Matrimonios que non se perden ningún espectáculo gratuíto

by Pacotrón


Agora que están de moda os grupos surrealistas do feixbú referido ás señoras e señores que andan pola rúa, que se con bolsas no coco, que se protestando, que se comendo froita...eu qué sei facendo qué.....presentamos aquí un grupiño que dará moito que falar. Trátase dos matrimonios que acuden do ganchete a calquera espectáculo que se organice con entrada libre ata completar, e de qué forma se completa, o aforo...e o aforro!!!!! Cóntovos.

Unha das maiores diferencias culturais entre as xentes do noso tan querido País Galaico e as mesnadas poboacionais da Meseta é a actitude vital -e profundamente vitalista- que expresan uns e outros ante o fenómeno dos espectáculos gratuítos. Vexamos.

Comentaba un xornalista castizo de mediados do século pasado cómo unha compañía teatral do Madrid dos anos corenta, formada íntegramente por pipiolos e pipiolas novatos nas artes do espectáculo de masas, dera por sentado un cheo absoluto ante a súa inminente representación dunha obra clásica do Século de Ouro. Un Lope de Vega, poñamos. Máis ao contrario, chegado o día da infausta subida de telón, tan só unha entrada se vendera para tamaño espectáculo. A fin de asegurar o cheo no primeiro día, e garantir así as mellores críticas teatrais nos medios de incomunicación da época, decidiron adoptar unha medida extrema: declarar a estrea como día do espectador e non cobrar un peso pola súa asistencia. Que a obra era de balde, vamos. Cheo garantizado!!!

Chegado o momento da representación, o público, que abarrotaba a platea suorosa, irrompeu en berros, clamores, xesticulacións e protestas ante a falta, aparentemente evidente, de calidade desta representación. No medio do alboroto, cando xa ninguén no seu mínimo xuízo era quen de seguir a trama, ergueuse alporizado un homiño ubicado no medio medio do patio de butacas, e axitando os brazos con alteración, berrou aos presentes: "¡Por Dios, señores, que tampoco es una obra tan mala!".

Era o único que pagara por entrar.

Que a qué vén isto, pois a que na nosa tan querida terra, na nosa Marineda, na nosa Katanga extrema, ocorre máis ben todo o contrario, demostrándose así o feito diferencial máis indiscutible do noso País. Aquí o que paga, protesta, e o que entra de balde, aplaude a rabiar. Como debe ser.

Digo isto porque nos chega do Concello un convite para unha Gala-Homenaxe que se vai celebrar hoxe no Teatro Rosalía de Castro contra as 20:30 horas. A protagonista, xa falecida, é María Luz Morales Godoy, coruñesa que foi a primeira muller no Estado en dirixir un xornal. Neste caso, La Vanguardia de Barcelona. En plena guerra civil. Podedes consultar sobre esta gala AQUÍ. Pero o máis salientable é que a entrada é de balde, e haberá cine (documental) e música en directo. Qué máis queres, Baldomeiro???. Supoño que estará a rebentar. Moi coruñés e moi galego.

Só así se entende o falso rebumbio que se montou a conta dun vídeo que lle sacaron a Don Alberto, Presidente a la postre da Junta de Galicia y Aragón, unha noite de troula cos amigos e amigas de Boqueixón. E digo falso rebumbio porque non hai nada máis normal que un Presidente conservador lanzando unhas picaradas a algunha beleza adolescente en tanto os efluvios dos sucesivos mencías e alvariños inxeridos perpetran os seus efectos e defectos naturais. Tampouco hai nada anormal en que uns galegos aproveiten calquera convite para enguedellarse alí e sacar ebn limpo o que se poida: unhas gambas, unhas nécoras, unha papa descomunal e un vídeo para youtube. Qué más se puede pedir, qué más se puede pedir, que cantaría o castizo marinedo.

En fin, amiguiños, que aquí vai o vídeo, en tanto non o censuren, e o convite para vernos no seguinte espectáculo gratuíto.....que a vida é moi chuquela e hai que menearse con alegría!!!!!


Katanga romana

by Pacotrón

Mentras ascendo penosamente pola aba oeste cara aos cumios lodosos do Monte do Destino, abrupto fenómeno nomeado como Penamoa polos seus habitantes máis próximos, crúzome con numerosos grupos humanoides que, encabezados polo pater familiae, rodean tal cal mesnadas mercenarias, as diferentes paderías, confiterías e pastelerías do perímetro katangueiro do Ventorrillo. Si. Marzo dá para todo. Un día internacional das katangueiras, un día internacional da clase curranta katanguista, un día internacional sen carne, un outro día internacional da poesía, un día mundial da auga, un día internacional da tuberculose -a Divina Pastora nos acolla- e, en fin, o Día do Pai. Hoxe mesmo. Así non hai quen viva!!!!!!

