mundial de fútbol de España 82- foi en Miño, no últimos estertores do verán de 1989. Uns amigos quedáramos a pasar a fin de semana nunha casa familiar desa localidade costeira, equidistante entre A Coruña e Ferrol. Compráramos algunhas botellas de licores brancos e varios refrescos e subimos a un monte próximo desde o que divisábamos a vila de Sada. No primeiro envite que lle larguei ao cubata sentín unhas nauseas terribles e repentinas que me levaron ao desaloxo inmediato estomacal, aínda antes de ter rematado medio vaso de tubo. Os meus amigos quedaran tan abraiados ante a miña reacción que deseguido procuraron unha linterna que dese luz e taquígrafos a todo aquel desmadre alimentario, así de espabilados que eran. Entre arcadas e bilis apenas atinei a divisar entre a herba o bote de Fanta de laranxa que acababa de servirme xunto co Vodka. Naquela noite fuxidía, naquel espazo atlántico que mira sempre ao oeste, brillou como nunca antes o fixera unha oxidada imaxe redonda e alaranxada como laranxa era o sabor do refresco. A tal lata caducara había seis anos. A derradeira putada da mascota. O fin, tamén, de toda unha época para min.

Tres anos antes, en 1986, a televisión estaba ben chea de homes enchaquetados, acenos afectados e garabatas imposibles. Tanto tiña que fosen os Carrillo, González, Suárez, Fraga –cando espertou o líder da dereita, aínda estaba alí- ou Cabanillas, Don Pío, pero a rúa, a nosa rúa, estaba ateigada de ledicia e insumisión estética. Os meus colegas rockers, os meus colegas jevirulos, os meus colegas punkarras ou os meus colegas mods e/ou neomods coincidíamos ben na Cidade Vella, ben nos cais do Porto, especialmente aqueles días que atracaba algún buque soviético cargado de rapazolos ansiosos por cambiar o seu alucinante tabaco de longo filtro acartonado en troco de calquera cousa occidental que levásemos enriba. O Porto era un bo lugar para min. Alí quedaba, as máis das veces, para compartir cos amigos aquel viño COES tan barato e estimulante, e outras, desgrazadamente as menos, para esconderme con M.J.D.F. por entre os almacéns que atopabas á altura da Palloza, lonxe de toda mirada que non fose a nosa. Iso cando non había cartos para o cine. Lembro ter comprado entradas para ver as peores obras cinematográficas do mundo e lembro ter acariciado cunha mistura de ansia e temor os grandes peitos mozos de M.J. pero o que non lembro son as propias películas que supostamente fomos ver.

Chegado aquel mesmo agosto, acudín xunto coa miña irmá á primeira edición do Noroeste Pop-Rock da Coruña, celebrada no Palacio dos Deportes de Riazor. Fomos xuntos pero non revoltos, que non era o caso dar a imaxe de sermos parella. Encantounos Viuda Gómez e flipamos cuns tipos que sacaron a bandeira de Suecia, pano co que aseguraron sentirse absolutamente identificados (?). O nome: Método Sueco. Claro. Logo pasaron os Glutamato, con esa estética tan nazi, Resentidos, Siniestro, Burning, Objetivo Birmania (puagh)...un mogollón da hostia para dous menores sen cartos. Xa de madugada, contra as tres ou catro da mañá, subiu ao escenario un tipo algo espigado de tez branquecina. Chamábanlle o Pereiro e cantaba en Radio Océano. “Son tan atlantico que teño gripe en agosto”, dixo, e comezaron a tocar. As cancións que máis me gustaban eran "Sexo Soviético" –sexo soviético, polvo quinquénico- e "Narcisismo", esta última con letra de Lois Pereiro:

Sigo os pasos do meu sangue no meu corpo

e coa unlla do meu dedo mais firme

abro un sulco vermello en media lua
na vea que me acolle tan azul


Narcisismo, narcisismo, narcisismo, narcisismo.....



