Páginas

De algo hai que morrer....

by Pacotrón, adicado a todas as vítimas estean onde estean....

De algo hai que morrer...din as veciñas e veciños das centrais nucleares españolas.

De algo hai que morrer...din as familias con fillos menores que por alí pululan cando se lles advirte de tantas veces máis probabilidades de contraer cancro infantil.

De algo hai que morrer...din as e os traballadores destas centrais cando escoitan falar de posibles e futuros peches de centrais.

De algo hai que morrer...dirá Gadafi aos seus seguidores antes a ameazar aos "cruzados" (cruzados de brazos??? ) occidentais con sangue, lume e ira.

De algo hai que morrer...dirán as multinacionais europeas e norteamericanas aos milleiros de nenas e nenos que morren de fame e enfermidade cada semana en países con incribles recurosos naturais, enerxéticos e mineiros.

De algo hai que morrer...dirán os familiares dos criminais fascistas españois ante as peticións de exhumación das persoas por aqueles fusiladas.

De algo hai que morrer...dirán os fachendosos directivos bancarios salvados eles mesmos e o seu inmenso patrimonio por todos nós cando unha familia necesitada -necesitadísima- acuda a pedirlles un crédito, que non vén sendo máis que pedir algo máis de tempo.

De algo hai que morrer...dirán os aliados ás vítimas de Yemen que, seica, non merecen protección como si a merecen as de Libia.

De algo hai que morrer...si.....pero non agora. Agora aínda non......

VECIÑO DE GAROÑA: Que no, que ya os lo he dicho más de mil veces...que aquí estamos seguros nosotros y nuestros hijos...A dónde iríamos a parar si renunciásemos a nuestra seguridad presente y futura a cambio de cuantiosísimos beneficios económicos momentáneos, ¿no?...

No día de mañá.....

by Katangueiro

Dun tempo a esta parte teredes advertido a cantidade de tertulianos/as que elucubran polas diferentes canles da tdt española. Hai de todo, como en botica, pero, sobre todo, haiche moito catetismo emanado desde a capital madrileña. Non quero dicir con isto que ser de Madrid implique certo grao de inmadurez política intrínseca, snobismo pegañento rancio, retórica alcanforada e/ou estética engominada achulapada. Por unha banda, non poucos destes tertulianos non proceden da capital do Estado katanguista. Non señor. Por outra parte, a adopción de certas actitudes e portes que desde a nosa periferia resultan chocantes por protofranquistas semella unha decisión absolutamente voluntaria por parte de toda esta camandulería que inunda a día de hoxe as ondas dixitais.

Hai quen presupón a toda esta ralea a soldo de grandes multinacionais enerxéticas, entidades suprabancarias ou mesmo forzas políticas con importantísima implantación estatal no abano das opcións electorais conservadoras. Pacotrón pensa así, pero eu non.

Eu son dos que opina que, con estes personaxes, non é preciso nin subornos, nin promesas nin comisións. Eles e elas bástanse soíños para reproducir como altofalantes todo tipo de consignas neocons, neoliberais ou neofascistoides. Xogan, iso si, con varias vantaxes. Por unha banda, aliñarse con certas consignas beneficia, máis cedo ou máis tarde, ás aspiracións tertulianas dunhas persoas que amosan de continuo a súa falta máis mínima de preparación profesional. Froito disto podemos comprobar como cada novo convidado a unha destas tertulias procura, na medida do posible, superar en inmundicia os comentarios xa emitidos anteriormente por xentes en nómina permanente da canle en cuestión. Hai que destacar.

A outra vantaxe que lles advirto é a propia das persoas absolutamente ignorantes das cuestións a tratar, xa que ao falar para un público á súa vez ignorante, poden permitirse o luxo de emitir calquera exabrupto e quedar como se nada. Un exemplo vivo disto é cando se empeñaron nunha campaña contra o idioma galego. Supostos tertulianos que presumían de "contactos muy fiables" na nosa terra aseguraban, sen rubor, que en Galicia perseguíamos aos casteláns falantes. Pouco menos que a gorrazos polas rúas. Toda unha historieta de medo e noxo no rompeolas de todas las españas.

Pois igual que falan da catarse nacional-socialista que vivimos na Xunta durante a época do bipartito, tamén defenden e propoñen dar un paso definitivo e pasarnos, así, de golpe e porrazo, á puta enerxía nuclear para darlles nos morros aos "moros esos que tienen el petróleo". Na súa opinión, as enerxías renovables non sirven. De nada vale que se saiba que, por exemplo, só coa enerxía das mareas Galicia podería ser autosuficiente. Pamplinas. En Madrid non hai mareas. Ou que coa eólica poderíamos ser capaces de servir ás necesidades totais do Estado. Chorradas, en Madrid non hai vento.

Agora ben, coa terrible desgraza provocada en Xapón por un terremoto ocorrido en alta mar e que xenerou unha onda mariña de dez metros de alto, e as consecuencias aínda non valoradas da catástrofe nuclear ás que se enfronta Xapón e, por extensión, o noso mundo enteiro, tardaremos en ver a estes personaxes defender a seguridade e limpeza desta fonte de enerxía. A súa cobardía é tal que mesmo renegarán de ter sido os seus máximos defensores, toda vez que esta defensa agradaba ás grandísimas e millonarísimas empresas enerxéticas españolas.

Eu, de ser tertuliano, propoñería unha misión militar urxente que trasladase a toda esta xente, os seus enseres e os seus familiares directos ao completo a calquera das zonas próximas a esas tres ou catro centrais nucleares danadas que hai agora mesmo en Xapón. Vacacións de verano en Chernobil incluídas. A ver se se animan de novo a aliñarse coa maldade humana que antepón ingresos multimillonarios á saúde - e vida- de millóns de persoas e mesmo do planeta enteiro.

En fin, descansen en paz as vítimas e moita sorte na vida ás persoas que puideron ter recibido radiacións estremas. Que teñan unha vida plena e que poidan cuspir nas tumbas de toda esta indecencia.

Pero non perdades a ledicia. Escoitade o tema que Portugal leva a Eurovisión

TERTULIANO: Puej yo no cambio de opinión. Ej que yevo viviendo aquí, al ladito de Chernobil, desde hace una semanita y...aquí estoy....hecho un campeón. Un monstruo, eso ej lo que soy!!!!