O orgullo dos pater familiae agraortianenses é o orgullo propio do mes que os nosos antergos adicaban ao Deus da guerra: Marte. Ese planetoide arcillosos con penetrante olor a metano.

E xa vos comentei hai uns días cómo nós, katangueiros, somos romanos. Tolos romanos, sen dúbida, pero romanos. Así, ad hoc!!!!!!

Alcanzo o cumio do monte pese a que as miñas pernas suman case un século de anos entre as dúas. Maldita vida que nos mata cada día. Hai que ser un Jabato para perdurar, para permanecer, para pervivir.

Desde aquí arriba gozo extremadamente coa vista da baía Riazoris, expléndidamente defendida agora polos espellos refulxentes do Palatium Municipalis. Os raios de sol debidamente aproveitados e arteiramente dirixidos supoñen todo un risco -unha odisea,máis ben- para as velas das poderosas embarcacións inamistosas. Tal é o noso espírito guerreiro, o noso espírito de marzo.


CAESAR AUGUSTUS LENDORIUS: Allá se vienen las mesnadas tarraconenses para enfrentarse con levantino denuedo y mediterráneo ardor a mi querido Liceum.....Con este poderoso speculum los aniquilaré definitivamente, si.


Na cidade espartana de Vicum os seus poderosos guerreiros entoan aquilo de "vexo Vigo, vexo Cangas, tamén vexo Redondela". Nós, katangueiros de Roma, emocionámosnos co noso firme Millenium, a nosa sublime Domus, o noso erecto Farum, a nosa interminable Ágora, o noso divertido Coliseum, o noso húmido Aquarium Finisterrae, o noso elevado Observatorium, a nosa elegante Universitatem -Hac Luce Fenosae- ou o noso monumental Palatium Mariapitensis. Restos todos eles da Katanga romana.

Que o poderoso Marte nos garde a todos neste ano 801, ad Clunia condita.

JABATO KATANGUEIRO: La verdad, querida Claudia, es que pese al entusiasmo romanista de Pacotronius, no puedo evitar odiar hasta la muerte a Roma y a todo lo que ella desprende y representa!!!!!!!
CLAUDIA KATANGUEIRA: Ya, ya, querido Jabato, pero no resultas tan escrupuloso contra Roma cuando acudes lujurioso a acariciar mis desnudos muslos dorados al sol del Lacio, por no hablar de otras cositas......
JABATO KATANGUEIRO: Glubs.......m'has pillao.......


Feliz día do Pater!!!!!!!


E sen embargo.....marzo

by Katangueiro

Leo estupefacto a nova fatwa do señor Santiago Rey Fernández-Latorre no seu medio-enteiro La Voz de Galicia e non podo evitar pensar en que apenas estamos en primavera. O próximo domingo, máis concretamente. É o que ten marzo, que é así de marzal el. Que non dás aínda rematado de dixerir o último, e quizais derradeiro, cocido estacional e xa temos por aquí as brillantes creacións que uns atribúen á matemática creativa -ao número áureo, máis concretamente-, outros á divinidade que lles parece ou se lles aparece e outros moitos ao azar da química. Ao misterio do Universo máis aló do amosado en Matrix. Un misterio infindo.

E sen embargo, marzo. Preludio primaveral onde Don Santiago traza con pluma vivaz o escenario catastrófico da perda das Caixas, do asalto aos nosos recursos (os enerxéticos, señor?), da incompetencia e inoperancia da nosa/súa clase política, da sociedade civil que asiste inmóbil, impávida, iactiva, seica máis preocupada -isto dígoo eu- polo SEU escurecido futuro, ese que lle outorgaron os amigos ricachóns de Don Santiago, que polo futuro dos activos financeiros de Bancos, Caixas, grandes empresarios e/ou grandes especuladores. Qué banal. Lumpen social preocupado polos sobrecustes de encher a neveira para si e toda a súa familia cando están todas estas cousas en xogo!!!!!



E sen embargo, marzo. Vedes como as noutrora austeras pólas desta amendoeira reviven impávidas, lentas pero latexantes ante o novo espectáculo da natureza servido en catro dimensións, as tres propias do volume ás que se suma, gozoso, o tempo?. Un chiste, esa Avatar. Un chiste se a comparamos coa amendoeira, claro.

Anúnciase estes días un grande acontecemento para o noso País. Este ano 2010 verá o parto e vivirá os primeiros pasos da canle televisiva que Don Santiago poñerá ao servizo dos seus servizos: VTelevisión. Será entón televisión marciana, de réptiles come ratos, ou será a televisión da vitoria, da vitoria que nos come a nós?. As intencionalidades deste novo medio-enteiro son tan ambiguas coma a liña editorial que marca o seu correspondente vehículo escrito, así como a advertencia de que comezará a emitir na primavera, sen máis concrección, provoca en todos nós a vértixe do absoluto universal, a suor fría do medo ao descoñecido, o calafrío do inmenso estelar ou o estremecemento agnóstico dos poderes do número áureo.