A transición era miña e Lois Pereiro estaba alí. Feliz Día das nosas letras, señor Lois...señores Pereiro.


Excuscuscusas

by Katangueiro...por encargo

O luns anterior a calquera proceso electoral é o día da Santa Excuscuscusa. Toda unha tradición que, ademais, se vén acompañada dunha nova edición do Festival de Eurovisión acada cotas extremas de simpatía e bo humor. Buen rollito, que dicía Amparanoia....Analicemos.

A Voz de Galicia, diario regional que navega na longuísima tradición galaica de habitar entre o conservadurismo liberal e o liberalismo conservador, saca unhas enquisas -as súas, as de Sondaxe- para as principais poboacións de Galicia que son para mexar e non botar gota: que igual que che digo unha cousa, dígoche a contraria. Que o PP gañaría en seis cidades ou perdería en todas. Que o bipartito aguantaría en todas as cidades ou non aguantaría en ningunha. Que o BNG baixa pero a ver, ou que se mantén pero a ver...Que para outsiders Ferrol -todo un sorpresón, non?- e para o resto: calma chicha se non arrecia temporal. No caso coruñés, PP 13, PSOE 10 e BNG 4, pero pode fluctuar, variar e mesmo cambiar. En definitiva, excuscuscusas de mal pagador...ou de mal pagado.

A enquisa da Opinión para a nosa cidade katanguista éche moi diferente, polo menos para algúns. PSOE 12, PP 10, BNG 4 e IU 1. Aquí xa se mollan máis. Moito máis. Ata a cintura!!!!

As diferentes valoracións que os candidatos fan destas dúas proxeccións non son, tampouco, moco de pavo. A ver, a ver, a ver. Garantizamos comedia humana.

Losada apela ao voto masivo (?) de todos os que o apoiaron...antes (?). Isto para responder aos mellorables pronósticos da Voz.  Na Opinión, sen embargo, anima a eses mesmos votantes, que xa dá por certos, a non confiarse. Ben. Moi acaído.

Negreira di na Voz que todos os coruñeses e coruñesas percibimos o final dun ciclo, e que iso vén demostrado na enquisiña de Sondaxe. Na Opinión, onde non veñen tan maduras, tira de estereotipo e reclama aquilo de que a mellor enquisa é a rúa e tal, e tal e pascual. No seu xusto punto.

Carril (BNG) non valora nin un nin outra enquisa. "Non valoramos inquéritos deste tipo", aseguran desde A Coruña. Desde a dirección nacional si valoran os resultados globais: "Estamos indo a máis", aseguran, "en simpatía e aceptación". Cojonudo. Contra enquisas á galega, valoracións á galega...e non podo seguir lendo máis....

Carlos Marcos (Unión Coruñesa) responde igualmente tanto a unha como a outra. Prefire crer nos "más de ocho mil coruñeses" que lles pediron en persoa a papeleta. Coruñeses de palabra, eles. Caballero del honor, el. Normal. Ningunha enquisa lle dá nada pese a todo ese dispendio...Nós, con eses cartos e catro katanguistas...ollo ao piollo!!!! 

César Santiso (IU) quéixase na Voz de que sempre lle dan menos do que logo saca. Non entendo o argumento. A Voz sempre lle dá cero e logo saca efectivamente cero. Síntoo, de verdade, pero é así. Ai, pero como na Opinión pintan ouros, "estamos consiguiendo movilizar (?) el voto que se iba a quedar en casa". A ver para quen o mobilizan....

Corcoba (CORCOBA) non aparece nin nas enquisas nin opinando. Coñezo unha persoa que XA votou por Corcoba hai unha semana. A razón hai que atopala en que foi das primeiras persoas en solicitar o voto por correo, onde esta papeleta agora inválida figuraba no pack electoral que recibías, daquela, na casa. Eu xa lle recomendei denuncialo por fraude. Agora mesmo, tal e como está esa cousa, o seu voto vai ser inxustamente declarado nulo. POR CERTÍSIMO: tanto falar dos demais, pero o señor Corcoba debería pagar do seu peto o gasto que as súas ocorrencias nos ocasionaron a todos e todas. Ala joder xa.