E sen embargo, marzo. A friaxe da mañanciña estoura en quentura morna en canto asoman os primeiros raios de sol. As nabizas son xa un recordo, mentras as mimosas son unha forte presencia colorista, unha bonita praga amarela que conforma nos prados e brañas a Galicia xamaicana. Aínda doen as articulacións dos que imos gastados, pero menos.

Ao noso redor, os tradutores automáticos confunden dende ao Conselleiro de Cultura ata aos monxes. O Conselleiro é automático, coma as matemáticas. Por iso as súas leccións deben empregar vocabulario exclusivamente español. Porque yo lo valgo. Porque dos más dos nunca serán "catro". Por inmensa coherencia. A coherencia do Cylon.

E sen embargo, marzo si que non pode agardar máis.


O rapto de Europa. Nova entrega da nosa particular serie "Os sete piares da infamia"

by Pacotrón

Van máis aló de de dos mil anos. Daquela, xa existía o lugar que hoxe coñecemos como Katanga, referencia mitolóxica que ás veces oculta entre nós a existencia dunha auténtica Katanga dentro da República Democrática do Congo. Katanga africana, pois, como o son todos eses rapaces e rapazas que conviven actualmente no noso barrio. Katangueiros. Da Coruña. De Europa. Qué contraditorio.

Este lugar, estratéxicamente situado aos pés do Monte do Destino (Penamoa), servía de seguro como un excelente mirador natural sobre o Golfo Ártabro, o fantástico porto natural arredor do cal habitaban os nosos antepasados. Desde aquí, cómo non marabillarse coa contemplación das maniobras de entrada ou saída do Golfo que realizaban os impresionantes trirremes romanos. Cómo non sentir o alento do Imperio, que era entón o alento de Europa!!!!!! Katanga, a nosa Katanga, é a fin de contas, quéirase ou non, Europa. Desde moito antes de pensarse ou soñarse a Europa actual.

Aquel Imperio non foi tan ruín nas súas contas coa nosa terra como si é o actual. Vías de comunicación, acuedutos, termas públicas, cidadanía -primeiro para uns poucos, despois para todos- lingua.....civilización, seica. En todo caso, aquilo que destruíron tiñan planificado construílo mellor.


SILVIO LUPINO: Virade todo a estribor, en nome de Zeus, que alí ao fondo diviso Cambridge (NOTA: actual Cambre).
TITO FLAVIO: Di que si, Lupino, can desdentado de Apolo, que teño o sabor das sardiñas totalmente incrustado no meu cerebrum!!!!!!


No actual Imperio, o imperio da Unión, os catro pillabáns que nos mandan e gobernan, os de verdade, decidiron hai tempo que Europa toda era fácilmente raptable, que os enormes sacrificios que houbo que facer por parte do pobo poderían revertirse en pingües ganancias para eles. Que todo aquilo ao que nos obrigaba a nova Unión, e que nos forzou a adaptarnos ou desaparecer, non ía con eles. Que se tal ou cal Comisión decide implementar un novo requisito, custoso, para producir debemos cumprilo, aínda a risco de que pechen numerosas actividades económicas. Pero se, por contra, esas "recomendacións" denuncian os abusos cometidos día si e día tamén contra nós pola nosa propia Banca, entón non se vale, neno. No juego.


DIRECTIVO DE BANCA: Hombre, no me diga que es mucho pasarse cobrar unas comisioncitas de nada....que son unos eurillos que usté ni nota y que a nosotros, poquito a poquito, nos hacen mucho bien.....


Norma económica número un: nesta Europa desposuída aplicamos a receita neoliberal pura e dura cando tocan gañancias fabulosas. Isto é: "tó pa mi". Somos capitalistas convencidos ata as cachas. E cala, cala, rojito, que mira como están en África. En Katanga.

Pois en Katanga, en Europa, estamos máis que fartos de que estes pinflois nos veñan agora con que perden cartos ou, tan só, perden de gañar os cartos que pensaban gañar, volvéndose repentinamente socialistas. Chagamos así á norma económica número dous: nesta Europa desposuída aplicamos a receita socialista pura e dura cando toca non gañar o que tocaba. Isto é: "los pufos son de todos". Son socialistas convencidos ata as cachas. Qué ironía máis custosa: o Estado que queres adelgazar ten que acudir no teu socorro cando, perdidos os estribos e sen capacidade para a reacción, te atopas ao borde do abismo. Ironía custosa, si, pero custosa para todos nós.

Pensemos xuntos sobre todo isto.