Fóra do espectro (fantasma, ectoplasma, aparición...) electoral, non son tampouco inestimables as escusas da nosa cantante do Incio ante o resultado patético acadado cun tema musical patético na pasada edición de Eurovisión: vomita ou rebenta....Que se os veciños do norte se votan entre eles (España levou 12 puntacos de Francia e 12 da intervida Portugal) e a nós non ata o tan manido pero eficaz "participar es el plus y la posición lo secundario". Ai...que me rompo e parto....Xusto xustiño ao contrario de Corcoba, para quen o resultado é o plus e participar secundario!!!!!

E xa por último, que non derradeiro, está o do FMI. O seu director acusado de abusos sexuais e xa non é a primeira.  Nesta ocasión, a vítima é unha camareira de Hotel que nin en toda a súa vida currelando vai gañar o que este home gaña en tres meses...Veremos en que queda ao final a denuncia, pero este monetarísimo organismo internacional, tan pero tan estrito cos demais no pasado cercano e no presente inmediato, pide cautela. Vale bien. Na outra beira da rúa, diversos individuos e colectivos antisistema convocaron onte unha manifa contra os políticos e a súa forma de xestionar a crise. Tamén contra os banqueiros. A afluencia a estes actos foi menor que a de calquera estadio de fútbol....de SEGUNDA DIVISIÓN. Eu tamén protesto, pero non vos digo contra quen, que queda mal.

"Ummmmmmm...es bueno ser director del FMI..."

Abur, yogur!!!!

O Partido Copular ou agora entendo a CORCOBA!!!

by Pacotrón

Madre del amor hermoso!!!!!!

O Partido Popular da Coruña, dirixido por Don Carlos Negreira "O Benefactor" -tamén coñecido como "O Protohombre" ou "O Coruñés de pro"- vén de transmutarse, por arte de birli-birloque (ese barrio) en Partido Copular...o cal, dito sexa de paso, xenerou en nós grandísima e humidísima satisfacción.

Como podedes comprobar na imaxe que vos propoñemos ao comezo do texto, o plan de propostas de ocio a cuberto deste preclaro e españolísimo líder conservador contempla estender a "cubrición" como forma de lecer, tanto para nenos e nenas nos seus parques infantís, como para toda a familia no conxunto das instalacións deportivas dos barrios. Supoño que a estas alturas teredes advertido que o significado ÚNICO E ININTERPRETABLE da palabra "cubrición" en español, segundo a RAE ou o dicionario VOX é a seguinte:

RAE:

Cubrición.
1. f. Acción y efecto de cubrir (el macho a la hembra).

VOX:

Cubrición.
f. Acción y efecto de cubrir el animal macho a la hembra.

Non sei se xa volo dixera pero...encántame este home!!!!!!!!! Agora xa sabedes porque Corcoba pedirá o voto para o Partido Copular, digo, Popular.....

DON CARLOS: Je je je je je......(que no me pregunten por la cubrición...que no me pregunten por la cubrición, por Dios!!!)


Aburete, iogurete.....

Política outlet: quererás ser katangueiro


Pídennos desde a Opinión de A Coruña, máis concretamente Víctor Lamela, administrador do blog Un Coruñés Indeciso que se vai centrar nestas próximas dúas semanas nas eleccións municipais, un artigo-post-comentario-crónica-referencia e/ou escueta esquela sobre a campaña electoral coruñesa no que se poida medianamente referir a este espazo urbano no que convivimos -en maior ou menor medida- e que se chama Katanga. Intro.