Eu agora marcho. Vou subir o Monte do Destino polo seu lado norte, para así contemplar algo do Golfo Ártabro. O que me deixan contemplar as moles construídas á beira do Río Bravo (Ronda de Outeiro). Entre tanto, vou ir cavilando. Contoume Dona Rosa o venres pasado cómo lle subira o recibo da luz. "Un pecado, meu. Con esta pensión y más lo mío....pues imagina".

Lin por algún sitio que o recibo da luz continúa sube que te sube aínda que se abaratou o prezo do kilovatio. Tamén as principais grandes empresas volven declarar beneficios para nós inalcanzables. Unha gran nova. A luz milagreira ao final do túnel (¿?).

E así, mentras penso en escalar a montaña, penso tamén no que pensan todas as persoas que se atopan nas fileiras do paro.

Bueno, iso.............................en qué pensarán??????


GRANDE EMPRESA ELÉCTRICA: Primeiro, págoche o anaco de terra a prezo de coña. Logo instalo os meus muíños e estropeo a túa paisaxe sen darche nada a cambio. Consigo enerxía fácil e barata. Por últimísimo, subo o recibo da luz coa excusa da moratoria que se me ocorra, da cota de non sei qué, do aluguer do non sei cánto, e así todo....ji, ji, ji, jito.......


Abur, yogur!!!!



Os sete piares da infamia: sanidade versus santidade

Compartir
by Katangueiro
Pois fai ben Don Alberto, moi ben, en acudir ao Vaticano para recibir a benzón do mesmísimo Benedicto XVI coa excusa de arrincarlle ao Santo Padre unha visitiña xacobea de cara a novembro de 2010.

E fai ben en acudir acompañado da súa actual parella, quen se nos apresenta tal e como sinxelamente é: unha rapaza dos nosos días, gótica no vestir, silente no conversar e sumisa no comportar. Que os tempos cambiaron, carafio, e a dereita española tamén....un pouquichiño.

E así anda a Katangueira rompéndome a cabeza para que nós tamén sexamos recibidos en audiencia privada polo Papa, para pedirlle que vele por nós e, moi especialmente, pola nosa saúde, que ao paso que imos levando, nesta Galicia albertina, para a próxima gripe que collamos vai ir sendo mellor chamar a un confesor directamente, xa que da Sanidade Pública non vai quedar nin rastro ao remate desta lexislatura autonómica. Agora entendo o nomeamento de Dona Pilar Farjas como Conselleira de Santidade da Junta de Galicia y Aragón. Qué atinada decisión!!!!

Aos coñecidos recortes en atención sanitaria de tarde, que provocaron un aumento das listas de desespera dun 40% automáticamente, únense agora decisións tan alucinantes como a de pechar a Unidade de Educación Maternal do Hospital Materno Infantil da Coruña. Seica van ampliar a cafetería. Podedes protestar AQUÍ, pero xa vos adianto que esta decisión gustará aos potenciais usuarios...da cafetería. Onde estea un bo cortado, que se quite un peito feminino presto para dar de lactar.....co feo que é iso, así, ao natural!!!!!!!!


NENÉ. Home....por min non vos preocupar, que eu quedo co sistema natural....sen gas!!!!!!

Así que, como vedes, non estamos a esaxerar con iso de que vos vaiades buscando un confesor de man, por se as moscas. Outra opción sería a de pasar por caixa -que non por Caixa, que están moi cutres coa peña humilde- e aforar a boleta que vos pidan por mirarvos por riba e receitarvos por baixo algunha das drogas legais que se venden nas farmacias da nosa Región. En Katanga xa hai quen pide que legalicen os porros e a maría pero de xa....De ter que agardar seis meses a que me miren se teño un tumor, comentan os máis optimistas, que polo menos mos deixen pasar fumao de todo, sen sentir, que así se pasan máis rápido!!!!!


DON ALBERTO: Pues si, Santo Padre. Esto es lo último que hemos sacao para acortar el tiempo de espera de la seguridá social: la arguila canutera.
PAPA BENEDICTO XVI: Molto bene, molto bene....ji, ji, ji, ji......


A nosa colaboradora Msarkadina está a elaborar un traballiño que dexará a máis de un coma se fumase media plantación de maría dunha bocanada, pero desde a nosa redacción consideramos preciso ir comentando estas "cousiñas" do noso devir histórico en tanto actantes e padecentes desta nova era albertina, gótica, vaticánica e cutre que tan bos recordos nos trae da nosa mocidade ochentera...e se non que llo pregunten a Robert Smith.


ROBERT: Dios santo....tengo treinta mil de fiebre, perdí quince quilos en tres semanas y meo de color azul cobalto.....y no tengo cita para el CHUAC hasta mayo........de 2011!!!!!


En fin, delfín.....continuará!!!!!!