Debemos, ante todo, matizar que o noso espazo virtual non che vos ten moito que ver cos blogs barriais ao uso que coexisten pola gran gran gran Coruña adiante. Os máis comúns deles practican información cavernícola, no sentido non pexorativo da palabra. Explícome: a actualidade, o que é considerado de interese, parte unicamente do que ocorre ou pode ocorrer dentro desa caverna urbana. As sombras que a realidade externa e complexa proxecta no seu interior son entendidas apenas como anacos da mediocre historia que nos tocou sufrir, anécdotas para encher un espazo de zapeo navideño ou antoloxía do disparate mediático vendida como anuario. Nós non. O noso mundo non é o noso barrio. O noso mundo é aquí visto desde nós. Chamámonos insurrectos porque somos intrépidos, quizais atrevidos, como a ignorancia, pero somos katangueiros porque nos resistimos a habitar a covacha húmida que se nos ofrece. É por isto que os nosos amigos e amigas son especiais. Todos e cada un deles/as. Preferimos a dor da luz, esa dor, antes que o agarimo da escuridade, por moi acolledora que esta sexa. Non esperedes, pois, unha croniquilla máis ou menos desafortunada sobre o que os diferentes partidos políticos prometen facer por nós e pola mellora da nosa contorna. Somos nós os que prometemos traballar por uns partidos políticos mellores e un mundo-contorna máis humano e habitable. Así de chulos. Así de ilusos. Así de inconscientes. Insert coin.

Quen siga esta katanga-koruña terá claro a estas alturas que nós apostamos, máis que por políticos, por políticas. Políticas públicas, of course, xa que a privatización destas trae só sacrificios no servizo que se debe prestar en aras da rendabilidade que uns señores decidan máis acaída aos seus intereses. A Europa raptada que cohabitamos privatizou aqueles servizos e infraestruturas que nos son máis necesarios e que nos garantían máis beneficios, tamén económicos. A enerxía, as telecomunicacións, as autoestradas, por citar algunhas, están hoxe en mans de piratas e bucaneiros, cando non de mercenarios. Por iso, porque o pobo xa non ordena, cando imos ao paro varios millóns de entre nós, aquí non pasa nada que non siga o guión da disputa partidista á hora do telexornal de prime-time. Cando, por contra, esbirra un Florentino, un Amancio, un Méndez, un Gayoso ou calquera patético remedo de pseudo-Mario Conde reconvertido en chulapo de feria de abril, enterámonos todos pero ben enteradiños, que para algo eles son crentes e nós paganos. O caso das entidades financeiras, por ser tan manido, non é menos demostrativo de que hai cousas, as que non teñen recambio, que non deben estar en mans privadas. E punto. Pero así están os patios traseiro e frontal da nosa casa, e moito nos tememos que a política municipal pouca cousa pode facer ao respecto. Non pidamos, pois, peras á maceira e midamos, na súa axustada medida, que clase de froito nos ofrecen estes e estas contendentes, aspirantes a munícipes coruños e katanguistas, tamén, de pro. Insert coin.

O socialismo coruñés vén de gobernar esta cidade desde 1983, de cando o Naranjito xacía, afortunadamente para os espíritos sensibles, soterrado e comido polos vermes. As súas políticas modernizadoras deron remate en canto alguén, con moito mando en praza, sustituíu a política polo interese. Así, de Alcalde descendeu a cocho e chegou a marrán, parafraseando con satánico rebobinado a Risco. Nestes últimos catro anos, condicionado este progresismo denominado socialista polos novos socios bloqueiros, sorpréndenos comprobar como si que había políticas sociais, de mobilidade, medioambientais ou de modelo urbanístico menos insostible para sacar adiante. "La vida te da sorpresas", que dicía Pedro Navaja. E as sacaron. As políticas. Insert coin.

O conservadurismo marinedo non adoece, en absoluto, de variedade e pintoresquismo. Desde a clásica aposta polo Partido Popular encabezado por Carlos Negreira ata o sorprendente Corcoba, antano lider popular e reconvertido agora en político local que pide o voto para o Partido Popular, pasando por Carlos Marcos, "que fue paloma al querer ser gavilán". Vaiamos por partes. Reset.

A primeira vez que vimos a Negreira por Katanga foi hai algo menos dun lustro. Viña en plan presentation,  ben acompañado por militantes populares. Paseaba, ou máis ben pasaba polo barrio, camiño do Ventorrillo, e levaba un homiño pechando o grupo que regalaba mecheiros ataviado cun gorrecho dos que puxera de moda Talleres Gayolo. Aquel foi o culmen da proposta política de Don Carlos. De aí, todo foi en descenso. Enlamou de tal forma a política municipal que acabou por pringar a todos. A súa bizarra estratexia política continuará goberne ou non, xa que dá evidentes resultados entre a súa masa votante, desmobilizando á súa vez aos contrincantes.  Sobre Corcoba, despois do que vos acabo de adiantar, non che nos queda moito máis que dicir. En plena campaña polo Tratado Cosnstitucional Europeo recoñeceu que non era tan malo votar en contra, de igual forma que el votara en contra da Constitución Española no seu momento. Un crack que se perdeu esta cidade. Non podemos nin imaxinar o que pensarían as persoas que o acompañan na lista, e que o acompañaron hai catro anos, cando esta mañá escoitaron pola súa propia boca que pedirá o voto para o Partido Popular. Carlos Marcos, por outra parte, é o candidato local con máis orzamento para (mal)gastar nestas eleccións con diferencia demoledora. Hai catro anos o seu careto cubría a fachada toda dun edificio en obras na Praza de Pontevedra. Este ano ocorre o mesmo en Juan Flórez. Ben sabe este home onde pedir o voto!!!! Abarrota cos seus concertos melódicos para nostálxicos. Este ano, Fórmula V e Pablo Abraira. Demasiao pa mi body. Calquera destes tres candidatos trae á miña memoria aquela canción que comeza: "¿Alguna vez has sido fiel a tus principios más que a tu instinto animal?". Insert coin.

O Benegá, socio menor deste goberno municipal que remata agora -e debemos de ser absolutamente sinceros en que de sempre foi a opción preferente na nosa mesa de redacción- descubriunos que existían as políticas de rehabilitación, igualdade, mocidade ou deportes. Vimos que se podía facer outra cultura e que se podía ser eficaz, máis que outras administracións involucradas, nas políticas de promoción económica e emprego. Compartimos no pasado a angustia de vivir na cova e, intrépidamente, decidimos abandonala na procura da luz, non sen antes padecer dor, sacrificios e tristezas. Tamén ledicias. Un día alguén, farto de luz, puxo unha gafas escuras, vendoulle os ollos a todos e berrou "todos para dentro!!!". A ver se algún día volven saír. A ver se algún día volven ATREVERSE a saír. Inser coin.

De Esquerda Unida só podemos dicir que calquera día aparecen en "Callejeros", ben sexa esquivando pelouradas nos arredores dunhas infravivendas, ben sexa denunciando fochancas. Son unha opción política necesaria, mellor dito, debería ser unha opción política necesaria. Entre tanto, quédalles moi acaída aquela canción de NOC que di: "Remiendos hechos de cartón, dando palos de ciego sin ton ni son, eras tú".

E do resto, destacar apenas a lista que pide a supresión das touradas (corridas de touros) na nosa cidade...ou era na Galiza?... non sei. Insert coin.

En fin, delfín, que visto o panorama...debimos ternos presentado!!!!

Saúdos de Katangueiro, Pacotrón e, só por esta vez, a Katangueira. Exit.

KATANGUEIRO: Ala...rematei de encerellar o que me mandaros estes dous berracos...agora vou a...zzzzzzzzzzzzzz.......